in , ,

Non hai camiño de volta cara ás marxes

Carla Antonelli durante o debate sobre a proposta do partido de extrema dereita Vox de derogación da lei trans na Asemblea de Madrid o 24 de febreiro de 2025.
Carla Antonelli durante o debate sobre a proposta do partido de extrema dereita Vox de derogación da lei trans na Asemblea de Madrid o 24 de febreiro de 2025.

Chegou o 28 de xuño e os arcos da vella enchen rúas e escaparates. Acaso non tantos como noutros anos, pois neste mundo globalizado os aires de represión dos EUA abafan até aquí.

Chegou o día do Orgullo, o día no que saír ás rúas e manifestar, de novo, a necesidade dunha igualdade real e necesaria no noso país, onde os dereitos da comunidade LGBTIQ+ están, tamén -e como no resto do mundo- ameazados.

Sabemos todes que aínda non hai igualdade real, mais é certo que a maioría de nós entendiamos que estabamos a camiñar cara a ela, até a irrupción velenosa das ultra-dereitas e as súas mensaxes populistas e enganosas que dirixen a xenreira e a frustración cara aos colectivos máis vulnerábeis -coma sempre-, seguindo unha estratexia nefanda cuxa única sorpresa é que aínda funciona.

Os seus logros: conseguir que as mulleres teñan menos dereitos -agora xa nin mexar poden tranquilas-, que unha atleta non poida competir con liberdade, que se censuren películas ou obras de teatro, que persoas uni-neuronais arranquen bandeiras multicolores ou crear un clima de violencia no que as malleiras (físicas e dixitais) ás persoas LGBTIQ+ están á orde do día.

Unha mingua de dereitos que nos afecta a todos, todas e todes, aínda que non esteades inseridos nas letras do abano LGBTIQ+.

Este ano celebramos o 20 aniversario da lei do matrimonio igualitario. Unha lei que supuxo un antes e un despois no noso país e que se converteu nun exemplo a seguir polas democracias do resto do mundo, que nos deixou un mellor país para todes. Esa lei que algúns denunciaron como inconstitucional e que seguen a tentar menoscabar dende os seus palcos, mentres de xeito absolutamente hipócrita colocan a bandeira multicolor nos seus balcóns ou tentan formar parte das manifestacións nacionais e internacionais (como é o caso do grupo ultra-dereitista Eros na marcha do Orgullo de París).

Mentres tanto, o acoso e a humillación continúa. Cada día nos erguemos cunha nova noticia: dende a tránsfoba JK Rowling celebrando a vitoria machista contra as mulleres trans no Reino Unido á defensa das chamadas “terapias de conversión” de certos partidos no noso territorio (fomentados por pseudo-psicólogos como a parella pai-filla Rojas Estapé).


Publicidade

Pretender que unha persoa pode “cambiar” a dirección cara a onde vai o seu interese amoroso e sexual é un acto de perversión e de tortura persoal. É un insulto e unha humillación á nosa esencia. Ninguén pode dicirnos que tal e como somos non está ben. Basta xa. Que a vergoña cambie de bando, dunha vez.

Pola nosa banda, sabemos que o teatro ten a marabillosa capacidade de amosar unha realidade moito máis plural da que contan os titulares de OKdiario ou as entrevistas de El Hormiguero.

Penso agora na importancia das dramaturxias rebeldes e irredentas, maricas, canallas e obtusas, que falan desa realidade que unha certa parte da nosa sociedade pretende manter nas marxes. Penso en Paco Bezerra e en Afonso Becerra de Becerreá, penso en Andrea Jiménez, en A Panadaría e en Gena Baamonde, penso en Lorca ou Alberto Conejero, en Eduardo Blanco Amor, penso en Benet i Jornet, Antonio Gala ou Francisco Ors, en Guillem Clua e Gustavo del Río, en zOe iriARTE, en Eva Mejuto, en Alberto Cortés ou Alberto Velasco. E penso tamén nas voces que virán grazas aos camiños xa abertos.

Penso na responsabilidade da man que escrebe sobre o que escrebe e como o escrebe, e da importancia de falar do que realmente queremos falar, fronte á necesidade económica ou o ego persoal. Penso na responsabilidade e na coherencia do discurso fronte ás comenencias políticas.

Sen dramaturxia non existe o teatro, e dende aquí chamo aes dramaturgues desviades a que continúen na loita polas palabras e polos temas incómodos, a que manteñan o foco posto nos espazos escuros, nas personaxes invisibilizadas, para que as compañías poidan levar á escena os discursos dos que temos que falar e as voces que temos que escoitar.

Porque, seguindo as palabras da deputada autonómica Carla Antonelli, nós non imos volver ás marxes. Xa non estamos aí, dende hai tempo, e non hai poder neste mundo capaz de volvernos cara ás tebras.

Iván Fernández

Actor, director, dramaturgo e profesor de teatro. Graduado en Arte Dramática pola ESAD de Galicia, na especialidade de Dirección de Escena. O meu eido profesional abrengue o teatro en moi diversos aspectos, dende a docencia con menores e adultos ao campo terapéutico, atopando o teatro como un lugar onde mellor coñecerse a unhe mesme. Dende este aspecto, creo os obradoiros de Teatro Emocional en 2013 ou comezo a colaborar con impresións e crónicas sobre espectáculos na Erregueté, ADE Teatro, O Galiñeiro, Praza Pública ou a TVG, no programa "Zig Zag Diario".

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Gena Baamonde e Sabela Mendoza na presentación da 41a MIT

O programa da 41ª MIT de Ribadavia inclúe máis de 35 actividades

'O Grande Incêndio' de A Escola da Noite e Sarabela Teatro. Foto: Eduardo Pinto.

O Grande Incêndio