Unha ducia de espectáculos no III Fóra do Mapa de Ferrol

A terceira edición do festival Fóra do Mapa desenvólvese en Ferrol do 24 ao 30 de setembro. Dedicado ás artes escénicas contemporáneas, o programa quere resaltar o patrimonio artístico e arquitectónico da cidade a través da presentación dunha ducia de espectáculos en diversos espazos: algúns descoñecidos e  inexplorados e outros máis habituais para escena ferrolá. Ademais das pezas e actividades previstas, o festival conta este ano cun espazo formativo guiado pola coreógrafa Marta Carrasco.

¡Que me cuenten lo bailao! é o título do obradoiro que Marta Carrasco impartirá en Ferrol do 24 ao 27 de setembro en horario de 11.00 a 14.00 horas. O espazo, concibido como un tempo de experimentación no que compartir e ver “onde pode chegar o corpo, a expresión corporal e a interpretación” inclúe a creación dunha peza ad hoc para o festival.

O luns 24 de setembro, ademais da presentación do Fóra do Mapa e o inicio do curso, a partir das 20.30 horas terá lugar a inauguración da exposición “Fenómenos do rural”, unha homenaxe á muller rural galega asinada por Yoseba Murazábal. A mostra, que ofrece unha serie de cadros e murais con retratos de mulleres con súper-poderes como protagonistas, estará aberta até o 30 de setembro no C.C. Torrente Ballester.

O martes 25 continuará o ciclo dedicado a Marta Carrasco con Perra de nadie. Recoñecida pola público e a crítica, Perra de nadie presenta un percorrido introspectivo da man da figura de Lili: a cadela que vive no interior de todos nós e que “por non ser de ninguén pode chegar ao fondo da súa intimidade”.

O mércores 26 o C.C Torrente Ballester acollerá o espectáculo Ultrashow de Miguel Noguera a partir das 21.00 horas. Ultrashow é un monólogo con pasaxes improvisadas e divagacións inesperadas que se move entre a conferencia e a peza teatral. Unha proposta que xira ao redor das 30 ideas que o creador selecciona do material de anotacións e debuxos que elabora a diario.

Despois da presentación da peza realizada co alumnado do Obradoiro de Marta Carrasco prevista para o xoves 27, para o venres 28 de setembro Fóra do Mapa reserva a presentación de tres pezas breves en tres pases ás 18.30, ás 19.15 e ás 20.00 horas: trátase de Figueira, que Diana Mera presentará na Sede Afundación, Hoy puede ser mi gran noche que Teatro en Vilo levará ao Pub Malvada e O último que peche, de Alberto da Sinda no Portal Casa Pereira. Por último, Enconarte Producciones compartirá a súa Monstruación ás 21.30 horas no Antigo Restaurante Chino.

Tres pases (18.30, 19.15 e 20.00 horas) son tamén os que ofrecerán, o sábado 29, Ángel Simón co seu O home efémero na Antiga “Panadería Francesa”; Xabier Deive con Grallar de Corvos e Sirenas de Barco na Cafetería Tupinamba e Mi cuerpo es capitalismo, de Esperanza Guardado na Rúa Real, 134, 1º. Finalmente, Teatro en Vilo presentarán o seu Generación Why a partir das 21.30 horas no Teatro Jofre.

A xornada do 30 de setembro comezará co roteiro Walking Ferrol. Concibido por José Prieto a inciativa propón un roteiro polo “Ferrol paranormal onde se analizarán estraños fenómenos como o enigma da muralla de Bazán, a maldición da casa do Concello ou a misteriosa desaparición de Zara”. Con saída no palco de música da praza da constitución, o roteiro conta con un pase ás 12.30 e outro ás 13.30 horas. Por último, STRPTS Episodio I: Mirlo&Rula de Cinema Sticado son os encargados de pechar o programa ás 18.30 horas no C.C, Torrente Ballester.

 

Entradas

As entradas son de balde, agás para a obra Ultrashow no C.C. Torrente Ballester, que ten un prezo de 5 euros. No caso das entradas para o Teatro Jofre e o C.C. Torrente Ballester, estas serán retiradas na billeteira. Para o resto de espazos, é preciso reservalas a través do mail foradomapaferrol@gmail.com.

 

 

Este artigo foi actualizado o 17-09-2018 para incluír o espectáculo O último que peche, de Alberto da Sinda, incorporado ao programa despois do anuncio público do mesmo.

Deixar unha resposta