A MOTI transforma Ourense en capital do Teatro Infantil

A MOTI –Mostra de Teatro Infantil de Ourense– celébrase este ano baixo o lema “O teu tempo cos nenos é o mellor agasallo” e acollerá dezanove espectáculos que se repartirán entre o Campus de Ourense, o Teatro Principal, o Auditorio Municipal e as rúas da cidade. A igualdade de xénero, a necesidade de contemplar o diferente e a naturalización da morte son os temas máis presentes nas obras seleccionadas.

 

A Mostra terá un aperitivo o día 21, a partir das 19:00, coa representación do espectáculo Moti a culleradas (marchando unha de Moti), a cargo da compañía ourensá Trécola Teatro, que arrincará na Sala Valente do Paseo.

A partir do día 26 comezará a programación propiamente dita cunha mostra de arte nas rúas a cargo de, entre outros, A Gramola Gominola, o Mago Xacobe e Os Tres Tenedores. Logo virá Aprendiz de Bruxa (no Auditorio Municipal, ás 18:15 e ás 19:30), un espectáculo que mestura aventuras co mundo da maxia a cargo de Gepetto, a Aula Universitaria de Teatro Infantil.

O xoves 27 será a quenda de Ela, de Caramuxo Teatro (Auditorio Muncipal, 12:00 e 17:00): un espectáculo que presenta un mundo fantástico a través das cores e o universo creativo da pintora galega Maruxa Mallo. Ás 18:00, na sala Pardo Bazán do Campus, celebrarase un Concerto Punk Infantil a cargo de Peter Punk e Brais das Hortas. E ás 18:15 e 19:30, no Auditorio Municipal, L’Homme dibuxiat e Tian Gombau traen dende Valencia Screen Man: o protagonista deste espectáculo habita un universo particular no que xoga coas imaxes e transfórmaas. De súpeto aparecerá Pomodoro, un pequeno ser que comeza sendo unha proxección para converterse nun monicreque real, e esta visita alterará a rutina do protagonista.

O venres 28, Eme2 levará ata o Teatro Principal (17:00) os seus Contacreques, un espectáculo poético, divertido, áxil e desenfadado, dirixido a un público comprendido entre os 3 e os 7 anos e baseado nos contos clásicos O Reiseñor, Garavanciño e O Zapateiro e os trasnos. Ás 18:15, na sala Pardo Bazán do Campus, representarase O pozo das señoras, a cargo de Rilo e Penadique, unha compañía na que se atopan a forza dunha contadora e unha música que achega unha gran presenza musical e teatral na escena. E ás 19:30, no Auditorio Municipal, La Espiral Mágica de Madrid contará as aventuras de El pequeño conejo blanco, un espectáculo que mestura actores e monicreques con música en directo.

O sábado 29, Tanxarina estará na Mostra con A galiña azul: adaptada e dirixida por Cándido Pazó, esta obra converteuse nunha das revelacións deste ano, gañadora, entre outros moitos premios, do María Casares ao mellor espectáculo infantil na súa última edición. Logo, Jean Philipe Kikolas, de Castela e León, presentará no Campus o seu espectáculo de clown Calor, que se inspira na situación na que viven moitas persoas carentes dun fogar, viaxeiros involuntarios que se viron forzados a deixar as súas casas, obrigados a marchar precipitadamente dos seus fogares. O día acabará no Auditorio Municipal, ás 19:30, con Euria (Choiva) da compañía vasca Markeliñe. Euria fala do que nos pasa cando algo ou alguén a quen queremos xa non está. E de todo ese aborrecedor tempo que precisamos para entender e aceptar que algo cambiou.

Finalmente, o día 30, a compañía portuguesa We Tum Tum leva ao Auditorio Municipal, ás 17:00 e ás 18:15, Crassh Babies 2.0, unha combinación única de percusión, movemento e comedia visual, con diferentes sonoridades, e a partir de obxectos reciclados, que sirve para estimular os sentidos das crianzas e proporcionar momentos únicos. Tamén ás 18:15, Jean Philipe Kikolas repite con Calor e, Elefante Elegante bailará a súa Danza da choiva, gañadora do Premio María Casares ao mellor espectáculo infantil no ano 2017.

A isto hai que sumarlle a animación teatral polas rúas que durante diferentes días protagonizarán Trécola Teatro e de Lacotre Producións, con distintas accións teatrais que animarán ao público a participar da Mostra.

As entradas custarán entre tres e catro euros. Os billetes para as representacións pódense comprar por adiantado desde o primeiro día nas billeteiras dos recintos anfitrións. A recadación dos espectáculos da MOTI no Campus de Ourense irá, un ano máis, para Unicef, entidade que vén de recoñecer Ourense como “cidade amiga da Infancia”.

Deixar unha resposta