A compañía La Macana estrea en Alemaña a súa nova montaxe

A compañía La Macana estreará este venres 7, no Theater im Pumpenhaus (Münster, Alemaña) a súa nova creación, Pink Unicorns. A esta estrea lle seguirán outras funcións, unha no mesmo teatro de Münster e outras dúas no Theater Bremen, antes de presentar o espectáculo en Galicia, no Teatro Rosalía de Castro da Coruña, o vindeiro 20 de outubro.

A nova peza ten un formato parecido á creación anterior No Title Yet (2012), dirixida en colaboración co coreógrafo afincado en Alemaña, Samir Akika, e que porá enriba do escenario a Alexis Fernández e o seu fillo adolescente.

De feito, o punto de partida da nova creación de La Macana en colaboración con Samir Akika é un reto, o reto de pór en escena a un pai co seu fillo adolescente. O primeiro, un galego de orixe cubana que na súa ampla experiencia como bailarín nunca tivo que se enfrontar a un maior desafío que bailar cun compañeiro tan próximo. Pola outra banda, un espléndido, atlético e creativo rapaz de catorce anos, cheo de enerxía e de ganas de confrontar a súa perspectiva “millennial” co seu querido pai.

Pink Unicorns conta coa coprodución do Agadic en Galicia e o o respaldo de dúas importantes institucións adicadas á danza en Alemaña: o Theater im Pumpenhaus e o Theater Bremen, así como algunhas colaboracións fundamentais no noso propio país como a do Teatro Rosalía de Castro da Coruña que acolle a estrea en Galicia.

LA MACANA é unha compañía de danza con base en Galicia formada no ano 2009 polos creadores e intérpretes Caterina Varela e Alexis Fernández. As colaboracións continuadas con outros artistas e a forte proxección internacional dos seus proxectos son dous dos piares fundamentais sobre os que se constrúe a compañía.

Samir Akika é coreógrafo, director, comisario e produtor; na súa intensa traxectoria recibiu numerosos premios, entre outros, a Medalla da Danza de Westfalia de 2009 a 2011. A súa carreira profesional mantén estreitos vínculos co Tanzhaus NRW Düsseldorf, o Theater im Pumpenhaus ou o Goethe Institute. Desenvolveu proxectos xuvenís por todo o mundo, de Johannesburgo a Nuremberg, de Berlín a La Habana, de a India a Oriente Medio.

 

Datas

7 e 8 de setembro – Theater im Pumpenhaus (Münster, Alemaña)
13 e 14 de outubro – Theater Bremen (Bremen, Alemaña)
20 de outubro – Teatro Rosalía de Castro (A Coruña, Spain)

Deixar unha resposta