Mañá, venres 27, e o sábado, 28 de novembro, a compañía galega Teatro do Noroeste fará as dúas primeiras funcións do seu novo espectáculo, Vento mareiro non dá voltas. Será no auditorio da Casa da Cultura do Milladoiro, ás 20:30 horas. A montaxe conta con dirección de Carlos Álvarez-Ossorio, e partiu do texto homónimo de Alberto de Casso e Julio Fernández Peláez, gañador do VII Premio Laudamuco de textos teatrais promovido polo Concello de Brión xunto coa Academia Galega de Teatro, que tamén foi publicado por Edicións Positivas en 2025.
Vento mareiro non dá voltas é un thriller familiar protagonizado por Rocío González, Xosé Barato e Lara Álvarez Álvarez. A montaxe producida por Teatro do Noroeste, con Eva Alonso na produción executiva, conta co patrocinio do Concello de Brión e coa colaboración do Concello de Ames para a súa estrea, así como coas axudas a creación escénica da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).
Sinopse
“Neste espectáculo teatral presentamos unha familia aburguesada que parece telo todo baixo control: un matrimonio progresista e acomodado permanece atrapado nos seus discursos e contradicións, mentres a súa filla adolescente comeza a identificarse con ideoloxías de extrema dereita. Un thriller familiar sobre a distancia entre o que pensamos, o que dicimos e o que realmente somos. E se os nosos fillos fosen todo aquilo contra o que sempre loitamos? Que sabemos realmente dos nosos fillos? Somos tan coherentes cos nosos ideais como pensamos? Por que resulta cada vez máis difícil escoitar a quen pensa diferente?
Vento mareiro non dá voltas transforma un conflito familiar nun retrato das contradicións da sociedade contemporánea. A incomunicación entre xeracións, a radicalización ideolóxica, o racismo, a crise dos modelos familiares e a hipocrisía dunha sociedade que defende determinados valores mentres se resiste a renunciar aos seus privilexios atravesan unha historia tan próxima como inquietante.
É un espectáculo que interpela tanto ao público adulto como ao adolescente e que convida a confrontar perspectivas, cuestionar certezas e abrir conversas. Porque ás veces resulta máis doado intentar cambiar o mundo que comprender as persoas coas que vivimos”.
A montaxe
Carlos Álvarez-Ossorio adapta o texto de Julio Fernández e Alberto de Casso incorporando unha terceira voz á estrutura orixinal: Nuria, a filla adolescente. A posta en escena combina interpretación, acción performativa, proxeccións e creación sonora en directo, construíndo unha atmosfera de tensión crecente próxima ao thriller psicolóxico.
As proxeccións de César Seijas amplían o universo da representación e confrontan a intimidade familiar coas imaxes dun mundo permanentemente conectado.
O espazo sonoro nace na propia escena: Nuria, interpretada por Lara Álvarez, crea en directo as atmosferas sonoras cunha guitarra eléctrica e un pedal de efectos. A música convértese nunha prolongación das súas emocións e da súa maneira de relacionarse co mundo.
O deseño da escenografía é de Violeta Martínez, a escenografía como metáfora da crise familiar. O espazo escénico sitúa o público “no fogar familiar dunha familia aburguesada que vive nun loft impoluto, nunha harmonía que só é ilusión e que se irá derrubando progresivamente”.
A montaxe conta coa produción executiva de Eva Alonso, ao cargo de Teatro do Noroeste, que tamén lidera o Equipo Taetro, responsable do vestiario e a asistencia na escenografía.
Actividade previa
Ademais da estrea, hoxe, xoves 26 de novembro, desenvolverase no I.E.S. do Milladoiro unha actividade de mediación co alumnado de 1º e 2º de bacharelato, que están convidados a asistir a calquera das funcións do espectáculo.
Xira
O espectáculo comeza a súa xira coa estrea, mañá e pasado, e seguirá a súa itinerancia por Galicia ao longo de todo 2027. As entradas para as dúas funcións de estrea poden conseguirse en liña ou no despacho de billetes do Auditorio antes da función. Algúns dos seguintes lugares e datas confirmados son:
- 23 de xaneiro no Teatro Jofre en Ferrol
- 27 de febreiro no Concello de Vigo
- Vimianzo (tamén en febreiro, con data pendente de confirmación)
- 4 e 5 de marzo no Teatro Principal de Santiago de Compostela
- 15 de maio no Concello de Brión, acompañando a IX edición do Premio Laudamuco.
A compañía
Teatro do Noroeste é unha compañía de teatro galega fundada en 1987, que en 2027 cumpre 40 anos de traxectoria. Ten producido e distribuído máis de 45 espectáculos. Entre estas pezas se poden salientar desde textos clásicos, como Rei Lear, Macbeth ou Noite de Reis, de William Shakespeare, ou As vodas de Fígaro, de Caron de Beaumarchais; até textos máis contemporáneos, como Os Xustos, de Albert Camús; ou de autores galegos, como Historias Peregrinas e A grande noite de Fiz, de Miguel Anxo Murado, e Unha rosa é unha rosa, de Suso de Toro, ou o musical Imperial: Café cantante. Vigo 1936, de Eduardo Alonso, entre moitos outros. Na súa última etapa, súmanse obras como As damas de Ferrol, Guerra, Manual de Patronaxe ou Polo de Franco, actualmente en xira por toda Galicia.
Teatro do Noroeste está, nestes últimos anos, levando a cabo un relevo xeneracional “consciente e planificado”. Coa idea de facer deste proceso “unha transición ordenada e harmoniosa”, está a levar a cabo “a convivencia entre proxectos nesta nova liña e proxectos de sempre, habituais en Teatro do Noroeste”.
Vento Mareiro non dá voltas é, segundo a compañía, “un deses proxectos do que se podería chamar esa nova liña e que nos achegan ao relevo xeracional total”.


