in

Viaxe á lúa

Viaxe á lúa
Imaxe de Sílvia Poch

Alunizaxe Voadora Viaxe á lúa

Estás na lúa! Ou: A ver se baixas da lúa! É o que nos dicían algunhas mestras e mestres, cando crianzas, se estabamos alén do aquí e agora da aula, se ficabamos envisos, en vez de atender as leccións.

O teatro, nalgúns casos, ten a capacidade de traer para o aquí e agora a saudábel facultade de abstraérmonos, de ficarmos envisas/os. Pensamos que o día a día e as diatribas cotiás son o máis importante e esquecemos que o noso cerebro non só necesita do reset (reseteo, reinicio) nocturno, durante o sono, senón tamén do exercicio de soñar.

Velaí que, ás veces, o teatro ofrécenos a posibilidade de facer este tránsito, como foi o caso de Viaxe á lúa da Cía. Voadora e IT Teatre, que puidemos ver no Auditorio de Galicia, en Compostela, o sábado 12 de xuño de 2021.

Voadora e a súa directora Marta Pazos, que estudou Belas Artes en Barcelona, foron convidadas para dirixir a última montaxe de IT Teatre (a compañía do Institut del Teatre, creada para facilitar a inserción laboral das persoas que se gradúan nese centro formativo). En coprodución co Teatre Lliure, onde se estreou o 3 de febreiro de 2021, realizaron a primeira escenificación de Viaje a la luna, o único guión de cinema de Federico García Lorca, escrito durante a súa estadía en Nova York en 1929, como resposta a Un chien andalou de Buñuel e Dalí.

Acabo de facer un apunte sobre os estudos en Belas Artes de Marta Pazos, porque creo que teñen unha relación moi directa coas súas últimas propostas en Voadora. Pensemos na ópera A amnesia de Clío (2019), a performance-concerto Hemos venido a darlo todo (2019) ou Othello (2021). Trátase de espectáculos nos que a plasticidade e as imaxes visuais resultan moi rechamantes e de factura explícita, ao que se suma un ton máis ritual e cerimonioso, de partitura máis marcada e exacta, que é diferente da primeira etapa de Voadora, na que o teatro tiña un ton como máis improvisado e festeiro, como un guateque escénico, pensemos, por exemplo, en Periferia (2008), Súper 8 (2010), Tokio 3 (2012) ou Waltz (2013). Do meu punto de vista, esta última etapa, de maior exacerbación plástica e de marcado ritual ou cerimonia, tamén bebe do mestre Romeo Castellucci, a quen Marta acudiu para a súa aprendizaxe.

Así pois, temos a grande influencia, as citas e homenaxes a obras e artistas da pintura, da fotografía, do cinema, das escénicas etc., que converten o teatro de Voadora nunha rica plétora de referencias e, alén diso, nun deleite para os sentidos. Viaxe á lúa enmárcase de pleno nesta tendencia da hiper-plasticidade, acentuada polo surrealismo das secuencia do propio guión de García Lorca, que Marta vai seguindo con moi atinado pulso.

Resalta a cor maldita do amarelo, que ficou malfadada polo mito da morte en escena de Molière, cando interpretaba, vestido de amarelo, o Enfermo imaxinario. É o amarelo, nesta Viaxe á lúa, a cor que o envolve todo, a nivel escenográfico, de vestiario etc.


Publicidade

Tamén resalta o xogo explícito coas simetrías visuais e cos desdobres (pares de personaxes plásticas e alegóricas, o par de pianos de cola etc.), que se presta a lecturas simbólicas e que, igual ca outros elementos icónicos, nos catapulta cara aos terreos do enigmático e do misterio.

Por unha banda, o pracer da sensualidade, achegada por un elenco de sete actrices e un actor moi novos, que se moven como se fose danza e que son quen de traballar dun xeito moi coral e moi musical. Por outra banda, a maxia dos múltiples cambios de vestiario, como nun cabaré ou nun espectáculo de variedades. Por outra banda, aínda, as situacións compostas de accións moi icónicas e lúdicas, nese surrealismo inzado de inventiva, creatividade e fantasía. Non exentas de momentos nos que o simbólico apunta cara ao campo semántico e emocional da morte, da violencia, do medo ou, pola contra, da festa vital, do namoro, da plenitude artística…

O vestiario de Alejandra Lorenzo é fermosísimo, pezas de arte en si mesmas, como tamén o espazo escénico e a iluminación de CUBE.bz, que nos ofrece ese cuarto amarelo no que todo pode ser posible. A música de Hugo Torres é como unha melopea que nos envolve e nos leva consigo, contribuíndo ás texturas e ás tensións que as situacións plásticas e teatrais xeran. A música é, en gran parte, un dos motores emocionais e a responsable do ton dos diferentes cadros ou secuencias desta viaxe.

A solvencia do elenco, formado por Laia Alberch, Marc Domingo, Rut Girona, Cristina Martínez, Clara Mingueza, Mariona Rodríguez, Gal·la Sabaté e Paula Sunyer, é impresionante, pola contundencia na precisión dos movementos e das actitudes e pola convicción interpretativa coa que defenden unha proposta ao servizo das imaxes plásticas e non tanto dos personaxes ou do lucimento individual. Porque aquí non hai protagonistas, as sete actrices e o actor son compoñentes icónicas e simbólicas dunha composición escenográfica e plástica, para facernos alucinar aquí e agora.

Podo testificar que, efectivamente, a viaxe á lúa e ás súas simetrías indescifrables aconteceu.

Viaxe á lúa, Voadora e IT Teatre

Guión cinematográfico: Federico García Lorca 
Dramaturxia e dirección: Marta Pazos
Axudantes de dirección: Sadurní Vergés e Àlex Pereira
Intérpretes: Laia Alberch, Marc Domingo,Rut Girona, Cristina Martínez,Clara Mingueza, Mariona Rodríguez, Gal·la Sabaté e Paula Sunyer
Coreografía: Amaranta Velarde
Espazo escénico e iluminación: CUBE.bz
Música orixinal: Hugo Torres
Vestiario: Alejandra Lorenzo
Soporte dramatúrxico: Montse Triola 
Asesoramento artístico: Voadora 
Coproducción: Teatre Lliure e Institut del Teatre da Deputación de Barcelona

Auditorio de Galicia, Santiago de Compostela. 12 de xuño de 2021.

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Mención Honrosa no Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto 2019 do Festival de Almada (Portugal, 2020).

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Xosé Manuel Pazos

Grande homenaxe ao grande Xosé Manuel Pazos

Raúl Dans

Laiovento publica dúas novas pezas de Raúl Dans