A vila de Cangas de Morrazo acollerá este ano a cuadraxésimo terceira edición da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC). Será entre o 21 de xuño e o 5 de xullo, tal e como deu a coñecer onte a organización do festival, nun acto celebrado no Auditorio Municipal Xosé Manuel Pazos Varela de Cangas, no que participaron representantes das Administracións que apoian o evento (Agadic, da Xunta de Galicia; Deputación de Pontevedra e Concello de Cangas) e artistas e compañías que forman parte do programa desta edición.
Neses días, a MITCFC albergará funcións dun total de 24 espectáculos repartidos en sete escenarios, ademais de diversas actividades paralelas. Este ano serán representadas por primeira vez ante o público en Cangas 6 coproducións, 9 estreas absolutas e 7 estreas en Galicia, nunha programación plural que combina diferentes xéneros e se dirixe a públicos diversos, reunindo artistas e compañías galegas, estatais e internacionais.
A directora artística da Mostra, María Armesto, quixo subliñar o apoio á creación contemporánea e, de xeito especial, ao tecido galego, así como a aposta pola paridade. “Programamos humor, excelencia e paridade”, sinalou.

A programación incluirá propostas de teatro de texto, teatro físico, novo circo e danza, entre outros xéneros, así como espectáculos híbridos que combinan distintas disciplinas artísticas, e manterá unha presenza destacada do teatro de rúa, que volverá ocupar os espazos públicos, achegando as artes escénicas a todos os públicos e reforzando o carácter aberto e participativo do evento.
O pregón inaugural correrá a cargo da actriz, autora, produtora, pedagoga e directora galega, Noemi Rodríguez, quen tamén impartirá un obradoiro para actrices e actores, nunha colaboración entre a MITCFC e a Asociación de Actores e Actrices de Galicia (AAAG)..
Podes consultar aquí a programación completa da 43ª MITCFC
Venda de abonos
A partir de hoxe, 9 de maio, e ao longo de todo este mes, están á venda na web da Mostra os abonos para asistir ás nove funcións que serán representadas no Auditorio Municipal. Non inclúen as entradas para os demais espectáculos, que se desenvolverán en espazos alternativos, como a sala de exposicións do Auditorio Municipal, a Capela do Hospital ou a Taberna Cultural O Adro, ou na rúa.
Dende o 3 de xuño poderán mercarse tamén as entradas individuais. Ademais, o despacho de billetes do propio Auditorio estará aberto os días de función desde dúas horas antes de comezar cada espectáculo, e no resto de espazos alternativos estará tamén dispoñible a venda de entradas antes do comezo dos espectáculos.
- A MITCFC desvela as datas e o programa completo da súa 43ª edición - 09/05/2026
- O FIOT convoca a décima edición do Certame Metro Cadrado - 04/05/2026
- PAM convida a celebrar o Día da Danza - 28/04/2026


