in

XIII Festival Catropezas no Teatro Ensalle de Vigo

PÉNDULA2Alessia Bombaci |

O mes de Novembro é o elexido por Teatro Ensalle para organizar este festival de danza contemporánea tan orixinal como agardado polo público da sala. Xorde en 2006 como un desexo de aglomerar en catro fins de semana, algunhas das producións de danza (tanto nacionais como internacionais) máis destacadas do último curso, por iso as compañías que aparecen no historial do Catropezas acumulan tantos anos de experiencia. Compañías xa contrastadas (estivesen ou non con anterioridade en Ensalle) que reúnen nun mes obras cunha linguaxe sempre experimental pero sólida, froito do traballo, a disciplina e a experiencia.

Hai unha peculiaridade máis que garda este festival, e é que unha das súas xornadas é a coñecida como Fin de semana do Seiscordas ‘Noites de danza intensa’.

O programa desta edición inclúe os espectáculos:

  • Piedra, da compañía de Euskadi Cielo Raso (2 a 4 de novembro);
  • Heartbeat, de Sandra Gómez (días 9 e 10);
  • Sempreviva, a raíz da casa Arraiana, de Estela Lloves (días 16 a 18);
  • Programa especial Seiscordas –os días 23 a 25–, que este ano reúne un plantel de artistas con propostas audiovisuais renovadoras:
    • Una Historia Universal, da Cia. David Espinosa (Catalunya)
    • Fäustino VI 803 cc, de Sergi Fäustino (Catalunya)
    • Péndula (Eppur si muove), de Gichi-Gichi Do (Madrid)
    • Los límites de deseo o El peligro de estar vivos, de Terrorismo de autor (Madrid)
    • Noite de danza intensa, o 27 de novembro, unha creación improvisada conxunta.

 

As obras

Días 2, 3 e 4 Piedra Cía. Cielo rasO (Euskadi) Estrea en Galicia.

Sinopse:
Estou percorrido por un corpo duro, que non significa nada, que non ten sentido, nin movemento. Non respira, non súa, afunde ata o fondo do leito de calquera río, de calquera océano, desfaise en fragmentos se fica moito tempo nalgún deserto, baixo o sol, sen suor, desfaise en po. Cae de lonxe e ráchase pola metade sen un lamento, so un son e unha mágoa inmensa por ver como se desgarra o sólido, como se parte en dous, e dentro nada, o mesmo silencio, a mesma ausencia. E aí fica aberta, sen brazos, nin pernas que lle axuden a unirse, a achegarse a súa outra metade, a abrazar a parte que lle falta, a agardar o brión que lle vaia cubrindo.

O seu corpo compacto, e ao redor seu pasa o tempo, a súa pegada, permanece intacta baixo o seu peso, unha cama baleirada na que non se afunde nin máis, nin menos.

Á vez estou seguro.

Piedra proponse coma un camiño para explorar a resistencia, a conquista e o fracaso. A cruel dureza do corpo e o instante de fractura que sorprende como algo inesperado. É case seguro que nalgún intre do proceso algo se parta, e provoca que nós poidamos continuar deixando atrás parte do que fomos pero que xa non somos, e que cedo volveremos deixar de ser.

A probabilidade e a contraría sensación do que un agarda e o que un atopa é o mellor xeito que teño para resumir o meu traballo, todo o probo, ata o cansanzo e como atraelo á escena. Sempre agardei moito do que fago, pero de non facer o que fago, faría algo que se lle semellaría moito.

Compañía
Experimentado e preciso intérprete, Igor Calonge, formou parte de compañías de gran prestixio entre as que destacamos Provisional Danza, Cía. Daniel Abreu e Blanca Arrieta. Nos últimos anos centrouse case por completo na creación das súas propias obras, as cales están dotadas dunha factura intimista, impecable execución e nostálxica beleza que fan doádamente recoñecible a man do autor. A traxectoria de Calonge arrincou como coreógrafo en 2001 con Na/die cree/ce, peza subvencionada polo Goberno Vasco e dende entón un bo número de traballos dan fe da senda de investigación e risco, emocional e creativo, pola que semella transitar, e que debuxou con trazos como Oz, Alicia en off (2002), Aura (2004), No tampoco –visto por primeira vez no Festival Seiscordas de Teatro Ensalle–, Branco e Cielo raso (2010) –título que da nome tamén á compañía que fundou en 2009, froito da unión á agrupación brasileira Teatro de Açucar–. En 2011 Insomnio, en 2012 Fácil –seleccionada en Danza a escena 2014, Cátalogo Platea, e o FAM de Tenerife–. En 2013 estreou Karaoke, seleccionada para o Circuito de la Red de Salas Alternativas 2014.

