A Deputación da Coruña apoia dezanove proxectos culturais singulares

Unha proposta integral para visibilizar as mulleres na historia, un festival arredor do mar, un repositorio documental, unha iniciativa que une a cultura galega e catalá da “arroutada á rauxa”, unha plataforma de performance, unha orquestra de malabares ou unha revista dixital son algúns dos proxectos que a área de Cultura da Deputación apoia a través dunha nova liña de subvencións.

 

“Queriamos apoiar proxectos singulares, axudar a que iniciativas culturais de especial valor social, patriomonial ou creativo puidesen levarse a cabo”, anota a vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartín Rei, dunha iniciativa novidosa que completa o mapa de liñas de subvención en concorrencia competitiva incluíndo, por vez primeira a posibilidade de apoiar propostas presentadas por entidades lucrativas.

En total, a resolución que o Boletín Oficial da Provincia publica este luns 19 de novembro achega un total de 221.599 € para o desenvolvemento de 19 proxectos do ámbito da cultura. “Son propostas que abordan desde a cultura contidos de carácter social, medioambiental, patrimonial ou comunitario e que teñen valor na construción dunha sociedade máis igualitaria e xusta ademais de beneficiar, dunha maneira ou outra, o ben común”, explica Goretti Sanmartín.

Entre as propostas que se apoian a través da nova liña de subvención atópanse algunhas de especial relevancia no ámbito da loita pola igualdade como o espectáculo de teatro social e música para educar en perspectiva de xénero de Amarelas Producións ou a titulada Elas presentes coa que Berrobambán propón unha iniciativa integral para traballar a invisibilidade das mulleres ao longo da historia na ciencia e nas artes.

Outro ámbito de actuación dos proxectos que reciben apoio da nova liña da Deputación da Coruña é a propia difusión da cultura con iniciativas novidosas como De corpos presentes, a nova plataforma que defende Sabela Mendoza con idea de investigar, producir e difundir as artes performativas contemporáneas, ou o Proxecto Orquestra de Malabares de Pistacatro.

No catálogo de proxectos hai algúns especialmente singulares como a iniciativa que vincula a cultura galega e catalá a través da “arroutada á rauxa” de Maos Innovación Social, a historia sobre o caruncho do centeo en longametraxe que presentaron Illa Bufarda, o Proxecto é-baile de Noente Paradise, a revista de contidos dixitais Vinte promovida por María Yáñez ou o Festival Mar de Mares que quere recuperar a conexión do mar coa cidade da Coruña.

Deixar unha resposta