‘Invisibles’ pon en escena a loita contra a violencia machista

A estrea teatral da obra Invisibles baseada no libro de Montse Fajardo marcará o vindeiro xoves, 15 de novembro o arranque da campaña do 25-N que promove a Concellería de Igualdade de Pontevedra.

Tres piares sustentan a posta en escena de Invisibles: Redrum Teatro Compañía, o Centro Dramático Galego (CDG) e o Concello e por iso a concelleira Carme Fouces presentou o avance da campaña do 25-N acompañada por Marián Bañobre, Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo (directora da obra, actriz e produtor) e Fefa Noia, directora do CDG. Todos chegaban dun ensaio xeral ao que asistiran algunhas das protagonistas do libro de Montse Fajardo.

Tres actrices -Sheyla Fariña, Mela Casal e Nieves Rodríguez-, de tres xeracións diferentes porán voz as sete testemuñas recollidas no libroInvisibles de Montse Fajardo. “Son tres rangos de idade que amosan que non hai perfil de vítimas, todas podemos ser vítimas e todas podemos ser heroínas” explica Sheyla Fariña.

A directora Marián Bañobre explicou o seu interese en que a representación recollera a esencia do libro e por iso intégranse na súa montaxe os sete relatos. “Dende o concreto fálase do universal” sinala Bañobre quen agarda que a obra serva para dar visibilidade as vítimas da violencia, para dar voz a tantas mulleres que foron e son vítimas e tamén son quen de poñerse en pé e recuperar a súa vida. Na obra hai traxedia e drama “pero nela cabe a ironía e o humor”, indicou a directora.

Pola súa banda Carme Fouces sinalou un aspecto que engade un plus especial a estrea de Invisibles, o feito de que as protagonistas do libro estarán sentadas no público.

Deixar unha resposta