Mentres aquí continúa sendo a menos programada, a danza contemporánea galega alcanza fitos ao conseguir ter presenza no estranxeiro, obtendo recoñecementos fóra. Velaí, por exemplo, todas as pezas galegas que teñen gañado diferentes premios no Certame Coreográfico de Madrid, en concorrencia con compañías e artistas de todo o Estado.
Entre o 20 e o 24 de agosto, o Colectivo Glovo de Lugo, formado por Esther Latorre e Hugo Pereira, estiveron con Alleo no festival Dance Bridges de Calcuta (A India), onde presentaron o seu espectáculo e mantiveron varios encontros co público, falando sobre as súas creacións e a inspiración nos ritmos e bailes tradicionais galegos. Cando, neste 2026, celebra unha década, e facendo honra ao seu nome, voan coa súa danza creada en Galiza por todo o globo terráqueo. En febreiro estiveron en Seattle, nos Estados Unidos, onde presentaron Alleo e Alén, a coprodución do Centro Coreográfico Galego/Xunta de Galicia que tan alucinado me deixou na súa estrea no Teatro Ensalle, e alí tamén desenvolveron unha nova creación cunha compañía de Seattle. E, segundo leo na noticia que saíu o 30 de agosto aquí, na erregueté dixital, neste mesmo 2026 tamén estiveron en Ecuador con Alén e en Italia con Alleo e neste mes de setembro van para Nova Orleans con Alleo e Trïade e proximamente recuncarán en Indonesia. O que consegue voar a danza e o Colectivo Glovo de Lugo, non o conseguen os tres aeroportos galegos xuntos!
Aínda ben non chega de Asia Colectivo Glovo, temos a Kirenia Danza despegando cara ás Américas para presentar no prestixioso Teatro San Martín de Bos Aires a súa bela e apaixonante Cicatriz, coprodución do Centro Coreográfico Galego/Xunta de Galicia, en dúas funcións o 19 e o 20 de setembro, dentro da programación do FIBA 2026. O Festival Internacional de Bos Aires é un referente das artes escénicas de América Latina, organizado polo goberno da capital de Arxentina.
Cicatriz é a primeira peza de danza de Galicia en integrar e abordar a discapacidade dentro dunha pulsión poética que foxe de calquera vitimismo ou do exhibicionismo das eivas. Por tanto, non nos desarma con distopías derivadas do físico, nin se dedica a alimentar o noso morbo, abrindo as chagas e metendo o dedo dentro para facelo xirar sadicamente. Non!
Pola contra, esta Cicatriz vai dacabalo dos grandes mobilizadores do corpo: os afectos e os desexos, e da súa beleza, simbolizada no vestido vermello e nos movementos elegantes de Kirenia Martínez Acosta. Cicatriz é a beleza de todas as cicatrices que nos fan máis sabios e simbióticos, máis cheos de vida. Por tanto, vén formular unha tese e unha praxe paradoxais, xa que nela as feridas non nos minguan e non nos apartan nin nos achican, senón que nos transforman e nos dan pulos. Cicatriz é a beleza da potencia do querer, expresado nesoutra danza das palabras dos trescentos versos de Antón Reixa, quen debuta como bailarín, plantándolle corpo ao idadismo, cos seus 69 anos, e á discapacidade, coas secuelas dun accidente de tráfico que lle deixou unha discapacidade física recoñecida do 65%. Ao seu lado, Kirenia, con 46 anos, tamén sobe ao escenario despois de accidentes graves que lle deixaron lesións cervicais e unha fibromialxia, o cal non lle impide continuar a ser unha portentosa bailarina.
Así pois, aclaradas estas circunstancias políticas, no caso de que sexa certo iso de que o persoal é político, podemos volver a preguntarnos: ¿que é Cicatriz, ademais da peza que vai cruzar o charco para refulxir nun dos escenarios máis míticos? ¿Un milagre que fai desaparecer a dor e superar as dificultades? Quizais si. É o milagre da poesía e da danza, da resiliencia e da resistencia de vocacións artísticas que pensan co corpo, que encarnan utopías, mentres coa súa obra nos debuxan no rostro o abraio e o sorriso, incluso algunha gargallada. Reixa sempre é humor, pero non humor de chiste, humor do outro, do que xoga coa sorpresa da imaxinación, do que provoca reflexión dándolle a volta ás cousas ou empurrando fronteiras.
Cicatriz é o milagre da poesía feita danza e da danza feita poesía, emancipándonos de eivas e discapacidades, sen negalas. É utopía encarnada, feita movemento, corporeizada, presente e, neste sentido, é a semente da revolución, a demostración empírica, emocionante, de que querer é poder. Xa poden tomar boa nota en Arxentina!
- A danza contemporánea galega voa - 31/08/2026
- Secuestrado polo teatro - 15/08/2026
- LA MOUETTE de Anton Tchekhov - 21/07/2026


