Mondoñedo escolle as mellores obras dramáticas dos últimos dez anos

A lista de finalistas inclúe obras de Rubén Ruibal, Manuel Lourenzo, Cándido Pazó, Teresa González Costa, Chévere, Paula Carballeira, Avelina Pérez, Esther Carrodeguas, Santiago Cortegoso e Vanesa Sotelo.

 

A Asociación As San Lucas en colaboración co Colectivo Mondoñedo É … e o Concello de Mondoñedo convocan a terceira edición do galardón denominado Premio Mondoñedo10 co obxectivo de establecer vínculos permanentes entre a cidade e o concello que lles dá nome coas mellores obras de creación cultural producidas en Galicia e en galego nos últimos dez anos.

O prestixio decantado ao longo dos séculos por institucións e persoeiros de ascendencia ou residencia mindoniense, así como a recoñecida achega destes á cultura galega en xeral, xustifican a creación destes galardóns que se entregarán anualmente co fin de contribuír a salvagardar para a memoria do presente e do futuro da lingua e da cultura galegas aquelas obras que a xuízo do xurado merezan este recoñecemento.

Na primeira edición correspondente ao ano 2016 o xurado elixiu como mellor obra de Narrativa publicada en galego entre os anos 2006 e 2015 Os libros arden mal, da autoría de Manuel Rivas, publicada por Edicións Xerais de Galicia en 2016. Na segunda edición, correspondente ao ano 2017, o xurado elixiu como mellor obra de Poesía publicada en galego entre os anos 2007 e 2016 Hordas de escritura da autoría de Chus Pato, publicada por Edicións Xerais de Galicia en 2008.

Este ano, escollerase a Mellor obra de Teatro en galego, estreada ou publicada entre os anos 2008 e 2017 e cuxa primeira edición fose publicada, editada ou representada en calquera soporte nos 10 anos anteriores ao da convocatoria.

O xurado designado para elixir a obra gañadora reunirase en Mondoñedo o domingo, 14 de outubro.
A entrega do premio ao autor/es ou autora/s da obra gañadora terá lugar en acto público a celebrar no Auditorio Pascual Veiga de Mondoñedo o domingo, 21 de outubro, a partir das 12:15. O xurado está composto por Antonio Reigosa, cronista oficial de Mondoñedo, por Fran Bouso, designado pola asociación convocadora deste premio, e por sete vogais designados polo Consello da Cultura Galega, a Real Academia Galega, a Asociación de Escritores/as en Lingua Galega, a Asociación Galega de Editoras, a Asociación de Actores e Actrices de Galicia, Escena Galega e o concello de Mondoñedo. Nin o presidente do xurado nin o secretario poden propoñer nin votar obras.

 

Obras finalistas

Unha vez recibidas as propostas de todos os membros do xurado, as once obras finalistas son:

  • Onde andas Karl?, de Rubén Ruibal, Embora, 2009
  • Flores de Dunsinane, de Manuel Lourenzo, Xerais, 2010
  • As do peixe, de Candido Pazó, Contraproducións, 2013
  • Sempre quixen bailar un tango, de Teresa González Costa, Xerais, 2009
  • Eroski Paraíso, de Chévere, Kalandraka 2016
  • Suite Artabria, de Manuel Lourenzo, Xerais, 2017
  • O refugallo, de Paula Carballeira, Xerais, 2013
  • Os cans non comprenden a Kandisnsky, de Avelina Pérez, Erregueté, Revista Galega de Teatro, nº 91, 2017.
  • Voaxa e carmín, de Esther F. Carrodeguas, Difusora de Letras, Artes e Ideas, 2016
  • Raclette, de Santiago Cortegoso, Xerais, 2015
  • Nome: Bonita, de Vanesa Sotelo, Instituto Nacional de las Artes Escénicas y de la Música, 2015.

 

O premio que se entregará ao/á autor/a da obra seleccionada, ou, en caso de falecemento ou outra causa, a un representante designado polos herdeiros ou titulares dos dereitos da obra premiada, consistirá nun diploma acreditativo deseñado polo debuxante mindoniense J. Pedro Gómez, e unha obra artística orixinal e única, creación do artista, tamén mindoniense, Xosé Vizoso.

Deixar unha resposta