A XII edición do festival Escenas do cambio trae á Cidade da Cultura ao redor dunha ducia de propostas artísticas. Entre elas, recibe de novo a compañía La Intrusa, coa estrea da súa obra Este himno llevará la palabra euforia, o sábado 9 de maio, ás 19h30 no Salón de convencións do Edificio CINC.
Damián Muñoz, co-director da peza e co-fundador da compañía xunto con Virginia García, cóntanos sobre a súa traxectoria e esta nova exploración escénica.

A peza que ides estrear no Festival chámase Este himno llevará la palabra euforia.
Por que “himno”?
Porque propón unha forma de invocación colectiva. Non é un himno triunfal, senón un canto compartido dende a fraxilidade, unha maneira de reunir corpos e experiencias en torno a algo que non termina de alcanzarse.
Por que “euforia”?
A euforia aparece como motor e como ficción. É o impulso que nos empurra, pero tamén un estado que se disolve rapidamente, deixando ao descuberto o que realmente persiste.
Esta peza afirma pretender “honrar o impulso vital”. Que é, para vós, un impulso vital? e por que considerades que é importante honralo?
É a forza que nos mantén en movemento incluso cando non hai certezas. Un desexo de seguir, de insistir, de buscar sentido máis alá do resultado. Porque nun contexto de desgaste ou inercia, recoñecer ese impulso é unha forma de resistencia. Permítenos seguir creando, incluso dende a dúbida ou a contradición.
Como é a vosa relación co público, tanto na presentación da vosa arte como no proceso xerativo?
Entendemos ao público como un corpo máis dentro da experiencia. Non buscamos unha lectura pechada, senón xerar un espazo onde cada espectador poida proxectarse e construír o seu propio percorrido. Traballamos pensando nesa relación. A escoita, a percepción e a apertura son claves dende o inicio do proceso. Sempre temos presente que estamos creando algo que ten que ser observado, degustado.
Non é a primeira vez que vides a Escenas do Cambio. Como foi a experiencia de traer Prusik a Galicia en 2024?
Foi unha experiencia moi enriquecedora. Ao incorporar intérpretes galegas, o proceso non se limitou soamente a unha mostra. A transmisión da linguaxe tanto de La Intrusa como da peza en concreto permitiu que a obra se expandise alén do escénico.
Entendo que este ano celebrades un aniversario importante en La Intrusa: 30 anos en activo. Que tipo de evolución notas nas artes escénicas en xeral durante estas décadas?
Algo que non mudou é a escaseza de voces xenuínas e auténticas. A miúdo encontramos re-lecturas e revisións, especialmente no plano da fisicalidade, que se presentan como novas pero remiten a técnicas, estéticas e propostas xa exploradas hai décadas.
Como encaixa Este himno llevará la palabra euforia nesta traxectoria construístes?
Sitúase en continuidade coa nosa investigación sobre o corpo e a emoción, pero profunda no post-acontecemento, no que fica despois. É unha peza máis radical na súa exploración do baleiro e a persistencia.

- La Intrusa celebra o seu 30 aniversario en Escenas do Cambio - 09/05/2026
- 52-BLAU de iXa abre Escenas do Cambio - 04/05/2026
- Memorias dun neno labrego - 23/02/2026