Ficha artística.
Ainhoa Usandizaga, Emma Riba e Víctor Fernández. Axudante de direción: Gabriel F. Direción de iluminación: Sergio García. Produción e distribución: Beatriz Churruca. Direción: Igor Calonge.

 

 

Días 9 e 10 Heartbeat Cía. Sandra Gómez (C. Valenciana). Estrea en Galicia

Sinopse
Heartbeat é un solo de movemento para un intérprete. A primeira finalidade deste solo é ocupar un espazo e un tempo bailando. Unha sesión de 3 horas de música dance, hip hop, techno e electrónica serven de base ao movemento. A pulsación da música é a que marca o ritmo e a que ofrece o estímulo ao corpo para moverse. Un corpo que está “á escoita” das súas necesidades así como da súa espontaneidade nun exercicio de improvisación.

A temporalidade que propón o traballo provoca e permite quentar o corpo mediante a acción. É así como, a través desta acción, baile ou danza e mediante un efecto físico-químico, este corpo sobe a súa temperatura, os seus poros dilátanse e súa, faise permeable abríndose a calquera estímulo, deixándose afectar. Un corpo que se entrega á pérdida, ao abandono para rematar amosándose na súa carnalidade. Podería dicirse que, o percorrido que realiza, vén marcado por unha procura, a de perderse e atoparse nun novo corpo ou mesmo en diferentes corpos, en diferentes realidades onde desexo e pracer están presentes.

En Heartbeat o movemento quere alonxarse do formal e do académico, sendo éste un elemento plástico e expresivo resultado do uso dunha determinada enerxía e non unha coreografía de formas pechadas. Unha proposta onde se xoga a buscar os límites espaciais, temporais e enerxéticos dun corpo.

Compañía
Sandra Gómez. Master en Produción Artística pola Facultade de Belas Artes de Valencia (especialidade en Pensamento Contemporáneo e Cultura Visual). Licenciada en Arte Dramática pola ESAD de Valencia e amplia formación en danza contemporánea en Valencia e Bruselas. Dende o ano 2001 traballa de xeito conxunto con Vicente Arlandis no colectivo LOSQUEQUEDAN en numerosos proxectos de creación e investigación que son amosados en diferentes festivais de ámbito nacional. Dende o ano 2012 leva a cabo a súa propia investigación e traballa en proxectos centrados no corpo e o movemento: B.R.S (IVAM, Valencia, 2017), Heartbeat (Valencia, 2017), No soy yo (Valencia, 2016), Tentativa and Guests (Valencia, 2016-2014), The love thing piece (Madrid, 2013) e Tentativa (Valencia, 2012). Tamén participa noutros proxectos como son Visita guiada desde la danza xunto a Rocio Pérez e Santi de la Fuente para Bombas Gens (Valencia, 2017-18), DID Teatre Musical-TEM (Valencia, 2017-18) e Estoy pensando en Tortugas de Claudia Faci (Naves Matadero, Madrid, 2018).

Ficha Artística
Sandra Gómez. Idea: S. Gómez. Proxección: Sergi Faustino. Luces: Antoine Forgeron. Gracias a Espai Flotant. Co apoio de Concello de Valencia. Este traballo xestouse dentro do espazo de encontro e intercambio misióndivina.

 

 

Días 16, 17 e 18 Sempreviva, a raíz da casa Cía. Arraiana / Estela Lloves (Galicia / Baden-Württemberg). Estrea en Galicia.

Sinopse
Ser lingua, óso, insecto, tren, banco, neno, árbore, area do parque, nai, e as veces ser ti ou ela, coma un eco a acompañar calqueira movimento. 

A morte continúa negociando sen pausa na pregunta, e non é millor competir e patria e gloria e tatatá?

No marco dunha porta sen casa a nena-vello chama, resposta o golpe, cae o debuxo ó chan e deixa no seu lugar un burato escuro onde non se ve o final. Ela frega como tódolos días o mesmo compromiso, aspira unha renuncia e outras dúas máis que atopa embaixo da cama, cósese uns ollos nas prantas dos pes e entra no burato da parede.

Dentro, detrás do son, un silencio vivo reúneo todo. A nai bótase area sobre a cabeza e ri. Na língoa o neno xoga a ser nai. Os traballadores sentan nunha mañán de árbore e un tren de insectos pasa ao lado dun banco de ósos.

