
Billy’s Violence
O maxistral da montaxe de Lawers é que vai introducindo estas escenas aos poucos e, case sen decatarte, atópaste xa amoladx por unha chea de tusidos que violentan os teus oídos (e máis nos tempos COVID). Case sen decatarte, asistes en directo á prostitución dunha rapaza, que de súpeto se converte en tódalas rapazas. Case sen decatarte, Desdémona está xa morta entre as túas mans, e aínda queres máis. Entón a peza sobe a marcha e entramos na orxía. Disque unha orxía é unha reunión de persoas que cometen excesos e iso é precisamente o que estamos a ver. Tamén, que é unha das festas dedicadas a Dionisos (en Grecia) ou a Baco (en Roma). Este vínculo meta-teatral cingue a saturación de estímulos co rito. A orxía é de sangue porque este é o material máis prezado polxs deusxs, o último que o ser humano pode ofrecer. Mais a orxía é tamén de teatro e o artificio do rito aparece exposto sen pudor, unha e outra vez, como parte da ofrenda.