Sharon Fridman no TRC Danza

All ways, do coreógrafo isrelí, estará este xoves 11 de outubro no Teatro Rosalía de Castro, ás 20:30.

 

Nos máis de dez anos de traxectoria coa súa propia compañía, o coreógrafo israelí Sharon Fridman foi quen de desenvolver unha liña creativa con identidade propia. Apoiándose na linguaxe de contact (a técnica de danza contemporánea baseada na relación de equilibrio e inercia entre os corpos en contacto) e na súa visión da potencia social e ecolóxica da arte, as súas creacións conseguen un balance bárbaro entre o acrobatismo e a poesía.

Se con unhas das súas creacións máis coñecidas, , conquistou á crítica e ao público dentro e fóra das nosas fronteiras, a súa performance multitudinaria Rizoma ou a peza Caída libre / Free Fall coa que traballou con numerosos bailaríns amadores, colocárono verdadeiramente no punto de mira da escena internacional.

En All ways –que estará este xoves 11 de outubro no Teatro Rosalía de Castro, ás 20:30–, rodéase de sete fabulosos intérpretes e da impoñente música orixinal e en directo de Idan Shimoni para darlle forma a unha creación que nace da intuición de que o camiño que seguimos é o único que é chamado a percorrer, de que a liberdade está na percepción das múltiples sendas polas que iniciar a ruta.

 

Práctica de movemento aberta

Como ven sendo habitual nas últimas producións de Sharon Fridman, o coreógrafo incorpora a presenza e participación de persoas de a pé de cada un dos lugares onde realiza a posta en escena, dándolles a oportunidade de integrarse dentro do proceso creativo que se desenvolve coa súa equipa de intérpretes profesionais.​

Na súa visita a nosa cidade, teremos a oportunidade de compartir unha práctica de movemento co creador nas táboas do escenario. Unha práctica dirixida a persoas que queiran adentrarse na investigación de movemento e na escoita dende o corpo, máis alá da idade, a experiencia ou a condición física.

Na sesión de dúas horas de duración traballarase coas ferramentas de contact habituais do traballo do coreógrafo israelí, tendo a opción de participar nunha poética e máxica escena na que todos os integrantes da compañía e as persoas participantes viaxan espidas, da peza de All Ways que se presenta no noso teatro o mesmo xoves ás 20.30 horas.

Xoves 11 de outubro de 10 a 12 horas no escenario do Teatro Rosalía de Castro.
Unha actividade aberta a todas as persoas interesadas, previa inscrición en trcdanza@gmail.com.

Deixar unha resposta