Escenas do Cambio volve a Compostela en febreiro

A quinta edición de Escenas do cambio chega ao Gaiás do 7 ao 16 de febreiro afondando nas liñas que lle outorgaron identidade ao encontro, e afondando no concepto de disidencia como eixo das súas actividades.

 

Escenas do cambio chega á súa quinta edición insistindo en rachar coa idea de escena pechada e de xéneros estancos. Para visualizar o seu proxecto que, coma o ano pasado, xira en torno da idea de disidencia, o festival recorre este ano a dúas das figuras máis destacadas da vangarda española, Esther Ferrer e Isidoro Valcárcel Medina, ambos Premios Nacional de Artes Plásticas, para seguir afondando –segundo as palabras do seu director, Pablo Fidalgo– nas liñas que construíron a identidade do festival.

Os dous teñen en común unha traxectoria ampla e referencial para varias xeracións de artistas en España e que se caracteriza por unha arte arriscada e ética que faga pensar ao espectador e que sorprenda. Ambos abrirán Escenas do cambio 2019 o día 7 de febreiro; Esther Ferrer cunha performance coa comunidade de persoas xordas de Galicia, Os voy a contar mi vida, mentres que Isidoro Valcárcel impartirá durante catro días un obradoiro, no Museo Centro Gaiás, da Cidade da Cultura de Galicia, e estreará na escaleira helicoidal do Museo do Pobo Galego unha performance, Subida en tres actos, creada ex profeso para o festival.

O festival continuará o traballo con comunidades, coas pezas Ifeel4, de Marco Berrettini (con nenos e nenas de Compostela para configurar un coro con rapaces do Estudo Escola de Música), Trigger of hapiness, de Ana Borralho e João Galante (con adolescentes con idades comprendidas entre 18 e 23 anos, para que expoñan o seu xeito de ver e entender a vida) e a xa citada Os voy a contar mi vida de Esther Ferrer (con persoas xordas e ouvintes).

E continúase tamén a presentar pezas históricas da danza e o teatro que manteñen a súa actualidade, como os Tres solos de Vera Mantero, Sans titre, de Tino Sehgal, ou Minor Matter, de Ligia Lewis –un traballo que leva os corpos disidentes a un abismo desde o que pensar como continuar. Coa presenza destes referentes, o festival confirma nesta quinta edición a súa aposta por que a danza sexa cada vez máis protagonista no festival

Escenas do cambio segue a carreira dalgúns artistas galegos que xa estiveron en edicións anteriores do festival e que foron medrando nas súas traxectorias de xeito paralelo a este, como Tito Asorey e Melania Cruz, que presentarán Empapelado amarelo, Nuria Sotelo e Cris Sánchez, que traen ao Gaiás A casa vella, ou Diego Anido e Borja Fernández que, baixo a sinatura Colectivo Marciano Balboa, presentarán O inevitable.

O programa complétase con pezas como MDLSX, de Motus –no que Silvia Calderoni dá vida a un ser andróxino que cuestiona as barreiras entre xéneros–, Chroma (35′) de Alessandro Sciarroni –galardoado o ano pasado co Premio Europa Novas Realidades Teatrais–, ou Dumy moyi, de François Chaignaud –un recital multilingüe tinguido de melodías ucraínas, filipinas ou sefardís.

Completan este cartel internacional os portugueses Maria Salgado e Fran MM Cabeza de Vaca co seu Jinete Último Reino e Flora Détraz con Tutuguri, e a bailarina polaca Ola Maciejewska coa que veremos en acción o seu espectacular vestido danzante, protagonista de Loie Fuller: Research.

Como é habitual, hai un programa paralelo de actividades que inclúen un obradoiro a cargo de Isidoro Valcárcel Medina, unha Escoliña do Espectador con Idoia Zabaleta –dirixida a persoas espectadoras que queiran compartir a experiencia de acompañar de forma intensiva a programación de Escenas do Cambio–, ou conversas e encontros posteriores aos espectáculos –con Esther Ferrer, Vera Mantero, Idoia Zabaleta e Isidoro Valcárcel Medina xunto ao crítico Juan de Nieves.

Escenas do cambio 2019 conta cunha rede de colaboradores como o INAEM, o Concello de Santiago, o Centro Dramático Galego, a Agadic, a Universidade de Santiago, A Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Camões – Instituto da Cooperação e da Língua e, neste 2019, incorpora o Museo do Pobo Galego, xa que continúa a liña aberta de estender a súa programación e máis alá do Gaiás, con representacións en diferentes espazos culturais da capital de Galicia, que inclúen o Teatro Principal e o Salón Teatro.

 

Programa

7 febreiro

15.30 Obradoiro con Isidoro Valcárcel Medina
18.00 Os voy a contar mi vida. Esther Ferrer
19.00 Empapelado amarelo. A quinta do cuadrante (Melania Cruz e Tito Asorey)
20.30 Tres solos: Olympia, Uma misteriosa coisa disse e.e. cummings e Tal vez ela pudesse dançar primeiro e pensar depois. Vera Mantero | Ao rematar, conversa entre Esther Ferrer, Vera Mantero e Idoia Zabaleta

8 febreiro

15.30 Obradoiro con Isidoro Valcárcel Medina
17.00 Escoliña do espectador con Idioa Zabaleta
18.00 Spanberguianismo. Presentación do libro por parte de Alejandra Pombo
19.00 Preguntas con respostas. Esther Ferrer
20.30 Jinete último Reino. Fragmento 3. María Salgado e Fran MM Cabeza de Vaca

9 febreiro

15.30 Obradoiro con Isidoro Valcárcel Medina
17.30 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta
18.00 A casa vella. Presentación do novo proxecto de Nuria Sotelo e Cris Sánchez
19.00 Dumy moyi. François Chaignaud
20.30 A cama do meu avó Manuel Sanmartín Méndez. Celso Sanmartín

10 febreiro

15.30 Obradoiro con Isidoro Valcárcel Medina
12.30 Ifeel4. Marco Berrettini
19.00 O inevitable. Colectivo Marciano Balboa (Diego Anido e Borja Fernández)
20.30 MDLSX. Motus

11 febreiro

16.00 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta
19.00 Subida en tres actos. Performance de Isidoro Valcárcel Medina | Ao rematar, encontro de Isidoro Valcárcel Medina con Juan de Nieves

12 febreiro

16.00 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta

13 febreiro

16.00 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta

14 febreiro

16.00 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta
20.30 Trigger of happiness (O gatillo da felicidade). casaBranca (Ana Borralho e João Galante) | Ao remate da peza conversa aberta cos/coas adolescentes-performer da obra

15 febreiro

16.00 Escoliña do espectador con Idoia Zabaleta
19.00 Loie Fuller: Research. Ola Maciejewska
20.00 TUTUGURI. Flora Detraz
20.30Chroma (35’). Alessandro Sciarroni

16 febreiro
19.00 Sans titre (2000). Tino Sehgal
20.30 Minor matter. Ligia Lewis

Deixar unha resposta