O Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas remata con ‘Culpable’, de Jose Prieto

Por iniciativa do Consello Territorial da SGAE en Galicia, a Fundación SGAE coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG) organiza neste mes de novembro o Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas, que ten como obxectivo promocionar os autores e as autoras para a difusión das súas obras, así como apoiar a dramaturxia e estimular a creación de textos en galego. As representacións celebraranse na sala Germán Coppini da Fundación SGAE (Rúa Salvada 2A, s/n) e son todas de acceso gratuíto.

Esta última sesión do ano terá lugar hoxe, mércores 14 de novembro, ás 21.00 horas. A obra será Culpable, do dramaturgo Jose Prieto, que se encargará ademais da dirección. César Goldi, Victoria Teijeiro e Roberto Leal. A montaxe trata dunha muller que acode voluntariamente a que a interroguen. Séntese culpable, pero non sabe de que. O interrogador interroga. O reconstrutor reconstrúe os feitos. Os feitos apuntan indicios. O xuíz xulga e emite o veredicto: culpable.

As lecturas son de acceso gratuíto e levaranse a cabo coa colaboración da Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG). O Ciclo SGAE de Lecturas Dramatizadas, que organiza a Fundación SGAE dende 1995 en todo o estado, ten a singularidade de reunir a autores, intérpretes, directores, produtores e público, na gran maioría das propostas, arredor dunha experiencia única: a estrea dunha obra nunca antes representada e ensaiada ese mesmo día. Ao longo das súas 21 edicións precedentes, o ciclo acolleu máis de 250 textos de máis de 200 autores para un público de máis de 25.000 persoas en todo o estado.

Deixar unha resposta