in ,

Festival Transfronteiriço de Teatro Amador PLATTA en Viana

PlattaViana18 |

O Festival Transfronteiriço de Teatro Amador PLATTA, que xunta amadores de teatro de Castela e León, da Galiza e do Alto Minho, terá lugar nos próximos días 21, 22 e 23 de setembro, en Viana do Castelo.

A partir do Teatro Municipal Sá de Miranda, a TEIA – Teatro Em Iniciativa, rede cultural composta por 23 asociacións culturais do Alto Minho e dinamizada polo Projeto Comunidade do Teatro do Noroeste – CDV acolle os grupos provenientes do outro lado da fronteira para unha fin de semana de intensa actividade cultural que por primeira vez se realiza na capital do Alto Minho.

No día 21, ás 21:30, no Café Concerto do TMSM, o grupo Atrezo Teatro, de Vigo, presenta a comedia Chicago Killers, con texto de Jessica Roade e dirección de Chelo Pampillón.

Publicidade

No día 22, tamén ás 21:30, na Sala Principal, será a vez do grupo castelán Fénix Teatro, de Zamora, que presenta Mamaá!!!, de Jordi Sánchez e Pep Antón Gomez, con dirección de Rafael González.

E no día 23, ás 11:00, preséntanse tres lecturas dramatizadas da obra Fíos, de Ernesto Is, nos idiomas galego, castelán e portugués. Fíos é unha das obras editadas no número 93 da erregueté – Revista Galega de Teatro, coa que Ernesto Is gañou o segundo premio do XXIV Certame Literario A Pipa 2015.

Ás 17.00, na Sala Principal, o Teatro Amador de Lanheses, dinamizado pola Junta de Freguesia de Lanheses, Viana do Castelo, presenta A Farsa do Mestre Patelino, con dirección de Carla Magalhães.

Todas as iniciativas teñen entrada libre até esgotar as localidades.

O Festival Transfronteiriço de Teatro Amador é unha organización da PLATTA (Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador), constituída por FEGATEA (Federación Galega de Teatro Afeccionado), a Erregueté – Revista Galega de Teatro, a FGATCYL (Federación de Grupos Aficionados de Teatro de Castilla y León) e por TEIA (Teatro Em iniciativa Associativa).

 

PLATTA

Creada co propósito de fomentar o diálogo do teatro amador transrexional e transnacional como unha realidade dentro do espazo cultural europeu, así como apostar por unha nova visión do teatro amador como elemento indispensábel para a divulgación e intercambio cultural transfronteirizo, a PLATTA – Plataforma Transfronteiriza de Teatro Amador desenvolve unha programación teatral e cultural que promove o intercambio teatral transfronteirizo entre Galiza, Alto Minho e Castela e León, a través da realización de tres festivais transfronteirizos de teatro amador, un por cada membro, con grupos participantes dos tres espazos, que se realizan: en marzo ou maio, en Castela e León; en xuño, na Galiza e, en setembro, no Alto Minho.

O Festival Transfronteiriço PLATTA aproxima amadores de teatro minhotos, galegos e casteláns, a través da presentación de tres lecturas dramatizadas e de tres espectáculos de teatro nos tres idiomas, nunha experiencia intercultural marcada por un denominador común: o amor polo teatro.

Publicidade

A práctica lúdica do teatro, arte que nos é tan próxima pola facilidade con que, por exemplo “Todos poden facer teatro, até os profesionais!” –na provocación de Augusto Boal–, é unha ferramenta capaz de criar non-lugares de paz, de empatía e de xogo entre seres humanos, ofrecéndonos oportunidades para ollarmos o Outro (e nós mesmos) a partir dun escenario.

Cando o Festival Transfronteiriço PLATTA se realiza en Viana do Castelo por primeira vez a través da TEIA – Teatro Em iniciativa Associativa, rede cultural dinamizada polo Projeto Comunidade do Teatro do Noroeste – CDV composta por 23 entidades culturais do Alto Minho, algunhas delas dedicadas ao teatro de amadores, desexamos que este evento poida ser un contributo para a vitalidade do teatro amador en toda a súa riqueza e un pracer para o público que, esperamos, nos brinde en gran número coa súa presenza!

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

AugaFantochesBaj |

Fantoches Baj estrea novo espectáculo no Barco

EsadFolga1 |

Comunicado da AAAG en solidariedade coa ESAD