Fantoches Baj estrea novo espectáculo no Barco

A compañía teatral Fantoches Baj estrea este venres, 21 de setembro,ás 21:00, no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, a súa nova produción, dirixida a público adulto, Auga que non vas beber…

Sobre o escenario dous actores, Almudena Vidal e Inacio Vilariño, que dan vida a diversos personaxes nunha singular proposta que engarza o teatro, os monicreques para adultos, a música e a narración oral. Con Auga que non vas beber, da compañía Fantoches Baj ponse en marcha a nova tempada teatral no Barco.

Trátase “dun recital satírico para monicreques” dunha hora de duración no que salientan diversas cantigas populares como “A saia da Carolina”, “O sermón do padre Damián” ou “O cura está malo”, entre outros cantos e contos que remiten sempre a unha memoria colectiva de transmisión oral compartida en toda a península ibérica e que o autor enlaza para contar as aventuras e desventuras amorosas do muiñeiro Xosé coa Carolina, baixo a libidinosa tutela do padre Damián, cura de Agolada, tal e como explica a propia compañía.

Nesta obra, cuxa posta en escena inspírase na figura do cego con monifates, Inacio Vilariño (autor e director) encarna os papeis de narrador, do padre Damián e do muiñeiro Xosé, e Almudena acompañará musicalmente a peza ao tempo que asume o papel da Carolina.

Deixar unha resposta