Organizados pola Fundación SGAE, os Premios Max das Artes Escénicas deron a coñecer os finalistas da súa XXIII edición. A reunión do xuri tivo lugar o 30 de abril vía telemática. Dos 386 espectáculos inscritos nesta edición, 159 resultaron candidatos, dos cales 35 chegaron á última fase, congregando a 60 finalistas.
Dos catro espectáculos galegos ou con participación galega que sumaron once candidaturas, só Je suis narcissiste, a ópera dirixida por Marta Pazos, chegou a categoría de finalista en tres categorías: Mellor espectáculo musical, Mellor composición musical para espectáculo escénico (Raquel García-Tomás) e Mellor deseño de vestiario (Pier Paolo Álvaro). Je suis narcissiste, coa que Marta Pazos debutou na dirección do xénero, está tamén nomeada nos International Opera Awards na categoría de Mellor Estrea Absoluta.
Os gañadores da XXIII edición dos Premios Max das Artes Escénicas daranse a coñecer o 7 de setembro na gala que se celebrará no Teatro Cervantes de Málaga. Ademais das 19 candidaturas a concurso, concédense 3 premios especiais: o Premio Max de Honor, que distinguirá a traxectoria dunha persoa pola súa achega, entrega e defensa das Artes Escénicas, p Premio Max Afeccionado ou de Carácter Social, que abrangue proxectos a favor da integración e a proxección social e a compañías afeccionadas cunha sobresaliente contribución ás Artes Escénicas, e o Premio Max do Público, que se concederá ao espectáculo que obteña maior número de votos do público a través da aplicación online #VotaMax, aberta até o 20 de maio.
O comité organizador da XXIII edición dos Premios Max está integrado polo dramaturgo e director Juan Luis Mira, director institucional de Artes Escénicas da Fundación SGAE; Óscar Castaño ‘Garbitxu’, dramaturgo, director e presidente do Comité Territorial de SGAE en Euskadi; Paloma Pedrero, dramaturga e directora; os membros do Colegio de Gran Derecho de la SGAE Eduardo Galán, dramaturgo e produtor, así como a dramaturga e directora Yolanda García Serrano; o dramaturgo e director Alfonso Zurro e o coreógrafo e bailarín Daniel Doña.
A lista completa de finalistas pode consultarse aquí.