Pai e fillo. Fillo e pai. E os unicornios rosas de La Macana, por Sabela Mendoza

| Sabela Mendoza |

 

Con case dez anos de traxectoria como compañía, traballando a cabalo entre a súa base de operacións na Coruña e as súas múltiples colaboracións nacionais e internacionais, La Macana sorprende este ano con Pink Unicorns demostrando un amplo saber-facer no marco da escena contemporánea e, por riba deste, un incansable querer-aprender. O instinto xa ben entrenado de Caterina Varela e Alexis Fernández (fundadores e codirectores da compañía) afánase por achegarse ás cousas como se da primeira vez se tratase, por traballar o descoñecido, por non repetir. E así chegan a Pink Unicorns, con ese gusto polo reto como pulo e repetindo a fórmula que lles permite lanzarse á piscina, a de rodearse dos colaboradores axeitados en cada proxecto.

Pink Unicorns aborda as relacións entre un pai adulto e un fillo adolescente no mundo actual. Pero non o fai dende a abstracción ou xeneralización do tema, senón a través da presentación dun universo particular: o de Alexis Fernández (Maca) e Paulo Fernández, pai e fillo, dous seres cheos de luz, fraxilidades, fortalezas, vida propia e vida en común, habitando unha fantasía construida entre ambos (con axuda de outros) na que se revelan as súas verdades. A fantasía dos unicornios rosas, é dicir, a fantasía do proceso creativo, da escena como espazo de posibilidade no que se fai posible –cada vez máis, neste mundo virtualizado e mediatizado– a acción dos seres carnais. Maca e Paulo interpretan ao pai e o fillo, ao tempo que son pai e fillo, e fanno sen esconder esta dualidade de roles, antes ben xogando con ela. É o seu exercicio de verdade (e non as situacións concretas, que lles son propias) o que permite o desprazamento cara ao xeral e converte a peza nun exercicio de “seren universais” dende o propio, conseguindo unha enorme empatía co público.

Este exercicio de verdade de Maca e Paulo (e dos unicornios rosas) actívase ao longo da peza en dous niveis que se entrelazan: por unha banda, mostrarse un ao outro tal como son ou queren ser; por outra banda, poñerse cada un ao nivel ou no lugar do outro. Dous esforzos que se materializan a través das palabras, da danza e das accións (nas que abunda o xogo); e que funcionan porque, alén da súa entrega particular, Maca e Paulo se moven arroupados por un equipo de confianza, formado por Samir Akika e Caterina Varela na dirección artística, Afonso Castro no deseño de iluminación e Tilo Schereieck no deseño do espazo. O conxunto fai posible unha peza conmovedora, fresca, divertida e chea de sutilezas.

O contraste entre Maca e Paulo é xeracional, pero tamén experiencial. O pai, un galego de orixe cubana cunha ampla traxectoria profesional na danza, que se move coa confianza da experiencia e os vicios da mesma. O fillo, un millennial de catorce anos de corpo atlético que se sube por primeira vez ao escenario desbordante de enerxía e desenfado, tamén de pudores. Ambos descargan as súas mochilas na peza, para atopar espazos comúns, ou para convidarse un ao (re)descubrimento do outro. A nivel de movemento e de presenza dos corpos, o factor de transmisión é fundamental en Pink Unicorns, unha peza de por si moi esixente físicamente: Paulo afánase por bailar e aprender a técnica para achegarse a Maca; Maca afánase por recuperar certa pureza do movemento espontáneo, para achegarse a Paulo. Por veces, cada quen insiste no seu territorio propio e levan a altos niveis as súas capacidades. Por outras, axúdanse mutuamente na transmisión de coñecemento, das intelixencias diversas que ten o corpo, procurando que ningunha vaia en detrimento de outra. Os dúos de danza, baseados na linguaxe do contact e do partnering, e aderezados coa idea de xogo, transmiten a complicidade de pai e fillo (coñecerse tan ben coma se coñecen un pai e fillo) que se axudan do movemento para resolver todas esas cousas tan difíciles de falar entre xeracións. Os solos de danza, en contraste, son momentos de intimidade nos que Maca e Paulo se descubren e desnudan como seres únicos, unha singularidade que recoñecen atada a moitos fíos de dependencia, cos que tecen un universo propio e compartido.

