in

‘Os bólidos do esquecemento’ de Julio Fernández inicia o ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas

SGAE3 |

Por iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia, a Fundación SGAE coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia organiza neste mes de novembro o Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas, que ten como obxectivo promocionar os autores e as autoras para a difusión das súas obras, así como apoiar a dramaturxia e estimular a creación de textos en galego. As representacións celebraranse na sala Germán Coppini da Fundación SGAE (Rúa Salvada 2A, s/n) e son todas de acceso gratuíto.

A primeira das sesións terá lugar hoxe, martes 6 de novembro, ás 21.00 horas. A obra será Os bólidos do esquecemento, do dramaturgo Julio Fernández, que se encargará ademais da dirección. O elenco estará conformado por Catuxa Leira, César Goldi, Débora Vukušić, Machi Salgado e Xosé Manuel Esperante.

A montaxe trata, nun ton absurdo e delirante, sobre dúas persoas da monarquía que, xunto a un mozo, un garda e un can, dialogan sen parar e cun ritmo moi vivo. A súa conversa convértese nunha auténtica burla da sociedade na que, como espectadores, temos o deber de vivir e na que tamén vive “o manifestante”, representante social dos maltratos políticos e económicos.

 


Publicidade

Seguintes sesións

O xoves 8 de novembro, ás 21.00 horas, terá lugar a segunda sesión do ciclo coa obra Malcriada. Unha historia de amor, de Esther F. Carrodeguas. Trátase dun monólogo interpretado pola actriz Belén Constenla. Xa o mércores 14 de novembro, chegará a quenda de Culpable, de Jose Prieto. Interpretan a peza César Goldi, Roberto Leal e Victoria Teijeiro.

Todas as lecturas son de acceso gratuíto e levaranse a cabo coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas, que organiza a Fundación SGAE dende 1995 en todo o estado, ten a singularidade de reunir a autores, intérpretes, directores, produtores e público, na gran maioría das propostas, arredor dunha experiencia única: a estrea dunha obra nunca antes representada e ensaiada ese mesmo día. Ao longo das súas 21 edicións precedentes, o ciclo acolleu máis de 250 textos de máis de 200 autores para un público de máis de 25.000 persoas en todo o estado.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

micro familia unida |

Titiriberia comeza a programación para público escolar con Mircromina Títeres

InspectorMuxicas |

Muxicas leva a Ourense ‘O inspector’ de Gogol