in

O III Festival Titiriberia acolle dúas estreas sobre a figura de Barriga Verde

DonaBarrigaVerde |
‘Titiriberia. Olladas sobre o cristovos’, que se celebra entre o 4 e o 11 de novembro no Concello de Teo, inclúe un total de 12 funcións, mesas redondas, conferencias e obradoiros espallados pola xeografía do municipio

 

O festival Titiriberia. Olladas sobre os cristovos, organizado pola Asociación Cultural Morreu o Demo para o Concello de Teo e coa colaboración da Deputación da Coruña, celebrará a súa terceira edición entre o 4 e o 11 de novembro, ampliando así a súa duración e desenvolvendo un programa que inclúe un total de 12 funcións de títeres espalladas pola xeografía do municipio teense. Nesta edición, o programa incluirá a estrea de Dona Barriga Verde, espectáculo de Larraitz Producións Artísticas que supón unha actualización das formas e dos xeitos do clásico personaxe dos monicreques de cachiporra, achegando unha protagonista feminina que, sen perder os gags clásicos, fomenta novas visións aos roles de xénero e aos estereotipos dos monicreques. A Asociación Morreu o Demo colabora co proxecto prestando asesoramento histórico e documentación. A intención é que esta montaxe, producida desde a propia organización do festival, poida xirar con posterioridade en diferentes feiras tradicionais e eventos que están a contar de xeito habitual con títeres tradicionais. Dona Barriga Verde estrearase na Barraca de Titiriberia que se instalará na Feira de Francos o domingo 11 de novembro ás 11.00 horas.

 

As varietés do Barriga Verde

A de Larraitz Producións Artísticas non será a única estrea que programe Titiriberia nesta terceira edición, xa que o festival inclúe unha montaxe singular o sábado 10 de novembro ás 21.30 horas na Carballeira de Francos. Baixo o título As varietés do Barriga Verde, a montaxe pretende reproducir, cunha óptica actual, os espectáculos que a familia Silvent realizaba na súa barraca de xeito previo á representación da obra de Barriga Verde. Con ese espírito, a produción reunirá as actuacións de compañías galegas como Mircromina, Tanxarina Títeres, Títeres Alakrán, Os Monicreques de Kukas, Diego Anido ou Arturo Nono. Todo baixo a presentación da actriz Iria Pinheiro e a coordinación musical de Alonso Caxade


Publicidade

 

12 espectáculos

O III Festival Titiriberia ofrecerá un total de 12 funcións entre o 4 e o 11 de novembro. A programación comezará o domingo 4 de novembro ás 18.00 horas no Local da Asociación A Mámoa (Iglesia, 18. Luou) da man de Fantoches Baj, que representará o seu espectáculo Auga que non vas beber. A partir dese momento e até o luns 12, sucederanse montaxes para o público xeral da man de compañías galegas (Larraitz Producións Artísticas, Mircromina Títeres, Títeres Alakrán, Seisdedos Marionetas Tradicionais), portuguesas (SAMarionetas) e italianas (Lisa Bencivenni).

Ademais, co obxectivo de achegarlle ao público os títeres de cachiporra, Titiriberia programa tres funcións escolares para familiarizar a cativada con este xénero escénico. A primeira das sesións correrá a cargo da compañía galega Mircromina Títeres, que representará a súa obra A familia Unida, e celebrarase o martes 6 de novembro nunha dobre quenda (ás 10.00 horas no CEIP A Igrexa Calo e ás 12.30 h. no Auditorio Constante Liste). A segunda función escolar estará protagonizada polo espectáculo Angelita, da formación catalá Tactilicuä, e terá lugar no Auditorio Constante Liste o xoves 8 de novembro. Por último, os galegos de Títeres Viravolta rematarán a programación escolar o venres 9 de novembro no IES de Teo coa produción Todos ao balcón.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

valentia3b |

‘La Valentía’ pon fin á XXVII edición do FIOT

Anarquismos 8 LR©ALIPIOPADILHA 960x639 |

Pablo Fidalgo estrea ‘Anarquismos’ en Galicia