in

Despois das ondas

Despois das Ondas
Imaxe: Miramemira

A viaxe (pola vida) de María Casares

 

A vida pasada son as lembranzas gardadas, contadas e recontadas, ás veces xa mesmo algo gastadas, distortas polo paso do tempo. Tamén o son aquelas que nunca saíron do noso interior, nin a través da voz, nin como liñas de tinta sobre o papel; e todas esas imaxes que, de súpeto, volven pasar diante dos nosos ollos. Despois da marea da vida, de todos os anos de viaxe, o que quedan son, pois, as lembranzas e as estampas, moitas delas intanxibles, só ancoradas na memoria. Recordos que os lugares, especialmente a volta á casa logo de moitos anos de exilio, e os vellos obxectos enchoupados de historia detonan. Desa memoria vai a peza Despois das ondas, presentada o venres 11 de outubro de 2019 no Auditorio Municipal do Concello de Vigo, e dirixida por Xavier Castiñeira a partir do texto teatral homónimo de Ernesto Is que gañou o XVIII Premio Rafael Dieste de textos teatrais en 2017: da volta a España da grande actriz galega María Casares, despois de corenta anos de exilio.

Dende ese vagón de tren, coa fiestra cuberta de pingas de chuvia, María lembra, dun xeito cheo de lirismo, orgullosa do peso das súas vivencias, diferentes momentos da súa vida e as principais persoas que pasaron por esta, dende a nenez á partida ao exilio, á figura do pai, á relación coa nai, ao traballo, ao amor e a súa relación con Camus… Belén Constenla interpreta a María Casares que volve do exilio e Nerea Brey a María Casares nena, moza e adulta nova, en diverxencia, nas escenas do pasado que a outra rememora. De cando en cando, os dous planos achéganse e mesmo se tocan, cando as dúas se miran aos ollos e, sen falaren, mesmo se axudan a entender. Sonsoles Cordón cambia de roles, pasando por diferentes personaxes tipo que contextualizan as diferentes escenas da peza.


Publicidade

As proxeccións dunha entrevista coa propia María Casares e fragmentos dos seus filmes contribúen a esa multiplicidade diverxente que completa o achegamento poliédrico á figura da actriz. O artificio escénico (e audiovisual) está a vista; non só as cámaras de vídeo senón todo o control de son, de proxección das imaxes… En escena tamén están Roi Fernández, Beatriz de Vega, Ernesto Is e Esther F. Carrodeguas, nesa parte técnica á vista e, nalgún momento puntual, os dous últimos interveñen dun xeito máis directo no decorrer da escena. Na peza conflúen cinema e música en directo con proxeccións audiovisuais e música gravada, mais dun xeito xeneroso, sen que a mediación tecnolóxica engula o que acontece directamente en escena, respectando o lugar hexemónico do teatro, que tamén ocupa un posto privilexiado nos afectos de María, algo que se consuma ao final da peza, nese escenario do Teatro Reina Victoria de Madrid ao que chega a actriz para actuar despois de volver do exilio. E, por riba de todo iso, despois das axitadas ondas de catro décadas no exilio, de toda esa vida vivida de grande actriz, María Casares “volve ser outra vez María”.

Despois das ondas, de Ernesto Is

Dirección: Xavier Castiñeira.
En escena
: Belén Constenla, Nerea Brey, Sonsoles Cordón, Roi Fernández, Beatriz de Vega, Ernesto Is e Esther F. Carrodeguas.
Dramaturxia: Ernesto Is.
Guión adaptado: Xavier Castiñeira e Ernesto Is.
Espazo escénico: Xavier Castiñeira e Beatriz de Vega.
Taller e construción: José Faro “Coti”.
Vestiario: Carlos Pinilla.
Iluminación: Javier Quintana.
Cinema en directo: Roi Fernández.
Deseño gráfico: Esmera Marketing Dixital e Alltogether Desing.
Produción: Esther F. Carrodeguas.
Axudante de dirección: Ernesto Is.
Compañía: ButacaZero

Auditorio Municipal de Vigo, 11 de outubro de 2019.

Ana Abad de Larriva

Ana Abad de Larriva

Actriz, creadora escénica multidisciplinar e dramaturga; é titulada superior en Arte Dramática, na especialidade de Interpretación Xestual, pola ESAD de Galicia, licenciada en Xornalismo pola USC e doutora en Comunicación pola UVigo. Desenvolve tamén diferentes actividades de investigación, difusión e mediación cultural; entre elas están levar a sección de artes escénicas no Diario Cultural Zeta da Radio Galega e a subdirección da Erregueté.

Deixa unha resposta

Avatar

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

ConservandoMemoria |

El Patio Teatro: “Nós non facemos teatro para a xente de teatro, facémolo para as persoas”

PremiosLourenza |

Xa se coñecen as obras participantes no III Certame de Teatro Afeccionado “Concello de Lourenzá”