Os Domingos do Principal de Pontevedra fan vinte anos

O ciclo Domingos do Principal, unha proposta clásica para a programación 2019 do Concello de Pontevedra e unha escusa perfecta para agasallar cultura: as entradas e os abonos están xa a venda. “Non creo que haxa moitos ciclos de teatro infantil cunha longa vida como este” sinalou na presentación da edición número 20 a concelleira, Carme Fouces, quen lembrou que nestas case dúas décadas foron máis de 300 as representacións ofrecidas, o mellor da escena infantil galega e non galega.

É un ciclo que adoita esgotar as súas entradas e que abre as portas do Teatro Principal durante sete domingos en horario de mañá e tarde (12.00 e 18.30 horas) co fin de facilitar a asistencia dos nenos e nenas, dun público familiar que aprende a valorar e amar o teatro dun xeito lúdico, unha paixón que se estende no tempo.

“Os primeiros espectadores de Domingos do Principal son agora espectadores de Ponteatro” apunta a concelleira Carme Fouces que comparte con moitas das compañías que se achegan á cidade a valoración de que “o público de Pontevedra é un público esixente e ben formado”, algo lóxico ao estar afeitos dende nenos e nenas a ver e gozar con bos espectáculos escénicos.

Pola súa banda Xacobe Rodríguez, coordinador de Domingos do Principal, pon a énfase en tres características do ciclo de teatro familiar:

– toca todos os ámbitos das artes escénicas: danza, teatro de máscaras, teatro de actor, teatro de sombras, circo…
– hai espectáculos de risas, de pensar e tamén algún un pouco triste
– é para todas as idades, para os nenos e nenas pero tamén para adultos.

O Festival de teatro para a toda familia –Domingos do Principal 2019- subirá a escena os espectáculos de sete compañías entre o 20 de xaneiro e o 10 de marzo. Serán 17 funcións -dous por espectáculo- máis tres funcións concertadas, de luns, para escolares.

  • Rojo Standard de La Nördika (Granada). Domingo 20 de xaneiro
  • Pavillón Lino de Caramuxo Teatro (Galiza). Domingo 27 de xaneiro
  • El viaje de Ulises de Teatro Gorakada (Euskadi). Domingo 3 de febreiro
  • El tesoro de Barracuda de A la sombrita (Sevilla). Domingo 10 de febreiro
  • Aguratrat de Pérez&Fernández (Galiza)
  • Emportats de La Trócola Circ (Alacant)
  • Euria (Chuvia) de Markeliñe (Euskadi)

As tres funcións escolares serán o luns 28 de xaneiro, Pavillón Lino; luns 11 de febreiro, El tesoro de Barracuda e luns 18 de febreiro, Aguratrat.

O prezo de entrada única por persoa e función e de 4€ e o abono -de mañán ou de tarde- para as 7 funcións é de 21 € máis gastos de tramitación (o abono mércase só na billeteira telefónica ou por internet).

Deixar unha resposta