Rolda Internacional: 27 / 06 / 2019

O artista chinés Ai Weiwei vai realizar o seu primeiro traballo nas artes escénicas cunha versión do Turandot de Puccini que terá dirección escénica, escenografía e vestiario do artista. A obra estrearase o 24 de marzo de 2020 no Teatro dell’Opera di Roma. A ópera, que tivo a súa orixe na obra de teatro de Carlo Gozzi de 1762, ten como pano de fondo o imaxinario fantástico da China imperial.

Ai Weiwei, que confesou non coñecer a música e que declarou que lle dará unha lectura política á obra, xa fixo unha primeira revisión e xa fixo os primeiros esbozos para a súa posta en escena.

 


Bitter Wheat, a obra de David Mamet protagonizada por John Malkovich e baseada no “caso Harvey Weinstein”, que desencadeou o movemento #MeToo en América, estreouse no Garrick Theatre de Londres o pasado 19 de xuño e recibiu comentarios negativos da maioría dos críticos. Aínda que case todas as críticas eloxian o papel de Malkovich no papel dun magnate de Hollywood sen escrúpulos, a meirande parte dos comentaristas concorda en que a obra non está a altura do autor.

Os produtores da obra de Mamet, que xa tivera críticas decepcionantes dos críticos de Broadway nas súas dúas últimas obras, China Doll e The Anarchist, decidiu estrear esta en Londres.

 


A Bienal de Danza de Venecia entregou os seus premios o pasado día 21: o León de Ouro a unha traxectoria foille outorgado a Alessandro Sciarroni, considerado un dos coreógrafos máis revolucionarios da escena europea e de quen se puido ver a súa peza Chroma (35’) na pasada edición de Escenas do Cambio; o León de Prata foi para a parella de artistas franceses Steven Michel e Théo Mercier. A decisión foi tomada pola Xunta Directiva da Bienal de Venecia, presidida por Paolo Baratta, que aprobou a recomendación do director do Departamento de Danza, Marie Chouinard.

A cerimonia de entrega dos premios abriu unha edición da Bienal na que se mesturan nomes ben coñecidos como William Forsythe, Daniel Léveillé ou Sasha Waltz con outros máis novos como o dúo arxentino formado por Nicolás Poggi e Luciano Rosso (con Un poyo rojo, que se poderá ver na vindeira edición da MIT de Ribadavia), Doris Uhlich, Michelle Moura ou Katia-Marie Germain, gañadora do Prix de la Danse de Montreal na sección “discoveries”.

 


A adaptación que fixo Calixto Bieito da novela de Bernardo Atxaga Obabakoak, producida polo Teatro Arriaga de Bilbao, ofrecerá unha función en euskera no Teatro Nacional de Stuttgart. Será este sábado 29 ás 19:30. Obabakoak –o libro en euskera de meirande éxito internacional– foi a produción propia máis importante do Teatro Arriaga na temporada 2017-2018.

Calixto Bieito realizou a adaptación da novela ademais de dirixir a obra, cuxa estrea tivo lugar no Teatro Arriaga en euskera (outubro de 2017) e, posteriormente, en castelán (novembro de 2017).

 


A instalación deseñada para o pavillón de Cataluña na Cuadrienal de Praga acadou un dos tres premios que a feira concede aos pavillóns oficiais que presentan os países e rexións participantes. O Institut del Teatre, dependente da Deputación de Barcelona, montou Prospective Actions (Catalunya 2004-2018), un xogo co que tratan de analizar con seis exemplos como afectan diversos conflitos á sociedade. Un destes exemplos foi o escenario que se viviu o 1 de outubro de 2017, cando se produciu o referendo pola independencia.

Bibiana Puigdefàbregues, comisaria da representación catalá, explicou a intención da obra [na foto]: “Quixemos que catro novos escenógrafos e dramaturgos [as escenógrafas Laura Clos e Xesca Salvà e os dramaturgos Marc Villanueva e Pau Masaló] confrontaran o seu traballo con seis veteranos [Max Glaenzel, Paco Azorín, Cube.bz, Anna Alcubierre, Eugenio Swarzwer e Sílvia Delagneau] e escolleron reflexionar sobre como afectan aos espazos públicos as situacións de conflictividade. Para isto, centráronse en seis casos documentados de tensión social”, comentou. Aínda así, a presenza catalá molestou ao Goberno español, cuxa delegación na Cuadrienal non visitou a instalación de Cataluña.

O Institut del Teatre leva acudindo a este foro dende 1987; só dende 2011, o Ministerio de Cultura comezou a colaborar con el para presentar un pavillón único; a partir de 2015, Cataluña optou por presentarse en solitario.

Os outros dous pavillóns que foron premiados foron o francés e o húngaro e o gran premio da Cuadrienal foi para a República de Macedonia.

 


O pasado 9 de xuño entregáronse os Premios Tony do teatro estadounidense. A triunfadora foi Hadestown, musical que obtivo 8 galardóns e que fixo historia ao ser a primeira obra composta (Anaïs Mitchell) e dirixida (Rachel Chavkin) por mulleres en gañar a estatuiña ao Mellor Musical. A outra gran gañadora foi The Ferryman, un drama irlandés de Jez Butterworth dirixido por Sam Mendes, que conseguiu catro premios, incluídos Mellor Obra e Mellor Director.

A actriz Ali Stroker tamén fixo historia ao ser a primeira intérprete en cadeira de rodas en recoller un Tony polo seu traballo no musical Oklahoma.

Deixar unha resposta