in , ,

Faise pública a programación do 41º Festival de Almada, que inclúe ‘Manuela Rey Is In Da House’

'Manuel Rey Is In Da House'. Foto: Centro Dramático Galego.
'Manuel Rey Is In Da House'. Foto: Centro Dramático Galego.

Entre o 4 e o 18 de xullo celébrase a 41ª edición do Festival de Almada, que reúne a algúns dos creadores que marcaron as artes escénicas nas últimas décadas, así como a un grupo de artistas e compañías, portuguesas e estranxeiras, que determinan a creación contemporánea. Entre eles, o 14 de xullo, no grande palco da Escola D. António da Costa, a produción do Centro Dramático Galego Manuela Rey Is In Da House, con dramaturxia e dirección de Fran Núñez.

Dezanove espectáculos de teatro, danza, música, malabares e cabaré desenvolveranse en oito escenarios de Almada e Lisboa: Teatro Municipal Joaquim Benite, Centro Cultural de Belém, Escola D. António da Costa, Fórum Romeu Correia, Incrível Almadense e Academia Almadense.

As creacións de Eduardo De Filippo, Peter Stein, Robert Wilson e Lucinda Childs trazaron, en diferentes momentos, os camiños do teatro e da danza que aínda hoxe son percorridos: nesta edición poderanse presenciar diferentes exemplos das correntes escénicas relacionadas con estes creadores. Olivier Py, que dirixiu o Festival d’Avignon entre 2013 e 2022, achega un cabaré no que volve traer o seu alter ego das tres últimas décadas, Miss Knife, con cancións escritas por el. Do mítico teatro de Peter Brook, o Bouffes du Nord, chega un espectáculo de Samuel Achache baseado nos Lieder de Schumann. E tamén é a música –a famosa ópera Orfeo e Eurídice, de Gluck– a que inspira a peza coa que a nova directora Jeanne Desobeauxpecha esta edición do Festival, o 18 de xullo. O coreógrafo serbio Josef Nadj regresa a Almada co mesmo conxunto de bailaríns africanos que presentou en 2022, esta vez cunha creación moi recente, que se estrea o 24 de xuño en Montpellier. Mathilde Monnier presenta por primeira vez no Festival un espectáculo de danza que causou sensación en Aviñón, e que conta coa portuguesa Isabel Abreu nun elenco totalmente feminino. O colectivo inglés Gandini Juggling mestura malabares con teatro e danza, achegando unha ‘carta de amor’ ao famoso coreógrafo norteamericano Merce Cunningham. O Espectáculo de Honra de 2024, votado polo público o ano pasado para volver nesta edición, é Jogging, da actriz libanesa Hanane Hajj Ali.

O teatro portugués está representado por algunhas das súas compañías independentes –Companhia de Teatro de Almada, Teatro O Bando, Companhia Olga Roriz, Artistas Unidos, Teatro do Bairro / Ar de Filmes, Causas Comuns–, e por unha xeración de creadores máis novos: os dúos Tiago Rodrigues / Tónan Quito e Inês Barahona / Miguel Fragata; o director galego Fran Nuñez; e o director e actor Ricardo Simões.


Publicidade

No ano no que se celebran os 50 anos do 25 de abril de 1974, o Festival de Almada homenaxea a A Barraca, unha das compañías históricas do teatro portugués, e o Museo Nacional do Teatro e da Danza inaugura unha exposición dedicada a estas compañías, que percorrerá Portugal na segunda metade do ano e o ano que vén. A pintora Ilda David, autora da imaxe do cartel desta edición, terá unha exposición no Convento dos Capuchos, e a Companhia de Teatro de Almada inaugura, en colaboración co Arquivo Ephemera, a terceira dun conxunto de catro exposicións que esta temporada se dedica á Revolución dos Cravos.

O escritor Rui Cardoso Martins é quen dirixe a XI edición da formación “O sentido dos mestres”, este ano dedicada á dramaturxia. Haberá un ciclo de dez “Coloquios na Esplanada” entre algúns dos creadores presentes en Almada e o público do Festival, e Jorge Vaz de Carvalho moderará un seminario dedicado ao tema Creación, ideoloxía, identidade. Todos os días, a última hora da tarde, na Explanada da Escola D. António da Costa haberá concertos de música en directo, con entrada libre.

As subscricións –que dan entrada a todos os espectáculos– pódense adquirir en ctalmada.pt, na billeteira do Teatro Municipal Joaquim Benite ou nas tendas da FNAC, cun prezo de 90 € (72 € para os socios do Club de Amigos de TMJB ).

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Imaxe: Summertime sadness

‘Summertime Sadness’ dirixido por Myriam González, seleccionado na Quinzena de Dança de Almada 2024

Deixando a pel

A Compañía de teatro universitario da USC- Lugo gaña o premio á mellor obra na 35ª Muestra de Teatro Joven de Donostia