Nace o FestAlegre en Compostela

Dez espectáculos de circo, danza, música e teatro en seis escenarios diferentes. É a proposta da Concellaría de Acción Cultural do Concello de Compostela no programa FestAlegre, que se vai desenvolver na semana do 17 ao 23 de decembro.

 

A concelleira de Acción Cultural, Branca Novoneyra, presentou onte o programa FestAlegre nunha rolda de prensa na que estivo acompañada por César Goldi, Xesús Ron e Helen Bertels. A edil explicou que o festival inclúe “un total de dez actuacións, das que catro se desenvolverán no Teatro Principal e unha máis no Auditorio de Galicia, pero os demais espectáculos terán lugar en espazos que non son habitualmente empregados na programación cultural do Concello de Santiago, como son a sede da SGAE, a Escola de Altos Estudos Musicais, o Museo de Historia Natural e a Casa de Europa, todos eles no ámbito da Finca de Vista Alegre”. A concelleira apuntou que a localización “responde ao que se achegaba na proposta seleccionada no proceso de Orzamentos Participativos, e que obtivo un financiamento de 35.000 euros”.

 

Espazo “Berberecheira”

FestAlegre arrincará no Teatro Principal, onde están previstas ata catro das actuacións do cartel. As tres primeiras son proxectos xurdidos na Berberecheira, o espazo creado por Chévere despois de ter obtido o Premio Nacional de Teatro, para “darlle acubillo a proxectos escénicos de xestión colectiva que desbordan o núcleo estable da compañía, pero que utilizan a súa estrutura, coñecemento, proxección e experiencia”. Xesús Ron, de Chévere, mostrou o seu agradecemento por “poder presentar as pezas xurdidas da Berberecheira por primeira vez en Compostela, porque para a compañía isto significa que Santiago segue sendo terra de acollida cultural”. Ademais, mostrouse convencido de que con este proxecto “podería comezar un espazo de intercambio cultural entre municipios limítrofes, posto que estas pezas serán estreadas tamén en Teo a comezos de ano”.

A primeira das propostas, o 17 de decembro, será a montaxe Goldi Libre, un traballo de teatro-documento sobre o movemento da insubmisión nos anos 80 e 90. A obra está feita a partir das propias experiencias de César Goldi e da súa estancia no cárcere “durante dous anos, catro meses e un día por non realizar nin o servizo militar nin a prestación social substitutoria”. A cita será o día 17, a partir das 20:00 horas.

Ao día seguinte, o 18 de decembro, e tamén a partir das 20:00 horas, a actriz Iria Pinheiro subirá ao escenario do Teatro Principal para representar a súa Anatomía dunha serea. Na montaxe, a actriz conta como viviu o parto do seu fillo, “no que foi mutilada e se sentiu estafada e abandonada polo sistema, como outras moitas mulleres en todo o mundo”.

Xa o día 19, o FestAlegre permitiranos coñecer a obra audiovisual Salvador, de Borja Fernández e Laura Iturralde. Trátase dun proxecto de artes escénicas sobre os movementos migratorios co que se pecha a Triloxía 666, tres pezas escénicas separadas seis anos no tempo.

 

Finca de Vista Alegre

Tras do arranque do FestAlegre no Teatro Principal, o programa trasladarase á Finca de Vista Alegre, con ata cinco espectáculos nos espazos nela localizados. Na sede da SGAE, Helen Bertels e Mónica de Nut representarán as súas Accións Nimias o 20 de decembro a partir das 20:00 horas; e media hora máis tarde, na sede da Escola de Altos Estudos Musicais poderemos ver o programa Nadal, ti que cantas, da asociación cultural e musical Solfa.

Xa o 21 de decembro, a partir das 18:00 horas, está previsto que o Museo de Historia Natural acolla a representación de A música das árbores, con Anxo Moure e Servando Barreiro. Este é un espectáculo familiar para todas as idades, que conta como “o trasno Graciano trata de salvar a música das árbores, que desaparece por mor dos incendios”.

Na Casa de Europa están previstos dous dos espectáculos do FestAlegre. O 21 de decembro, ás 20:00 horas, acollerá un recital multidisciplinar do Grupo Oriol con poemas de Eva Veiga. Ao día seguinte, tamén ás 20:00 horas, haberá un concerto de Cova Villegas e o dúo Delta Galgos, baseado na obra poética de Antonio Gamoneda.

 

Auditorio e Principal

O FestAlegre pecharase no Auditorio de Galicia e no Teatro Principal con cadansúa proposta. A primeira, o 22 de decembro a partir das 19:00 horas, será o espectáculo de Pistacatro Orquestra de malabares, coa participación da Banda Municipal de Música de Santiago e dos malabaristas Arturo Cobas, Dulce Duca, Dani Fausto, Aitor Garuz, Guillermo Porta, Santiago Montero e Jesús Velasco “Xampi”.

A axenda do festival complétase cunha nova entrega de As raíces na pedra no Teatro Principal. Será o 23 de decembro, ás 19:00 horas, coa participación do Obradoiro de Cultura Tradicional Ultreia e da Agrupación Cantigas e Agarimos, e centrado na tradición galega dos cantos de reis.

Deixar unha resposta