Zara Sobral
(Santiago de Compostela, 1984) é actriz, creadora escénica e directora teatral. A súa traxectoria comeza na Coruña en Casa Hamlet, da man de Manuel Lourenzo. O seu interese polo traballo do corpo e polo teatro físico lévaa a profundar nas pedagoxías de Jacques Lecoq xunto a Mar Navarro en Madrid. Máis adiante completa a súa formación coa técnica Meisner con Javier Galitó-Cava en Barcelona, estuda tamén en Londres en Physical Theatre con Ron East e continúa sempre unha constante formación en diferentes técnicas con grandes mestres. Como actriz participou en distintos proxectos teatrais e audiovisuais, moitos deles vinculados a procesos de creación colectiva. Como directora levou á escena 'Ni con tres vidas que tuviera', de José Pascual Abellán, representado durante varias tempadas en diferentes salas de Madrid e con boa acollida da crítica. Actualmente continúa ampliando a súa formación na ESAD de Galicia, onde estuda dramaturxia e dirección de escena.


