in

Teorema

Teorema
Imaxe de Leo López

O corpo na procura do corpo

Cando un atende a un espectáculo de Javier Martín, sabe que vai atopar unha proposta onde os diversos niveis de significado e a complexidade na súa estruturación forman parte intrínseca da mesma. Con todo, máis que exercicios puramente intelectuais, esta estruturación pretende levarnos fóra das súas propias estruturas e cara a un mundo de texturas.

Así acontece en Teorema, peza coa que se pechou o I Ciclo de Danza e Artes do Movemento organizado na Sala Ártika de Vigo durante este mes de xuño. No mesmo, puidemos asistir á diferente concepción que da danza e do movemento teñen artistas como Provisional Danza, a compañía galega Incendiaria ou o propio Javier Martín. A través desta variedade de propostas, temos unha mostra da riqueza de olladas que poñen o corpo e o movemento no celme das súas creacións, dentro do panorama performativo actual.

Precisamente, é a performativatividade unha das partes que artellan este Teorema. Un teorema, segundo a RAG, é unha “proposición que afirma unha verdade demostrable de forma lóxica”. A afirmación, neste caso, é que o corpo precisa ser pensado. Xa que a carne “non é materia, non é espírito, non é substancia” (Merleau-Ponty), precisamos atopar unha linguaxe precisa para significar o corpo, levalo fóra do coñecido, nunha viaxe de autocoñecemento.

Publicidade

É esta unha viaxe na procura dunha nova relación co corpo, do corpo e a través do corpo. Unha nova relación co noso corpo como lugar onde habitar e que vai máis alá do que habitualmente temos entendido como “eu” (o eu-corpo). Tamén, unha nova relación do corpo cx outrx, dende o noso corpo e cara a outrxs corpos: os corpos postos en comunicación (o noso-corpo). Así, esta viaxe prodúcese tanto cara a dentro como cara a fóra, mais sempre co corpo como vehículo (o trans-corpo).

Entón, como “demostrar de forma lóxica” este teorema? A través do movemento, do corpo posto en mobilidade. Cando amosamos o noso corpo na escena permitimos que este sexa visto polx espectador/x, quen reacciona ao mesmo dende o seu propio corpo. Atendemos, entón a unha nova lóxica: a lóxica da carne, que vibra na presenza doutra carne e, así, é quen de entender o que esta lle presenta.

Javier Martín pon o seu corpo a disposición dx espectador/x, que viaxa con el nun mesmo camiño de investigación. E é este, un camiño que baila co inefable, coa luz e coa sombra, coa morte, co sexo, co misterio.

Cando comezamos un novo camiño, un camiño que procura cuestionarse o establecido e, dende aí, descubrir outras capas da realidade que se cadra non están á vista, nalgún punto do noso percorrido teremos que pasar polo principio. Se o que estamos a cuestionar é a nosa realidade material, o principio son os elementos que compoñen esta realidade: a auga, o ar, o lume, a terra. Martín utiliza os elementos primixenios como material de investigación e así ponos en relación co seu corpo.

Dende o palco, entendemos que esta relación non é casual, senón profundamente persoal, e atendemos ao seu movemento deixándonos impactar polo mesmo, máis polos sentidos que polo intelecto (que fica un pouco á marxe), preguntándose que é o que está a contemplar. Se cadra, isto fai que eu saia da sala co corpo vibrante e coa mente un tanto parada, en proceso de dixestión.

Os nosos sentidos son permanentemente excitados durante o espectáculo por unha enorme variedade de estímulos: o impacto sonoro e lumínico, o xogo coas sombras, as texturas dos materiais e a saturación visual dun espazo que fica coma unha instalación artística (tanto así que xs mesmxs xestorxs da Sala Ártika propuxeron unha viaxe física polo espazo ao público, unha vez rematada a peza). Dentro desta variedade de estímulos, o corpo do bailarín, que se move máis que baila, nunha sucesión e repetición de xestos que falan da desestruturación que procura o artista (e da súa influencia polo dramaturgo e profesor Roberto Fratini), imprimindo no seu corpo as mesmas preguntas que fixeron comezar esta viaxe: Que é a conciencia? Que é a materia? Que é a carne e cal é a súa complexidade? Como se articula na mesma a memoria?

A palabra teorema vén do grego theórema, e theórematos significa “o que se pode contemplar” (de theoreín “observar”, da mesma familia que teatro). Se cadra, por iso o Teorema  de Javier Martín nos deixa con máis preguntas que respostas, contemplando un proceso do individuo posto no mundo (o teatro), atendendo a unha viaxe iniciática máis que definitiva e, polo tanto, entendendo que o camiño na procura de significado é sempre persoal e íntimo, mais tamén coa riqueza da comunicación, da relación entre-corpos. Corpos que farán as súas propias viaxes, impactando logo a outros corpos, e estes a outros, e estes…

Publicidade
Publicidade
Publicidade

Teorema, Javier Martín

Concepto, coreografía e dirección: Javier Martín
Asistencia dramatúrxica: Roberto Fratini
Iluminación: Octavio Mas
Música orixinal: Artur M. Puga
Produción: Sabela Mendoza
Prótese escultórica: Joaquín Jara
Vestiario e escenografía: Manolo Cremallera, Marieta González e Javier Martín
Fotografía e vídeo: Leo López
Outras músicas: Nina Simone & The Caretaker
Residencia artística: Colectivo rpm, Pazo da Cultura de Narón
Apoios á produción: AGADIC, Consejería de Cultura de la Comunidad de Madrid
Colaboran: Sinsalaudio, Atlantic – Centro de Investigación en Tecnologías de Telecomunicación
Agradecementos: Museos Científicos Coruñeses

I Ciclo de Danza e Artes do Movemento da Sala Ártika de Vigo. 18 de xuño de 2021.

Avatar

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Sementes

Que ben que podemos volver ao teatro!

Camiño Escena Norte

Nova Galega de Danza, Elefante Elegante e Tanxarina seleccionadas no Camiño Escena Norte