Historia

A Revista Galega de Teatro existe dende 1983 e, na actualidade, é a única publicación periódica que ten como obxecto o teatro galego. As súas orixes remóntanse a 1983, data na que saíu o primeiro Boletín de Información Teatral da Escola Dramática Galega, xermolo do que é hoxe a RGT. Naquel número 0 xa se marcaba o obxectivo de “dar un paso máis no camiño da normalización teatral en Galicia”: nesas seguimos.

A liña editorial da RGT sempre estivo marcada pola independencia, a honestidade e o rigor informativo e o seu obxecto preferente é o teatro galego, aínda que sen prescindir dunha insaciable curiosidade por calquera aspecto de interese relacionado co teatro en xeral.

A RGT conxuga información, creación, divulgación e estudo. Así, publíca críticas, reportaxes, crónica de festivais, recensións de libros, ensaios sobre un determinado aspecto relacionado coa arte dramática…

Ademais, dende o número 8 edita textos dramáticos de autores galegos e foráneos. Son xa máis de 60 textos publicados, o que converte a revista nunha das máis fértiles e constantes editoras de teatro do país. A listaxe de autores publicados inclúe nomes como os de Roberto Vidal Bolaño, Euloxio R. Ruibal, Xesús Pisón, Lino Braxe, Jenaro Mariñas do Val, Manuel Lourenzo, Raul Dans, Xosé Manuel Pazos, Rubén Ruibal ou Vanesa Martínez, entre os galegos, ou os de Bertolt Brecht, Jacques Prévert, Ernesto Caballero, Juan Mayorga, Yolanda Pallín, Llüísa Cunillé, Carles Batlle, Suzanne Lebeau, Jose María Vieira Mendes ou Marta Freitas, entre os de fóra.

 

Organigrama

Directora: Vanesa Sotelo

Subdirector: Manuel Xestoso

Secretario: Roberto Pascual

Consello de Redacción: Afonso Becerra de Becerreá, Inma López Silva, Roi Vidal Ponte, Esther Carrodeguas, Gena Baamonde, Fran Peleteiro.

Consello Editorial: Antón Lamapereira, Xosé Manuel Pazos Varela, Che Mariño, Pedro Pablo Riobó, Gonzalo Rodríguez Calvo, Casilda Alfaro.

 

Administración /subscricións: Helena Torres

 

 

 

 

Deixar unha resposta