Agadic convoca dez prazas para os e as intérpretes da súa próxima produción

A Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) publica no Diario Oficial de Galicia (DOG) de hoxe, 4 de decembro de 2018, o anuncio polo que se procede a lle dar publicidade á convocatoria e ás bases reguladoras do proceso de selección para a contratación –pola modalidade de relación laboral especial de artistas en espectáculos públicos– de dez prazas de actrices e actores, para a produción do ano 2019, un espectáculo a partir das pezas Fantasía nº 5 en sol ou non de Esther Carrodeguas e Boisaca ou a divina desgraza de Roi Vidal.

A convocatoria sinala que a produción se levará a cabo no primeiro semestre de 2019 e o prazo de presentación de candidaturas será de dez días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación da presente convocatoria na páxina web da Agadic.

Os textos que dan lugar a este espectáculo proceden do grupo de escrita creado a principios de ano (DramaturXA) para o apoio, fomento e promoción da autoría teatral galega contemporánea, que a compañía pública mantén en colaboración coa Asociación Galega de Dramaturxia DramaturGA, e que foi coordinado por Manuel Lourenzo.

O CDG fai pública esta convocatoria sen ter presentado aínda a súa programación para 2019 e sen que se confirme –como cren as asociacións do sector– se esta será a súa única produción para o ano vindeiro. Nos últimos anos, os procesos de selección de actores e actrices e a escasa produción do centro foron constante obxecto de polémica e enfrontamento entre Agadic e as asociacións profesionais –que chegaron a denunciar publicamente falta de transparencia e presuntas irregularidades no proceder da axencia– e mesmo levaron, en 2017, á dimisión de cinco membros do tribunal de selección, incluído o director artístico, Tito Asorey, dunha das producións.

A convocatoria oficial pode consultarse aquí.

Deixar unha resposta