in

ButacaZero estrea ‘A velada de Londres’ no Teatro Rosalía Castro da Coruña

As funcións do espectáculo, en homenaxe a Manuel Lourenzo, irán acompañadas dunha mostra itinerante

O equipo da montaxe de ButacaZero da obra de Manuel Lourenzo A velada de Londres
O equipo da montaxe de ButacaZero da obra de Manuel Lourenzo 'A velada de Londres'. Fonte: ButacaZero.

Coincidindo coa estrea de A velada de Londres, o vindeiro 4 de setembro no Teatro Rosalía Castro da Coruña, a compañía ButacaZero amosará ao público tamén unha exposición itinerante de seis paneis, que se instalará no vestíbulo do teatro antes da función e que acompañará á montaxe na súa posterior traxectoria. Queren ofrecer así “unha experiencia completa e un percorrido pola memoria de quen foi unha das grandes figuras da escena galega, Manuel Lourenzo”, falecido o ano pasado.

Deseñada baixo o título Manuel Lourenzo. A pegada que continúa, a mostra foi concibida polo director Xavier Castiñeira, coa colaboración de Paco Oti, Inma López Silva, Ana Abad de Larriva, Gloria Rico e o fondo bibliográfico da Biblioteca-Arquivo Teatral Francisco Pillado Mayor da Universidade da Coruña.

Esta exposición non pretende ser un percorrido histórico exhaustivo pola vida e a obra de Manuel Lourenzo, senón “unha homenaxe construída desde a emoción e o afecto do propio Castiñeira polo seu mestre”. Máis que explicar a súa traxectoria, a exposición quere “celebrar a súa presenza e manter vivo o seu legado”.

A exposición amosa “a dimensión colosal dun creador que facía do teatro unha urxencia vital desde que regresou de Alemaña en 1965 para ‘alumear unha Galicia gris'”. Entre os datos e documentos que rescata a mostra destaca a singular disciplina de Lourenzo: un autor que escribiu máis de 300 pezas teatrais (reunidas en sete volumes) regresando puntualmente cada día ás súas obras “porque escribir formaba parte da súa maneira de estar no mundo”.

Unha figura poliédrica

A mostra abarca tamén as múltiples vidas de Manuel Lourenzo: desde a súa faceta como impulsor e fundador de espazos clave para a cultura galega (O Facho, Teatro Circo, a Escola Dramática Galega, a compañía Luís Seoane ou Casahamlet) ata o seu labor pedagóxico, teorizado no seu célebre manual de interpretación Pensar co corpo (2000). O percorrido repasa ademais o seu traballo como tradutor ao galego dos grandes clásicos universais de autores como Esquilo, Shakespeare, Brecht ou Beckett, e a súa conexión co gran público a través de personaxes icónicos na televisión como Melgacho (Mareas Vivas) ou Terito (Fariña).

A mostra

“Seis paneis apenas poden suxerir a dimensión dunha vida dedicada ao teatro. Esta exposición non pretende contalo todo, só abrir unha pequena fiestra a un home que nos ensinou a mirar e entender a escena como vida compartida, porque un mestre non permanece só no que ensinou, permanece no que outros son capaces de facer grazas a el”, sinala o director, Xavier Castiñeira.

A exposición poderase visitar de xeito gratuíto no vestíbulo do Teatro Rosalía Castro da Coruña o vindeiro venres, 4 de setembro, coincidindo coa estrea da peza, e a súa inauguración marcará o punto de partida dun itinerario que levará este tributo a Manuel Lourenzo polos diferentes espazos onde se presente o espectáculo.

A montaxe

A elección da compañía de poñer en escena A velada de Londres ten tamén unha razón profundamente vinculada á historia da propia obra. En 1999, Xavier Castiñeira foi axudante de dirección de Manuel Lourenzo na súa montaxe. Case tres décadas despois, Castiñeira quixo retomar aquel texto dende a súa propia mirada e a súa concepción do teatro.

A Velada de Londres mergulla o público na súa visión sobre o universo de Drácula, unha das súas obsesións creativas. Nela imaxina unha escena tras o primeiro capítulo da novela de Bram Stocker, cando Jonathan Harker coñece o Conde en Transilvania. No retorno a Londres xunto á súa muller Mina, Jonathan revive obsesivamente aquela experiencia, e a súa relación esborrállase entre o desexo, o medo e a fascinación.

A presenza en escena de Esperanza Mara, chelista e soprano, fará que o público poida asistir a unha velada teatral, pero tamén musical.

A produción contou co apoio da Axencia Galega das Industrias Culturais e a residencia técnica do proxecto foi desenvolvida grazas ao Concello de Vigo.

Ficha artística

A velada de Londres, de ButacaZero

Texto: Manuel Lourenzo

Dirección: Xavier Castiñeira.

Reparto: Xurxo Cortázar, Sophia Rodal, Teo Piñeiro e Esperanza Mara (soprano e chelista).

Banda sonora orixinal: Iago Hermo.

Deseño de luz: Violeta Martínez.

Espazo escénico: Beatriz de Vega.

Figurinista: Carlos Pinilla.

Produción e distribución: ButacaZero.

Produción en xira: Rubén Capelán.

Axudante de dirección: Nuria Montero.

Deseño gráfico e prensa: Coma Comunicación Creativa.

A compañía

ButacaZero é a plataforma creativa de Esther F. Carrodeguas e Xavier Castiñeira, coa que propoñen “un teatro que dialoga coa actualidade dende unha mirada crítica e irónica”, e no que a tradición teatral se mestura con linguaxes contemporáneas. A compañía, creadora e produtora de propostas como IRIBARNE (que obtivo 9 Premios María Casares), O único que verdadeiramente quixen toda a vida é ser delgada, Papagena, 32m2, Despois das ondas ou Voaxa e Carmín, sitúase como un referente do teatro contemporáneo do panorama escénico galego.

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Colectivo Glovo no Dance Bridges Festival. Fotos de Arunangsho Chatterjee e Supreeta Singh PR.

Colectivo Glovo participa no Dance Bridges Festival da India