Laiovento publica o primeiro teatro de Andrés Pociña

A editorial Laiovento anuncia a publicación en galego, a lingua na que foron orixinalmente escritas, as tres primeira obras teatrais de Andrés Pociñas, todas elas xa publicadas en portugués, italiano e castelán. As tres foron representadas en Portugal, Italia e España pero, ata o de agora, ningunha delas probou fortuna en Galicia.

Medea en Camariñas, estreada en 2005, vai camiño das cen representacións, en cinco montaxes distintas. É o monólogo dunha Medea xa anciá que lles explica os feitos da súa existencia ás mulleres de Camariñas que están lavando nun lavadoiro.

Unha tardiña en Mitilene, que iniciou o seu andar escénico co título Atardecer en Mitilene en 2010, leva ao lector / espectador ás conversas da poeta Safo coas discípulas que viven con ela, falando de poesía, música, política, amizade, amor… Ou sexa, sobre a vida.

Antígona ante os xuíces estreouse en 2017, en italiano, no excepcional escenario do Mausoleo de Cicerón en Formia. Trátase dunha visión nova sobre o personaxe mitolóxico enfrontándose a un tribunal e ao pobo de Tebas para defender o seu comportamento.

A preparación desta primeira edición en galego foi posible grazas a xenerosa colaboración da doutora María Teresa Amado Rodríguez, helenista da Universidade de Santiago de Compostela, ben coñecida polos seus traballos sobre as literaturas grega e galega.

 

Foto: Mariana Lozano Ortiz nunha posta en escena de Medea en Camariñas, dirixida por Juan Cruz Maculet nos III Encuentros Teatrales organizados pola Universidad de Granada.

Deixar unha resposta