in

Compostela e Teo amosan os espectáculos sementados na “berberecheira” de Chévere

IriaPinheiro©OlaiaSendon |
As obras Goldi Libre, Salvador e Anatomía dunha serea poderanse ver en decembro en Compostela e en Teo en febreiro. | Foto: Olaia Sendón |

 

Os concellos de Santiago e Teo acollerán proximamente senllas mostras dos tres espectáculos desenvolvidos ata o momento no laboratorio de creación do grupo Chévere – A Berberecheira: Goldi Libre, Salvador e Anatomía dunha serea.

En Compostela, as tres obras poderán verse os días 17, 18 e 19 de decembro no Teatro Principal como parte do festival Festalegre, organizado polo Concello mentres que as funcións de Teo serán o 15, 16 e 17 de febreiro no Auditorio Constante Liste.

A Berberecheira é unha iniciativa nacida en 2015 que forma parte do plan de residencia que Chévere desenvolve no Concello de Teo. O seu obxectivo é utilizar como soporte a estrutura, os medios, o coñecemento, a experiencia e a proxección dunha compañía veterana como Chévere para apoiar proxectos de creación innovadores que desbordan o núcleo estable do grupo e ampliar así as voces e as poéticas vinculadas ao percorrido artístico da Compañía.

A Berberecheira, que toma o seu nome de un banco marisqueiro situado na praia de Carnota, naceu no 2015 e dende entón centrou o seu interese en proxectos escénicos que documentan experiencias e historias persoais, contadas en primeira persoa e conectadas con acontecementos colectivos.

 

Espectáculos sementados na Berberecheira

Os tres espectáculos desenvolvidos ata o momento na Berberecheira son:


Publicidade

Goldi Libre: autorretrato dun insubmiso preso nos cárceres de Felipe González é un traballo de teatro documento baseado nunha historia de vida do actor César Goldi. A obra trata sobre o movemento de insubmisión dos anos 80-90 do século XX en España, sobre as persoas que formaron parte do mesmo e sobre a súa exitosa estratexia de desobediencia e confrontación non violenta co aparato do Estado.

Datas: 17 de decembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela e 17 de febreiro en Teo.

Salvador é unha obra de Borja Fernández a medio camiño entre o documental e a ficción teatral na que se combinan texto, movemento, música en directo e proxeccións de vídeo. Salvador trata sobre os movementos migratorios, as desaparicións e os reencontros. Centra o seu interese nos casos de homes casados que emigraron sos a mediados do século pasado a Suramérica e no impacto da súa ausencia na configuración das comunidades locais, das familias e dos seus descendentes.

Datas: 19 de decembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela e 16 de febreiro en Teo.

Anatomía dunha serea é unha peza de teatro documental e autobiográfica construída sobre a memoria e a experiencia personal da actriz Iria Pinheiro como muller, como nai e como vítima da violencia obstétrica. Anatomía dunha serea fala das condicións en que se dá a vida na sociedade actual, de como concibimos a maternidade nun mundo dominado pola lóxica do beneficio económico, de como asumimos a violencia contra as mulleres dentro dun hospital ou dunha sala de partos. Fala de violencia de xénero en lugares insospeitados.

Datas: 18 de decembro no Teatro Principal de Santiago de Compostela e 15 de febreiro en Teo.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Fernando Epelde |

Fernando Epelde gaña o I Premio SELIC na categoría de Teatro

ManuLagoOutono |

Morre Manu Lago García, referente do circo galego