Compañía
Fórmase en danza contemporánea, clásica e butoh. Estudou e traballou coas compañías: Matarile Teatro, Cía A Raia, Cía Esteoeste, Cía Andrés Corchero, Cía Mai juku, Cía Lucas Cranach, Cía El Bailadero, Cía Fernando Renjifo. Dende o 2006 traballa na súa propia compañía Cia Arraiana, onde realizou 8 pezas para escena que trenzan verba e corpo. Nos últimos anos estableceu colaboracións con diferentes artistas e imparte clases e obradoiros de creación. En Berlín forma parte do grupo Der Körper denken (Think the body).

Ficha Artística
Estela Lloves. Música: Hada Benedito. Colaboración: Mónica Valenciano e Geni Iglesias. Apoios: Agadic, Residencias Paraíso e Xunta de Galicia. Residencias: Teatro Ensalle de Vigo e Zeller Kultur, Radolfzell. Iluminación: Antón Ferreiro e Thomas Toutain. Coreografía: E. Lloves.

 

Programa Especial Seiscordas’18

Una Historia Universal Cia. David Espinosa (Catalunya). Estrea en Galicia.

Sinopse
Continuando a experimentación co obxecto como elemento narrativo, tentamos teatralizar a historia universal dende a nosa propia perspectiva, xerando un percorrido audiovisual por algúns dos acontecementos que constitúen o desenrolo da humanidade.

Unha singular clase de historia, unha breve e inacabada historia, a través da manipulación de obxectos, a acción coreográfica e a proxección de sombras.

A historia conta o que aconteceu; a poesía o que debía acontecer. Aristóteles. Filósofo grego (384 AC-322 AC).

Compañía
A obra de David Espinosa xira ao redor da idea de representación e da ruptura dos límites da teatralidade, cuestionando para iso o feito escénico e alterando a ecuación dos elementos que a compoñen.
Mantendo un espíritu crítico, cargado de ironía, sobre a sociedade e o mundo da arte, tenta en cada creación desenvolver un xogo formal que sorprenda ao espectador e que lle faga partícipe no visionado da obra, expoñendo con crueza os mecanismos e formulacións do traballo.

Interesado cada vez máis pola creación de significado a través da relación entre a forma, a luz e o son, profundou no concepto de espectacularidade expondo dispositivos que mediante métodos precarios e “low tech” xeran efectos cargados de teatralidade. Xoguetes para adultos, cos que ofrece unha particular experiencia onde o compoñente lúdico ten tanto valor como o discurso artístico, creados dun xeito artesanal, caseiro, que seguindo a doctrina punk do “faino ti mesmo” achegan ao espectador a creación contemporánea, evitando a figura do artista elitista e endogámico.


Publicidade

Ficha Artística
David Espinosa. Idea e direción: D. Espinosa. Colaboración: Jordi Casanovas e África Navarro. Produción: El Local Espacio de Creación e Festival TNT.

 

 

Fäustino VI 803 cc Cia. Sergio Fäustino (Catalunya). Estrea en Galicia.

Sinopse
Todo comezou a partir de preguntarme sobre porqué mantiven unha relación de intensidade co meu corpo ao longo de toda a vida. Un feito que foi unha constante, dende a práctica da ximnasia deportiva a partir dos 10 anos e múltiples deportes na adolescencia (baloncesto, escalada, balonmán, vela lixeira…), ata a danza, a cal rematou sendo a miña profesión.

Este interese me leva a preguntarme polos meus hábitos de movemento, por cales son as circunstancias que fíxeron que me mova dun xeito concreto e como estas mesmas circunstancias condicionaron o resto da miña persoa non só a nivel físico, senon a nivel intelectual e vital. Inevitablemente tiven que revisar os lugares físicos polos cales pasei para buscar os que deixaron pegada en mín. Ou tal vez sería máis apropiado dicir os que me deixaron unha cicatriz. Esta procura que, nun principio estaba centrada na danza, fóise ampliando a todos aqueles factores que afectaron o meu espazo corporal e foron construíndo a noción da miña historia persoal.

Podería dicir que me atopei revisitando o pasado para entender o presente e podelo compartir. Ao abordar a idea de historia persoal a cousa despregouse nunha multitude de eidos de traballo relacionadas entre si como a herencia xenética, os límites do corpo, a relación co tempo ou a fisicalidade. O estudo físico e teórico destes eidos son as que conforman este longo proceso que comezou fai 6 anos e que fóise materializando nas pezas FÄUSTINO, FÄUSTINO II, FÄUSTINO III, FAUSTINO IV (que presentei aquí en Vigo hai dous anos) e na peza que os propoñemos: FÄUSTINO VI.

