in

Chévere inicia na Coruña a xira de despedida de ‘Eroski Paraíso’

eroski paraiso |
A obra darálle o adeus definitivo ao público cunha xira por distintas localidades galegas, ademais de Madrid, Zamora, Asturias e París.

 

A Ágora de Coruña acollerá este venres 19 a primeira función da xira coa que Chévere despedirá o seu espectáculo Eroski Paraíso, unha obra que se converteu nunha das máis queridas polo público da compañía. Ademais, a compañía ofrecerá dúas sesións matinais da obra dirixidas a institutos os días 18 e 19, como parte dunha campaña Normalización Lingüística do Concello da Coruña.

Eroski Paraíso, que se estreou en Muros no 2016, parte do relato de Álex, unha rapaza que estuda cine en Barcelona e quere facer a súa primeira película documental sobre o día no que se coñeceron os seus pais na sala de festas O Paraíso, hoxe transformada nun Eroski, para reflexionar sobre a transformación da nosa sociedade desde os anos 80 ata a actualidade, representada na metáfora da sala de festas reconvertida en supermercado.

Publicidade

Protagonizada por Miguel de Lira, Patricia de Lorenzo, Cris Iglesias, Luis Martínez e Fidel Vázquez, Eroski Paraíso emprenderá entre os meses de outubro de 2018 e xaneiro de 2019 unha xira de despedida que incluirá varias vilas e cidades galegas –Coruña, Vigo, Pontevedra, Gondomar, Verín e Teo–, e tamén cidades doutras comunidades como Oviedo, Santa Fe (Granada), San Fernando de Henares (Madrid) e Benavente. No mes de novembro, Eroski Paraíso poderase ver en París, dentro do festival Don Quijote.

 

Do teatro ao cinema

O bo recibimento do espectáculo por parte do público e da crítica, así como a relevancia da linguaxe cinematográfica dentro dos temas que este toca, empurraron a dúas produtoras culturais independentes –Chévere, dedicada ao mundo escénico e Ollovivo, orientada aos proxectos audiovisuais– a impulsar a un proxecto cinematográfico baseado na obra, que dirixe Jorge Coira.

Eroski Paraíso: o filme, que se estreará en 2019, é unha coprodución independente realizada sen subvencións públicas, co soporte humano, material e loxístico das dúas produtoras e coa colaboración das empresas Vegalsa-Eroski e Deleite. A rodaxe conta tamén co apoio do concello de Teo, onde Chévere funciona como compañía residente.

Este proxecto afastarase do teatro filmado para ofrecer unha nova lectura do espectáculo teatral de Chévere mediante a súa tradución ao medio cinematográfico.

 

Sobre Eroski Paraíso

Eroski Paraíso foi o primeiro espectáculo de Chévere logo de recibir o Premio Nacional de Teatro. Trátase dunha peza inzada de intimidades, baseada no traballo de actor, que lle propón ao público asistir como observador á rodaxe dun filme documental, superpoñendo no escenario a mirada cinematográfica e a teatral .

Publicidade

A data de hoxe, Eroski Paraíso acumula xa máis de 100 funcións e máis de 24.000 espectadores en 61 localidades de 11 comunidades autónomas. Este ano, a editorial Kalandraka publicou o texto da obra dentro da súa colección Biblioteca de Teatro, o que propiciou que este curso fose escollido como texto teatral contemporáneo de referencia para o bacharelato de artes e humanidades.

Eroski Paraíso é a historia de alguén que non parou en ningures para volver ao mesmo punto de partida, coma se tivara estado parado exactamente no mesmo lugar mentres todo se transformaba ao seu redor. Unha maneira como calquera outra de retratar o desarraigo que arrastrou a unha parte da nosa sociedade fóra da súa casa, da súa paisaxe, da súa lingua, dos seus costumes, dos seus afectos, da súa comunidade de orixe e da súa propia memoria.

A obra conta a historia de Eva Martínez e Antonio Formoso, que como tantas outras parellas coñecéronse no Paraíso. Ela tiña 19 anos, el 25. Casaron ao quedar ela embarazada e a súa filla Alexandra (Álex) naceu ao ano seguinte, xusto cando pechou a Paraíso. Logo emigraron e andaron a tombos dun lado a outro deixando que a vida decidise por eles.

Vintecinco anos despois, atopamos a Eva de volta en Muros coidando de seu pai e traballando no supermercado que abriron no mesmo local que ocupaba a sala de festas. Antonio segue en Canarias. Álex acaba de rematar un máster de cine en Barcelona e viaxa a Muros para facer o seu primeiro documental. Unha película sobre os seus pais, sobre a distancia que as súas vidas abriron entre aquel paraíso e este supermercado, un retrato do desarraigo vital de toda unha xeración. Eroski Paraíso é o título que lle puxo á súa película. E esta obra é un convite para asistir a unha das sesións de rodaxe.

 

Ficha artística

En escena: Patricia de Lorenzo, Miguel de Lira, Cristina Iglesias, Fidel Vázquez e Luís Martínez. Dramaturxia, dirección: Xron. Escrita: Manuel Cortés. Técnica: Fidel Vázquez. Axudante de dirección: Arantza Villar. Escenografía e vestiario: Chévere. Construción: +Arte Compostela. Música: Terbutalina. Espazo sonoro: Xacobe Martínez Antelo. Fotografía: Matteo Bertolino. Vídeos: Númax. Gráfica: Fausto Isorna. Comunicación: Xana García. Produción: Patricia de Lorenzo, Inés Portela. Distribución: Crémilo-Carlos Carbonell.

Publicidade
Publicidade
Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

MaginBlancoGhazafellos |

Magín Blanco e Teatro Ghazafelhos estrean ‘A nena e o grilo máis aló’ en Narón

iphigeniaEnVallecas |

O Fiot entrega o Xograr de Outono a Manuel Lourenzo nunha fin de semana ateigada de teatro