O III Festival Titiriberia celébrase entre o 4 e o 11 de novembro en Teo

‘Titiriberia. Olladas sobre o cristovos’ amplía a súa duración ao estender a programación ao longo de sete días de representacións, obradoiros e mesas redondas

 

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, celebrará a súa terceira edición entre o 4 e o 11 de novembro, ampliando así a súa duración e desenvolvendo un programa que inclúe un total de 12 funcións de títeres espalladas pola xeografía do municipio teense. Un ano máis, o obxectivo do Titiriberia, festival único na súa natureza en Galicia e no estado, pasa por achegarlle ao público o xénero tradicional dos títeres de cachiporra, especialidade cunha longa historia na península Ibérica e da que forma parte o máximo representante galego: o personaxe de Barriga Verde.

Así, nesta terceira edición e coa meta posta na aproximación ao público, Titiriberia dobrará a súa aposta iniciada na edición de 2017 pola Feira Cabalar de Francos, recuperando así a Carballeira de Francos como espazo de difusión e exhibición dos títeres tradicionais. Deste xeito, Titiriberia instalará unha barraca o vindeiro domingo 11 de novembro, día da celebración da Feira, como escenario para o xénero dos monicreques. Ademais, compañías como Títeres Alakrán ou Seisdedos Marionetas Tradicionais encargaranse da animación na Carballeira de Francos para congregar o público na barraca, que abrirá as súas portas ás 11.00 horas e ofrecerá diversos pases ao longo de toda a xornada festiva.

 

Véspera da Feira

O sábado 10 de novembro, ás 21.30 h., a Barraca de Titiriberia acollerá unha das novidades do festival neste 2018. Trátanse de As varietés do Barriga Verde, un espectáculo que busca reproducir as representacións que a histórica familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo á representación de Barriga Verde. Esta montaxe, que servirá de aperitivo para a Feira Cabalar, estará conducida pola actriz e cantante Iria Pinheiro, contará coa coordinación musical de Alonso Caxade e nel participarán compañías e artistas como Os Monicreques de Kukas, Diego Anido, Arturo Nono, Títeres Alakrán, Tanxarina Títeres e Mircromina.

 

Funcións escolares

Co obxectivo de achegarlle ao público os títeres de cachiporra, Titiriberia programa tres funcións escolares para familiarizar a cativada con este xénero escénico. A primeira das sesións correrá a cargo da compañía galega Mircromina Títeres, que representará a súa obra A familia unida, e celebrarase o martes 6 de novembro nunha dobre quenda (ás 10.00 horas no CEIP A Igrexa Calo e ás 12.30 h. no Auditorio Constante Liste). A segunda función escolar estará protagonizada polo espectáculo Angelita, da formación catalá Tactilicuä, e terá lugar no Auditorio Constante Liste o xoves 8 de novembro. Por último, os galegos de Títeres Viravolta rematarán a programación escolar o venres 9 de novembro no IES de Teo coa produción Todos ao balcón.

A programación xeral principiará o domingo 4 de novembro ás 18.00 horas no Local da Asociación A Mámoa (Iglesia, 18. Luou) da man de Fantoches Baj, que representará o seu espectáculo Auga que non vas beber. A partir dese momento e até o luns 12, sucederanse montaxes para o público xeral da man de compañías galegas (Larraitz Producións Artísticas, Mircromina Títeres, Títeres Alakrán, Seisdedos Marionetas Tradicionais), portuguesas (SAMarionetas) e italianas (Lisa Bencivenni).

Deixar unha resposta