Ruth Gutiérrez Álvarez gaña o Premi Born de Teatre 2018 con ‘Los amantes sobrehumanos’

Ruth Gutiérrez Álvarez (Santander, 1987) é a gañadora do XLIII Premi Born de Teatre coa obra Los amantes sobrehumanos. Licenciada en filoloxía hispánica e investigadora teatral, Gutiérrez estréase como dramaturga con esta ópera prima que o xurado sinalou como un “Romeo e Xulieta disfuncional que debe servir para reflexionar sobre a violencia e o horror”.

 

O xurado da edición 2018 –formado por Salva Bolta (director escénico), Tomás Mestre (actor e director teatral), Fabrice Corrons (profesor da Universidade de Toulouse especialista en teatro catalán contemporáneo), Victoria Szpunberg (autora teatral e profesora de dramaturxia do Institut del Teatre e a Escola Superior de Coreografía de Barcelona) e María José Sánchez-Cascado (profesora de teatro español na Universidade de Barcelona)– escolleu por maioría Los amantes sobrehumanos apuntando que se trata de unha obra “arriscada e valente” que “malia a dureza das situacións, nunca abandona a fraxilidade e a tenrura a través da súa linguaxe poética”. De igual xeito, o xurado destacou a valentía da autora ao presentar un teatro inclusivo e arriscado.

 

A autora

Actualmente, Ruth Gutiérrez Álvarez é profesora auxiliar do departamento de linguas da ICAM Universidade Politécnica de Nantes, en Francia. Gutiérrez Álvarez ten publicado artigos como “El espacio sonoro en la producción teatral de Jesús Campos García” en Anagnórisis: Revista de Investigación Teatral; “Historias de horror y barbarie: la dramatización de la Sociedad violenta en el teatro español contemporáneo” no libro Catástrofe y violencia; “Dramaturgias de la violencia; autoras contemporáneas en el teatro español del siglo XXI”, “La batalla ideológica entre la carne y el espíritu. Una aproximación a los personajes femeninos en las últimas novelas de Emilia Pardo Bazán” publicada en La Tribuna, Cadernos de Estudos da Casa-Museo Emilia Pardo Bazán de la Real Academia Galega ou “El teatro breve español como revulsivo en la lucha contra la violencia de género, en Las expresiones de la violencia en la literatura.

 

O premio

Convocado polo Cercle Artistic de Citadella de Menorca, o Premi Born é un dos máis prestixiosos do Estado. Dotado con 14.000 euros, o certame inclúe a tradución da peza nas catro linguas oficiais e a súa publicación. Desde o ano 2006 a erregueté edita en galego o texto gañador.

 

Na imaxe, Ruth Gutiérrez Álvarez recibindo o Premi Born de Teatre.

Deixar unha resposta