in

Comeza o ciclo do CDG ‘Gran teatro para os máis pequenos’

Muiñada de Galeatro
Ademais de Nómades, os días 22 e 23, durante estas festas o Salón Teatro de Santiago acollerá os espectáculos Os fabulosos cleaners de Malasombra Producións o 29 e 30, e Muiñada de Galeatro o 3 e 4, precedidos de cadanseu obradoiro.

 

O Centro Dramático Galego (CDG) organiza por terceiro ano consecutivo o seu ciclo Gran teatro para os máis pequenos para celebrar o Nadal co público infantil na súa sede do Salón Teatro de Santiago. A programación especial para estas festas desenvólvese arredor de tres espectáculos das compañías Xarope Tulú, Malasombra Producións e Galeatro, precedidos doutros tantos talleres baixo o lema común Saca a arte que levas dentro e directamente relacionados co que as nenas e nenos verán a continuación no escenario.

O ciclo arrancará esta fin de semana con Nómades, unha proposta moi visual na que Xarope Tulú xoga co movemento, a música e a palabra para convidar os espectadores a viaxar por paisaxes singulares. O seu obxectivo é subliñar a beleza da diversidade, que dá lugar á aparición de novas tonalidades, texturas e xeitos de vivir, sen que exista un corpo equivocado. Gena Baaamonde é a directora desta montaxe de creación colectiva, que poñen en escena María Roja, Atenea García e Diego M. Buceta.

O espectáculo representarase o sábado 22, ás 19:00 , e o domingo 23, ás 12:30. Dúas horas antes de cada función, dará comezo o taller “Vísteme despacio”. O espazo escénico e o vestiario, no que as cativas e cativos crearán escenas que rachen cos estereotipos e os roles de xénero a partir do xogo co espazos escénico, a creación de personaxes e o seu vestiario.

 

Pompas de luz e cor

Nos mesmos horarios desenvolverase o sábado 29 e o domingo 30 o espectáculo Os fabulosos cleaners, de Malasombra Producións, xunto ao obradoiro “Visto e non visto. As texturas da luz”. Dirixida por Marcos Orsi e Xoque Carbajal, quen é tamén un dos intérpretes xunto a Jouse García, esta montaxe con pompas de xabón está pensada como unha experiencia visual para participar toda a familia.

En relación con este espectáculo, o obradoiro que o precederá incidirá no concepto de arte efémera como forma de expresión fugaz, para o que se traballará con diferentes materiais, texturas e iluminación.


Publicidade

Para finalizar, na primeira semana de 2019 chegará a quenda de Galeatro, a compañía de Alba Bermúdez e Tone Martínez, que porán en escena Muiñada o xoves 3, ás 19:00. e o venres 4, ás 12:30. A montaxe proponlles ás nenas e nenos de hoxe unha viaxe á tradición popular galega a partir da historia de Sabela e Xacobe, que se atopan nun dos moitos muíños de auga espallados por Galicia nese tempo por un malentendido coas quendas das muiñadas.

Dúas horas antes destas funcións, terá lugar o obradoiro “Cántame un conto. O espazo sonoro e os cantos”, que a través do xogo coas historias e os refraneiros populares, abordará as técnicas de dramaturxia e o traballo coas actrices e actores, ademais de afondar no impacto do son na construción de ambientes sobre o escenario.

 

Prazas e reservas

Para facilitar a conciliación familiar durante as festas, o Centro Dramático Galego oferta entre 20 e 30 prazas para as diferentes sesións dos talleres, que volverán ser impartidos por Elea López co obxectivo de que as nenas e nenos entendan mellor o espectáculo que verán despois, ademais de coñecer como funciona por dentro o mundo do teatro. Nestes obradoiros poderán participar sos, mentres que nas funcións é necesario que estean acompañados por cando menos un adulto.

A entrada a estes talleres está incluída no Bono de Nadal, previa reserva de praza no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,00 horas), e abrangue así mesmo un mínimo de catro entradas para calquera dos espectáculos ofertados a un prezo especial de seis euros cada unha. Ademais, existe unha tarifa familiar ao mesmo prezo (mínimo de tres entradas para unha mesma función mais talleres), así como billetes individuais a oito euros.

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Eroski Paraíso de Chévere

‘Eroski Paraíso’ abre o programa do García Barbón de Vigo para o primeiro semestre de 2019

mariacasares |

Os Premios María Casares prescindirán das tradicionais xerras de Sargadelos