Folga na ESAD para esixir a restitución do profesorado

Despois da aprobación maioritaria dos seus traballadores e traballadoras, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia convoca, para a semana que vén, tres días de folga en protesta porque nos últimos dous anos se consumara a perda de seis postos de traballo.

En concreto, para este curso académico a dirección do centro reclamaba tres novas vacantes e a Consellaría, tras o informe do funcionario da inspección educativa, non só non concedeu ningunha senón que eliminou outras tres adxudicando só 34 interinidades, cando en 2014 chegou a contar con 42. Esta decisión chega nun momento no que se incrementou considerablemente o número de alumnado matriculado nos primeiros cursos e no que en certas especialidades como dirección escénica ou dramaturxia, após os peores anos da crise económica, xa estea estabilizado.

Tamén se denuncia o comportamento hostil e arbitrario que mantén o inspector encargado do centro, responsable das decisións de recortes de persoal e empeñado en tratar a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, con sede en Vigo, como un instituto de Secundaria sen ter en conta as especificidades dos estudos que nela se imparten equivalentes ao grao universitario.

O claustro do centro atribúe estas decisións ao particular asañamento do inspector encargado desta área, Gustavo Lorenzo Prozzo, que se manifesta na intromisión nas prazas solicitadas, cambiando nalgúns casos o seu perfil, no acoso aos cargos directivos e no menoscabo á autoridade do profesorado. Así mesmo, acúsano de aplicar a normativa dun instituto de Secundaria nun centro no que se imparten estudos superiores, equivalentes ao grao universitario coas particularidades que teñen estas ensinanzas.

 

Calendario

  • LUNS 17: Concentración ás 12 diante do Edificio da Xunta en Vigo.
  • MARTES 18: Concentración ás 11 na Xefatura Territorial de Pontevedra.
  • MÉRCORES 19: Concentración ás 11 na Xefatura Territorial de Pontevedra.

Deixar unha resposta