O espectáculo Libres!!!, con texto de Esther Carrodeguas e dirección de Andrés Lima, e protagonizado por Alba Flores, vén de gañar o Premio do Público da 35ª edición do Festival Internacional Outono de Teatro de Carballo, o FIOT.
Así o deu a coñecer esta mesma mañá a organización do Festival, aproveitando para facer un balance moi positivo da edición en canto á asistencia, ás vendas, á participación, á valoración de público, ás críticas e ás sensacións vividas. Segundo informaron, o FIOT reuniu preto de trece mil persoas ao longo das súas seis semanas de programación, nas que ofreceu corenta e tres espectáculos e vinte e cinco actividades complementarias, cunha ocupación total no Programa de Sala, a súa principal liña de exhibición.
O Programa de Sala acadou unha puntuación media do público dun 4,27 sobre 5, mentres que a valoración global da programación do FIOT —que abrangue o Programa de Sala, o OTNI, a Rúa dos Contos, o FIOT en Ruta e o FIOTiño— foi dun 4,37 sobre 5. Unha valoración especialmente significativa para o Festival, tendo en conta a participación de 2359 votantes rexistrados, “que amosa a implicación do público e a excelente acollida das propostas desta edición”, segundo puxo en valor a organización.
Deste xeito, Libres!!!, da compañía Teatro del Barrio, foi o espectáculo máis valorado polo público neste #FIOT35, cunha puntuación de 4,88 sobre 5. A segunda posición foi para Las gratitudes, adaptación da novela de Delphine de Vigan, dirixida por Juan Carlos Fisher e protagonizada por Gloria Muñoz, que obtivo un 4,83 sobre 5. Pola súa banda, La segunda venida de Cristo o el yoga de Jesús, de Rafael Álvarez, El Brujo, acadou a terceira posición cun 4,81 sobre 5.
Recoñecementos no Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado
Pola súa banda, A vergonza era verde e comeuna a vaca, da compañía de Alicia López, foi seleccionado como o Mellor Espectáculo do Certame de Micro-Escenas Metro Cadrado, mentres que Abril González, da Compañía La Tercera, coa peza Fogar, foi a gañadora do Premio do Público á Mellor Interpretación nesta X edición do certame.
En palabras de Alberto Sueiro, presidente da Asociación Telón e Aparte, entidade organizadora do FIOT coa colaboración do Concello de Carballo: “Celebrar 35 edicións é, sobre todo, celebrar unha comunidade que medra arredor do teatro. O balance desta edición confirma que o FIOT é moito máis ca unha programación de espectáculos: é un proxecto cultural colectivo, construído durante décadas co compromiso do público, das compañías, das institucións, das entidades colaboradoras e dun equipo humano que fai posible que Carballo se converta cada outono nun punto de encontro único para as artes escénicas”.
Sueiro quixo incidir especialmente no seu agradecemento a todas as persoas que apoian o Festival: “Estamos especialmente satisfeitos coa resposta á programación, cun público fiel e entregado desde a mesma presentación do programa, pero tamén coa capacidade de seguir abrindo novos espazos de participación, acompañar os procesos de creación e achegar o teatro a espectadores e espectadoras cada vez máis diversos. O FIOT mantén viva a súa vocación de ser motor da cultura galega desde o territorio, de crear oportunidades para o talento e de facer da cultura unha experiencia compartida. Grazas a todas as persoas que forman parte deste camiño e que fan posible que, 35 anos despois, o corazón do teatro en Galicia siga latexando con forza. A resposta tan positiva e incondicional na asistencia, na prensa, na sala e na rúa fainos querer seguir con gañas e forza cara unha nova entrega do FIOT en 2027”.


