in

Inversa Teatro estrea no Culturgal a súa nova montaxe

SofiaInversa |
Sofía e as Postsocráticas poderá verse nesta nova edición do Culturgal, o día 30 ás 21:30 no Pazo de Cultura de Pontevedra.

 

Sofía e as Postsocráticas é a nova montaxe da Cía Inversa Teatro, unha obra que versa sobre a violencia machista, afondando nas causas da estrutura do maltrato. A partir de tres personaxes en escena: Sócrates, Platón e Aristóteles (interpretados por Silvia Penas, Marta Pérez e María Roja respectivamente) tratarán, segundo afirman, “de buscar un novo logos, é dicir, un novo patrón interpretativo da realidade no que poder facer o cálculo do que é ou o que non é violencia machista. Xunto coas personaxes e mediante o emprego de máscaras, a dramaturxia conta tamén con elementos audiovisuais e sonoros que axudarán na reflexión de cal é a nosa responsabilidade como sociedade ante este tema. O pacto patriarcal, o silencio como resposta, o valor ontolóxico, o victim blaming (culpabilizar á vítima), a negación ou o síndrome espectador son os fíos argumentais polos que transitan estas personaxes”.

O elenco está conformado por Silvia Penas, María Roja e a propia Marta Pérez, quen tamén é a directora da Cía. Asina a axudantía de dirección Santi Romay e complétase o elenco cos escenógrafos Montse Piñeiro e Gonzalo Alonso, Laura Iturralde na videocreación, Jesús Andrés Tejada (CintaAdhesiva) no espazo sonoro e Ángel Sousa na Iluminación.

A montaxe continúa a liña de traballo desta compañía ao redor da filosofía e o feminismo; incorporando nesta ocasión no campo dramatúrxico a poesía, o emprego de máscaras, así como potentes elementos visuais e sonoron que pretenden xogar coa virtualidade e duplicidade de elementos escénicos; todo atravesado con un discurso filósofico que ás veces vai desde momentos máis cómicos aos máis tráxicos para falarnos dunha realidade cotiá: a violencia de xénero.

 

Estrea e próximas datas

Unha vez realicen a preestrea na Feira de Industrias Culturais (Culturgal), a Estrea realizarase no Auditorio Municipal de Vigo, o día 5 de decembro ás 20:00. Para a estrea, a entrada será libre e o acto está organizado pola Concelleira de Igualdade desta cidade. Despois destas datas, a Cía presentará Sofía e as Postsocráticas no Salón Teatro de Santiago de Compostela desde o día 11 de decembro ata o día 16, realizando un total de oito funcións; sendo catro matinais para centros de toda Galicia e catro para público xeral. En Santiago tamén realizarán funcións inclusivas grazas á colaboración de PREDIF Galicia (Plataforma Representativa Oficial de Persoas con Discapacidade Física de Galicia). Poderá verse polo tanto a obra con interprétes de linguaxe de signos sobre o escenarios, audioguías para persoas cegas e programas de lectura fácil.


Publicidade

 

Fábulas postsocráticas e so teatral ad hoc

Para esta nova montaxe, a compañía elaborou tanto unha forte campaña de comunicación chamada Fábulas Postsocráticas como a elaboración dun espectáculo ad hoc, a partir da obra maior, titulado Sofía. Ambas propostas con entidade propia.

As Fábulas Postsocráticas imitan ás famosas fábulas de Esopo: son pequenos contos que versan sobre a violencia machista con contido pedagóxico e unha moralexa. Realizáronse dezaseis pezas e dezaseis fotografías. Para cada peza/fotografía contan cunha actriz/actor de recoñecido prestixio en Galicia, que, ataviado cunha túnica grega sostiña a moralexa da fábula.

Por outra banda, Sofía, é un espectáculo unipersoal de Marta Pérez, próximo ao teatro-conferencia, realizado a partir da montaxe maior Sofía e as Postscocráticas. Trátase dunha acción escénica na que a actriz, no escenario e acompañada da súa propia máscara (Platón), fai unha reflexión en torno á necesidade de buscar un novo xeito de reflexionar ante a problemática da violencia machista. O espectáculo dunha duración de media hora ofrece unha panorámica ante o que sustenta a violencia de xénero: o silencio, a negación e o efecto espectador. Estreouse o pasado domingo 18 de novembro dentro do Festival Curtas Armadiñas en Poio, pasando tamén polo IES Politécnico de Vigo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

JesusRubioGamo |

Jesús Rubio Gamo no TRC Danza da Coruña

ManuelLourenzoPorXulioGil |

Unha exposición fotográfica rende homenaxe aos pioneiros en Ourense