Compañía
Barcelona, 1972. Estuda danza e direción na School for New Dance Development en Amsterdam, (Holanda). Mentres completa os seus estudos participa en varias promocións que se presentan e xiran por todo o país, traballa con Martin Sonderkamp, Elena Lizari, Masako Noguchi e Frans Poelstra. O seu primeiro solo Las putas destrjen el ombre estréase alí.

Ficha Artística
Sergi Fäustino.

 

 

Péndula (Eppur si muove). Cia. Gichi-Gichi Do (Madrid). Estrea en Galicia.

Sinopse

É unha peza composta a partir dun conxunto de materiais que conforman un falso arquivo documental no que se rastrexan os achados de dous científicos (desaparecidos en estrañas circunstancias) que, no medio dunha devastadora epidemia, descobren unha efectiva cura para esta, cousa que os enfronta aos poderes fácticos.

A utilización destes materiais de arquivo permítenos crear un denso bosque formado por imaxes visuais e sonoras que propoñen unha liña narrativa que flúe xunto a un continuo fóra de campo.

Os elementos que reconstrúen o periplo destes dous científicos preséntanse en forma de diarios, informes científicos, gravacións de campo, cartas, reflexións mundanas e poéticas escritas en cadernos, fragmentos de vídeo que recollen algunhas das súas actividades..

Paralelamente a estes elementos que conforman un dispositivo poético-narrativo, a paisaxe sonora (creada mediante sensores de movemento, péndulos que rozan e percuten superficies amplificadas, sintetizadores, capas de loops grabadas e procesadas en directo, e varios instrumentos tradicionais como trompeta, lap steel e melódica) envolve o espazo cunha capa de sons de baixa intensidade e amplo espectro harmónico.

Compañía
Gichi-Gichi Do (antes coñecidos como OsLú) é unha equipa de traballo formada por Luciana Pereyra Agoff (Niña Jonás) e Óscar G. Villegas (Sr. Curí) que nace no ano 2003. O obxectivo de Gichi-Gichi Do é o deseño e a creación de proxectos escénicos que se desenvolven baixo diferentes formatos: instalacións escénicas, concertos e performances.

Nos últimos anos Gichi-Gichi Do tivo unha importante presenza tanto en festivais (Escena Contemporánea en Madrid, Escena Abierta en Burgos, ALT en Vigo, Alterarte en Murcia) como en distintos espazos, tanto alternativos (Teatro Pradillo en Madrid, Teatro de los Manantiales en Valencia, La Fundición en Bilbao), como de gran difusión (Casa Encendida en Madrid, La Noche de los Teatros, FNAC-Madrid).

Ficha Artística
Niña Jonás e Dr. Kurogo. Creación: Gichi-Gichi Do. Voces radio: Javier Dorado e Tomás A. Fotos: Dani Carretero e Gichi-Gichi Do.

 

 

Los límites del deseo o El peligro de estar vivos Cia. Terrorismo de autor (Madrid). Estrea en Galicia.

Sinopse

Fuxirse entre o limitado e ilimitado. Saltar do imposible ao posible. Correr dende a pulsión ata a súa descarga. Desexar entre a vida e a morte.

Unha deriva de Terrorismo de autor a través de paisaxes fílmicas e sonoras por onde circula e habita o desexo.

Compañía

É un colectivo audiovisual nacido en 2012. Aínda que desempeñaron a súa actividade fundamentalmente en Internet, algúns dos seus traballos puideron verse en institucións como Museo Reina Sofía, Centro de Cultura Contemporánea de Barcelona, CA2M Centro de Arte Dos de Mayo, Centro-Museo Vasco de Arte Contemporáneo, La Casa Encendida ou CaixaForum. Tamén en espazos escénicos como Pradillo, Teatro del Barrio, Ensalle, Leal.Lav ou Carme Teatre, e en festivais e mostras de distintos eidos: Márgenes (Madrid), Festival Internacional de Cine Lima Independiente, FICCI (Colombia), ¿Y si dejamos de ser (artistas)? (Madrid), Radical Democracy, (Varsovia), IBAFF (Murcia), Alô alô mundo! (Río de Xaneiro), OVNI (Barcelona) ou Interiores (Bogotá).

Actualmente traballan na súa próxima película de longametraxe.

Ficha Artística
Terrorismo de autor.

 

O día 25 terá lugar a ‘Noite de danza intensa’ con David Espinosa, Sergi Fäustino, Óscar G. Villegas, Luciana Pereyra Agoff e Terrorismo de autor.

 

Na imaxe, Péndula (Eppur si muove). Cia. Gichi-Gichi Do. Foto: Alessia Bombaci

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

2018OEDIPUS062706 |

Rolda Internacional: 28 / 10 / 2018

Gustavo Pernas |

Falece Gustavo Pernas Cora