Pistacatro e Sincronacidas estarán en FETEN 2019

Pistacatro e Sincronacidas son as compañías galegas presentes nesta edición da Feira. Até o venres 25 de xaneiro estará aberto o prazo de inscrición de profesionais.

 

FETEN, a Feria Europea de Artes Escénicas para Niños y Niñas, celebrará a súa vixésimo oitava edición, en Xixón, entre o domingo 17 e o venres 22 de febreiro de 2019.

FETEN, seleccionou un total de 86 compañías para dar forma á programación da súa vixésimo oitava edición, que se desenvolverá na localidade asturiana do 17 ao 22 de febreiro. Máis de 200 representacións sucederanse durante seis intensas xornadas en diferentes escenarios da cidade (como o Teatro Jovellanos, o CC Antiguo Instituto ou o paseo de Begoña) no marco dunha cita de referencia que reúne cada ano unha extensa representación do sector escénico para nenos e nenas.

Entre as propostas programadas, inclúense 14 estreas absolutas. Así, os asturianos Fantastique Company, Companya Pep Bou, desde Cataluña, e os manchegos Ultramarinos de Lucas achegaranlle ao público de FETEN os seus últimos traballos de teatro xestual, titulados, respectivamente, La pintora Flora, BLOOP! e A mi lado. A nómina de estreas da cita asturiana préstalle atención tamén á danza e ao circo, con Nudos, de Da.Te Danza, El inolvidable viaje de Nana, de Café de las Artes, e YOLO (You Only Live Once), da Cía Lucas Escobedo – Teatre Escalante, formacións con selo andaluz, cántabro e valenciano. Tamén dende Valencia, Nacho Diago estreará en FETEN 2019 o seu novo espectáculo de maxia, El misterioso caso de Houdini y la habitación cerrada. Polo teatro de actores apostan La Machina Teatro (Cantabria) e Yarleku Teatro (Navarra), con Olivia y las plumas e La casa más pequeña. O traballo actoral combínase cos títeres en Blancanieves, dos madrileños Luna Teatro Danza, e NOA ¡Uy Uy Uy!!!, da compañía vasca Panta Rhei. Completa a lista de estreas de FETEN nesta 28 edición a de Zapatos nuevos, montaxe de teatro de obxectos a cargo dos valencianos Tian Gombau – L’home Dibuixat.

A programación de FETEN 2019 presentará espectáculos procedentes de Alemaña / EEUU, Francia / Israel, Bélxica, Italia, Portugal, República Checa e México. Ademais, a programación da feira contará cunha coprodución entre Noruega e unha compañía murciana. Así mesmo, formacións de Asturias, Cataluña, Andalucía, Valencia, Madrid, Euskadi, Aragón, Cantabria, Castela e León, Castela – A Mancha, Murcia, Canarias, Estremadura, A Rioxa e Navarra recalarán en Xixón. A presenza galega virá asinada por Sincronacidas, que presentará Oh!limpiadas, e Pistacatro, que levará Outono.

Os espectáculos que conforman a programación de FETEN 2019 foron seleccionados entre as 841 propostas escénicas recibidas pola organización, procedentes de 27 países distintos. O intercambio e a cooperación entre diferentes axentes do sector marcarán, un ano máis, o desenvolvemento da feira, que converterá de novo a Xixón en escaparate para compartir intereses, experiencias e coñecementos, e para favorecer o vínculo directo entre programadores, distribuidores e creadores.

 

Inscrición de profesionais

Para asistir á feira en condición de profesional precísase cumprimentar esta ficha tendo en conta as seguintes condicións:

Existen dúas modalidades de participación na feira:

1. Como persoa acreditada: con dereito a solicitar entradas para asistir aos espectáculos e utilizar a acreditación para as actividades profesionais da feira. Os gastos derivados da viaxe, aloxamento e manutención serían a conta das persoas acreditadas.

2. Como persoa invitada: disporán de aloxamento, almorzo e xantar a cargo da organización. O aloxamento será en cuarto duplo. Quen desexe cuarto individual deberá abonar a diferencia ao hotel. A feira invita a:

  • Programadores/as culturais públicos e privados, así como responsables de programación de feiras e festivais e representantes das asociacións profesionais no ámbito das artes escénicas. Para que a solicitude sexa confirmada deberá levar axuntado un dossier coa programación que se realiza e da que se é responsable.
  • Empresas de distribución que representen polo menos 5 compañías diferentes cunha axenda de distribución coas liñas de programación da feira e unha presenza activa no sector no último ano. Para que a solicitude sexa confirmada deberá axuntar enlace á páxina web onde figuren os dossier das compañías que representa. As compañías que representa, a xuízo da organización, deberán ter coherencia coa liña de programación da feira.
  • Medios de comunicación: para que a solicitude sexa confirmada deberase acreditar a pertenza ao medio de comunicación.
  • Membros do xurado

A feira só invitará a un representante por entidade, que disporá de aloxamento, almorzo e xantar.

En caso de non asistir á feira os días que se indicaron na solicitude, é preciso avisar dos cambios á organización. Se non se comunicase, a persoa solicitante terá que se facer cargo dos gastos.

Deixar unha resposta