Artes escénicas na terceira edición do Festival 85C de Vigo

Entre os vindeiros 7 e 9 de setembro celebrarase en Vigo unha nova edición do Festival 85C que reúne a mulleres creadoras de todas as artes e disciplinas. Máis de 25 locais da cidade, acollerán as propostas dunhas 80 artistas diferentes.

O evento está organizado desde a asociación sen ánimo de lucro, 85C, que traballa irmandando mulleres artistas de distintos eidos e cidades coa intención de facer medrar o panorama da cultura emerxente.

No campo das artes escénicas, o Festival 85C ofrece na súa terceira edición un ciclo no que o público poderá gozar de tres pezas, algunhas delas inéditas, con formatos moi diversos. O 8 de setembro, a partir das 17.30 no MARCO, poderanse ver:

  • Ada ou Contar de memoria unha novela de Nabokov de María Roja. Un espectáculo que naceu dunha vivencia persoal da súa creadora quen nos primeiros meses de 2018 perdeu o sentido da vista. Así o conta a autora “cada vez máis escasos entretementos co paso das semanas, alguén deu en lerme en voz alta, a anacos diarios, a novela de Vladimir Nabokov titulada Ada ou o ardor. Este feito serviu de punto de partida a unha acción na que se propón unha sorte de visita guiada ao rexistro que do texto permaneceu en min de xeito natural, entretecido este con acontecementos persoais íntimos e eventos históricos de certa relevancia xustapostos no tempo a dita escoita. A través dun inventario narrativo e formal descontinuo, desbótase a reconstrución fiel do relato textual en favor da implicación física do corpo e do contexto no acto de recordar”. As performers María Roja e Maria Chiginskaya conducirannos con Ada ou contar de memoria unha novela de Nabokov a través dun exercicio de rescate da memoria orgánica que bebe das nosa tradición oral e física.
  • Bownd: Melissa Sousa e Caterina Campos chegan desde Portugal e Venezuela para presentar de forma inédita a peza de danza BOWND onde mesturan a danza urbana coa linguaxe e os conceptos máis clásicos da danza. Por primeira vez amosarán ante o público o seu traballo conxunto afondando nun diálogo corpo e mente que levará a escena a evolución profesional das dúas creadoras.
  • A xornada no MARCO péchase coa intervención de Noelia Blanco, Noa Covelo e Celina Fernández Ponte, Inherente Teatro cunha peza inédita que será representada por primeira vez ante o público no Ciclo de artes escénicas dentro da programación do III Festival 85C. A obra explora conceptos como: ser ou non ser. Nutrirse. Debuxarse con pinceladas grosas. Non ser o resultado dunha paisaxe impresionista. Non ser entre as manchas. Manchar. Impresionar. Estoupar. Sentirse no mundo. No mundo. Enzoufarse: con fariña, con sal, con viño, con auga, con corazóns de vaca, con suor, coa sarabia das pólas… Mancharse con noxo e pracer. Licuarse, solidificarse, emulsionarse, cociñarse, transformarse… Facerse substancia mutable, sen saber se iso é poderoso ou precario. Facer teatro líquido. Facerse unha teatro e facendo teatro facerse a unha.

Ese mesmo sábado 8 de setembro, ás 21:00, o Colectivo de acción As ghatas salvaxes participará na III edición do Festival 85C coa acción 3564. Para a súa realización, As ghatas salvaxes e 85C, animan a toda muller a participar de forma activa e lanzan unha convocatoria pública e aberta entre as mulleres interesadas. Para formar parte da acción non se require ningún tipo de formación previa. Só se precisa confirmar a participación antes das 23:59 do luns 03 de setembro no mail asghatasalvaxes@gmail.com.

O domingo 9 de setembro ás 12:30, na Praza da Constitución, 85C programa, para os máis pequenos, TilinTilonia, de O Baúl da Tía Tola (Soraya Paradela e Anna Canadillas): un pequeno planeta habitado por Tilín e Tilón, cada unha co seu son. Elas descubrirán un mundo cheo de texturas, cores, sons e fantásticos seres que xorden coa música e onde o aire e a auga se converten en elementos de xogo.

Ademais, 85C ofrece un obradoiro de danza empoderante a cargo de Olga Cameselle , outro de danza en familia a cargo de Nuria Sotelo, e un terceiro, tamén a cargo de Nuria Sotelo, de danza con bebés.

 

Imaxe: Nuria Sotelo no seu espectáculo Ensaio amor. Foto de Rubén Vilanova.

Deixar unha resposta