A ESAD de Galicia denuncia os recortes da Consellería de Educación

A Escola Superior de Arte Dramática de Galicia emite un comunicado no que se denuncia o “insoportable recorte de persoal docente” e esixe a reposición nos seus postos dos seis docentes excluídos nos dous últimos anos. Reproducimos o texto a continuación.

O claustro de profesores e os representantes do alumnado da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) queren denunciar que o antedito centro educativo, o único en Galicia dedicado ás ensinanzas superiores de arte dramática, vén padecendo dende o ano 2014 un insoportable recorte do seu persoal docente, chegando nestes últimos cursos a perder ata un vinte por cento do seu cadro de persoal.

O claustro da ESAD esixe a reposición nos seus postos de traballos dos seis docentes excluídos nos dous últimos anos e considera que estes recortes lesionan gravemente os obxectivos de calidade que presiden o ideario pedagóxico do centro, obxectivos refrendados polos recoñecementos obtidos pola Escola e polas traxectorias profesionais dun número crecente dos seus egresados.

A ESAD quere lamentar, así mesmo, a conduta hostil do funcionario da inspección educativa a cargo do centro. Esta actitude maniféstase nas continuas e abusivas propostas de recortes de profesorado, nas irregularidades procedimentais, nas interferencias anómalas no concurso de adxudicación de prazas, no hostigamento aos cargos directivos, e no intento reiterado de menoscabar a autoridade do profesorado, chegando mesmo a revocar arbitrariamente decisións docentes tomadas conforme aos procedementos establecidos pola normativa vixente.

Nada do devandito contribúe a crear o clima de cooperación necesario para o desenvolvemento axeitado da vida escolar, e tanto o corpo de profesores como os representantes do alumnado da ESAD de Galicia coinciden en instar á consellería de Educación a corrixir esta situación, que pasa en primeiro lugar pola inmediata anulación do recorte de profesores proposto polo inspector para o curso que vai comezar. É a nosa vontade iniciar o curso con normalidade, pero non dubidaremos en adoptar as medidas, accións e mobilizacións que consideremos pertinentes se non se solucionan os problemas que motivan este comunicado.

Deixar unha resposta