A nivel de dramaturxia Pink Unicorns é unha relación paterno-filial danzada en catro actos ou capítulos (a educación, o medo, o amor, o cambio de roles), sumados a un prólogo e un epílogo, cos seus momentos de silencio e de clímax marcados dende a necesidade que impón a natureza da historia. Percíbese a escoita que se deu no proceso creativo e o feito de que a peza teña sido construida entre todo o equipo. O ritmo e a dramaturxia, se ben están coidadosamente establecidos e os textos e danzas escritos, non funcionan como guión teatral ou coreografía ao uso, no seu sentido tradicional, senón que, inspirados pola propia realidade das persoas e da relación que se pón en escena, axudan a accionar esa mesma realidade poñendo aos seus protagonistas en situacións nas que non só se recoñecen, senón que se amplifican os seus xestos, rasgos, medos, inquedanzas. Os corpos de Maca e Paulo non son vehículos ou soportes dunha mensaxe, tema ou historia. Son exercicio estético (poético) a partir da súa busca particular. Por iso, a obra resulta nun ambiente moi familiar (no sentido de próximo). Pink Unicorns é unha obra chea de momentazos cargados de enerxía, coidadosamente cosidos cun ritmo que evita a sensación de fragmentación ou de picos de aceleración e precipitación. As escenas de silencio e de repouso son fundamentais neste sentido. Varias persoas que asistiron á estrea en Galicia no Teatro Rosalía coincidiron en que a peza é como unha comedia danzada. Abundaron os momentos de risa e gargallada, e incluso os aplausos espontáneos no medio da obra, coma cando vemos un sketch televisivo. Outras persoas destacaron escenas conmovedoras, cargadas de emoción dramática, que levaron a máis de un ás lágrimas. Non son emocións orquestadas dende a escena para procurar a autocomplacencia e o aplauso, acontecen simplemente entre as persoas que comparten os setente minutos que duran os unicornios rosas.

Merece tamén especial atención a escenografía: unha serie de volumes inflables de diferentes formas e cores rechamantes, ocupando o espazo, entorpecendo dun xeito enternecedor. Para que serven? Para nada? Se imaxinas… poden servir para calquera cousa!! E aí os temos, dispostos para abrir o campo da fantasía. Como cando os xogetes abarrotan a casa: pero que fai isto aquí? Esa cousa no medio, molestando os usos lóxicos e os percursos eficientes dos espazos, pero lembrando que a vida comeza aí: no xogo, no labirinto non imposto, imaxinado. Os inflables enchendo e dando volume ao espazo, cos que xogan os intérpretes (serven para seren lanzados, para saltar, para construir outros espazos, para facer carreira de obstáculos…) contrastan coa austeridade vertical do fondo: un panel de cor gris cinzento, de xeometría cuadriculada, enriba do cal se proxectan os títulos e textos que marcan o guión das escenas. Emulando, se cadra, a pizarra e o seu marco rectangular e reducido. O espazo da aprendizaxe e a comunicación formal. Toda esta escenografía, e as accións, sitúanse nun espazo en branco: un lienzo onde as cousas non se poden agochar no escuro, nun branco aberto a todas as dimensións. A música é unha playlist que acompaña os estados de ánimo dos protagonistas (axudando a entrar neles) e á que se suman os sons das accións dos corpos e dos obxectos. E algunha gravación de sons domésticos, que se coa no medio, achegando ainda unha maior dose de intimidade: estas persoas que vemos aquí, facendo de pai e de fillo, que nos lembran que o que vemos son dúas persoas sendo pai e fillo.

 


Este artigo acompaña a estrea en Galicia de Pink Unicorns de La Macana, o 20 de outubro de 2018 no Teatro Rosalía de Castro. A función estivo acompañada de varias actividades de programación expandida dentro do ciclo TRC Danza: un programa de inmersión artística para familias, no que se puxeron a traballar xuntos nais, pais e fillos adolescentes.


 

Deixar unha resposta