in

Stephen Hawking, Paul Auster e o Diario Cultural

backlit |
| Manuel Xestoso |

 

O multiverso, malia o seu nome, non é un xénero literario: se o fose, xa o terían tratado o Diario Cultural e Ana Romaní, a quen, por certo, nunca lle estaremos o suficientemente agradecidos polo labor realizado nos últimos 28 anos. Pero non, o multiverso é un termo que define o conxunto de universos existentes, segundo as teorías que postulan a existencia de universos múltiples. Segundo estas hipóteses, o big bang tería xerado unha cantidade indefinida de universos, entre os cales algúns posuirían propiedades moi semellantes ao noso. O derradeiro estudo de Stephen Hawking trata de teorizar esta hipótese dende a física cuántica, dá pé a supoñer que os distintos universos poderían non estar desconectados e mesmo suxire a posibilidade de que entren en colisión. Isto significa que botándolle un pouco de imaxinación e de física teórica, podería existir, por exemplo, un universo paralelo no que todo fose exactamente igual ca neste pero no que en Galicia non gobernase o partido que goberna agora. Ben, de acordo, botándolle bastante imaxinación.

Un exemplo de colisión de universos podería estar detrás dun caso real que Paul Auster explica nun relato: parece ser que, en certa ocasión, lle foi devolta unha carta dirixida a Robert Morgan debido a que o destinatario non vivía no enderezo sinalado. O peculiar do caso é que Auster non lembraba terlle escrito ningunha carta a ningún Morgan, que non coñecía a ninguén con ese nome e que no apartado do remitente había unha etiqueta que contiña os seus datos pero que el nunca usara. Seguindo o razoamento anterior –non de todo disparatado, segundo Hawking– cabe pensar que nunha existencia paralela, noutro universo diferente, Auster si coñecía a Morgan e que si lle enviou unha carta a un enderezo errado. O que ocorreu despois foi que o servizo de correos devolveu a misiva a un universo e unha existencia que non se correspondían cos do envío orixinal.

Publicidade

Auster vive en Nova York, un lugar tirando a confuso onde resulta bastante predicible que poidan afuciñar universos contraditorios, pero en Galicia tamén temos exemplos destes desaxustes cósmicos. Por poñer un caso: hai tres meses o Comité Intercentros da CRTVG comunicou que o Diario Cultural ía desaparecer e que o seu contido se diluiría en espazos máis breves repartidos ao longo do día. Este anuncio desatou unha escandalizada e virulenta reacción do mundo da cultura, que se manifestou en contra do esnaquizamento deste espazo apelando a razóns de calidade e de prestixio; considerouse irresponsable a decisión de desvirtuar un programa cun brillante percorrido; estimouse que a resolución da CRTVG era un indicio de falta de compromiso coa cultura galega; valorouse o proxecto como un xesto de autoritarismo afastado da maioría social e da pluralidade creativa. Incluso se redactou un manifesto que asinaron unhas catro mil persoas vinculadas, dun xeito ou outro, cos indignados cenáculos culturais.

Pois ben, a proba de que todo iso aconteceu nun universo paralelo e moi distante do que habitamos agora tivémola a semana pasada, cando a CRTVG anunciou que ía facer o que xa anunciara: diluír os contidos do Diario Cultural en espazos máis breves repartidos ao longo do día. O que sucedeu entón foi que os mesmos que antes se mostraban irritadísimos –no outro universo, quero dicir– procederon a felicitarse pola atención prestada ao mundo da cultura por parte do ente público, a parabenizar aos novos colaboradores do programa e, en xeral, a amosar a súa satisfacción polo xeito en que se tramitou o asunto.

Se o estudamos de cerca, o descubrimento do multiverso reporta innumerables vantaxes. Se non fose pola existencia de universos paralelos, a estas alturas estariamos falando do irreflexivo presentismo das sociedades postindustriais, do relativismo moral da posmodernidade ou da autosatisfacción frívola e narcisista do capitalismo tardío. E ninguén negará que estes conceptos tenden a ser máis ben deprimentes e desmoralizadores. O multiverso, pola contra, é unha bicoca: permíteche criticar unha cousa un día e aplaudila ao día seguinte. Ou mesmo asinar un manifesto contra o peche dun programa e un contrato cos responsables da clausura sen cambiar sequera de bolígrafo.

O único inquietante é que en todos estes universos paralelos, sempre gobernan os mesmos. O multiverso, seica, tamén é unha bicoca para eles. Sobre todo para eles.

Publicidade
Publicidade
Publicidade
Manuel Xestoso

Manuel Xestoso

Crítico cultural e escritor. Traballou como editor e xornalista cultural en A Nosa Terra e colabora en publicacións como Grial, Faro de Vigo, Sermos Galiza ou Nós Diario, entre outras. Foi subdirector da Erregueté dende 2016 ata 2020. Publicou Antón Reixa. Ghicho distinto, xunto a Xosé Cid Cabido (Xerais, 2012), e o volume de poemas As ruínas de Europa (Galaxia, 2017).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Asocs |

As asociacións profesionais apoian a manifestación a prol dos medios públicos

esad galicia recortes |

A ESAD de Galicia denuncia os recortes da Consellería de Educación