Cando falamos de artes sempre acaba xurdindo a procura diso que damos en chamar “orixinalidade”. O concepto de “orixinal” non está exento de polémica e de moitos matices e condicións. A min unha das definicións que máis me gusta para este termo é a de Isaac Díaz Pardo, cando afirmaba que orixinal é aquilo que bebe das orixes. Nas orixes dunha persoa está un pobo e nas do pobo unha tradición, nos diferentes ámbitos culturais que reflicten e configuran o carácter desa comunidade, en simbiose cun ecosistema “natural” determinado.
Dentro das artes, as escénicas, e máis aínda a danza, traen nos corpos e no seu movemento as pegadas directas ou indirectas deses trazos que a tradición foi sedimentando, fronte á presión da colonización do global. Atreveríame a dicir que o individual, desvinculado dunha topografía ou ecosistema cultural, e da súas fontes na tradición, corre o risco de ser marioneta das tendencias inducidas polo macro-dispositivo global capitalista.

En relación a isto e á creación artística que pon o corpo e o movemento no centro, o Consello Territorial da SGAE en Galicia, en colaboración coa Agadic/Xunta de Galicia, está a prestar atención a un dos sectores creativos máis vizosos e necesitados do noso contexto cultural: a danza. Para iso, entre as súas actividades, organizou un obradoiro de “Creación Coreográfica desde a Tradición” con Jon Maya, director de Kukai Dantza, Premio Nacional de Danza en 2017. Na fin de semana do 13 ao 15 de novembro celebrouse a segunda parte, despois da boa acollida e dos incribles resultados obtidos na primeira edición celebrada en febreiro deste mesmo ano 2026.
Nesas xornadas, bailarinas e bailaríns de baile tradicional e de danza contemporánea conviviron nun diálogo moi enriquecedor reciprocamente. O tradicional galego tamén dialogou co vasco e coa singularidade e a creatividade de cada persoa, en simbiose co grupo. Jon Maya propiciou, desde a escoita, un encontro no que descubrimos ferramentas e posibilidades para espertar a consciencia sobre o movemento que nos identifica, para encontrar e expandir ese “movemento casa” no que nos sentimos a gusto e a vontade. Un “movemento casa” desde o cal visitar ou viaxar a outros movementos-casa e desde o que desenvolver todo un territorio.
Experimentamos e investigamos a “deconstrución” dos pasos aprendidos ou herdados, para profundar e chegar á súa posible esencia, ao máis básico. Un traballo de concentración e propiocepción expandidas para “decapar” os pasos, os xestos, os movementos e xogar a recompoñelos de diferentes maneiras. Desde aí descubrimos outros camiños posibles.
Jon propiciou, desde o movemento en grupo, a aparición de diferentes atmosferas, de imaxes dinámicas de grande beleza e calidade existencial. Unha danza inclusiva na que as características de cada persoa suman, na que entra a voz cantada, a voz falada e o texto, a música, o silencio… A mostra que fixemos o último día, aberta ao público, foi unha especie de peza de danza composta por todas as achegas, orquestradas por Jon Maya, con momentos sorprendentes e moi valiosos, nos que se podía apreciar esa orixinalidade mencionada ao principio deste artigo.

A Fundación SGAE, ademais, programou na Sala Germán Copini da súa sede compostelá, o sábado 14 de novembro, NIRE TXOKOTIK (Desde o meu recuncho) de Kukai Dantza con Jon Maya. Un espectáculo no que o baile tradicional vasco é un substrato que nutre unha danza contemporánea que se teatraliza desde unha autenticidade ligada ao biográfico e ao territorio.
Nel, en breves momentos falados, Jon defínese como dantzari: alguén que aprendeu e practicou sempre en comunidade, así que o pobo forma parte da súa identidade. “Desde o seu recuncho” dialoga co mundo e danza o que el é e o que trae consigo desde a mirada de Cesc Gelabert, Israel Galván e Sharon Fridman. Tres miradas para tres secuencias ou escenas, cada unha delas coa súa música e o seu vestiario.

Entre elas tamén son importantes as transicións á vista do público, porque contribúen a un acercamento e, por tanto, a un abrir portas e ventás, a un convite. Nestas transicións, o “dantzari” actúa, contándonos ao micrófono algunhas das claves que iluminaron o traballo, as inquedanzas que forman parte da danza. Nunha desas pasaxes, o convite tamén foi para a música galega a través da zanfona de Manuela López Fraguela, unha das participantes no obradoiro, e para un baile a dúo con Vanesa Castaño Bellón, tamén “dantzari”, a súa compañeira de vida e de traballo.
Na primeira secuencia, Gelabert semella desencadear en Jon a expansión do tradicional cara ao universal, nunha dimensión case mítica. As xeometrías transfórmanse en verdade e autenticidade. O corpo podería ser unha escultura de Chillida, convertendo e mudando o espazo nun garabato humano. O ser é un debuxo xeroglífico no ar, belo e suxerinte.
Na segunda secuencia, Galván atiza o xogo lúdico, teatral, desenfadado, incluso humorístico, xerando situacións que, dalgún xeito, podemos identificar ou recoñecer, polas actitudes, por xestos emblemáticos estilizados, pola importancia dos contrastes e dos cambios na presenza. As frases de movemento, coas súas paradas, avances e recesos, coa dirección da mirada e o xogo das expresións faciais, desde o desenfado, a diversión e a ambigüidade, xeran situacións fulgurantes e magnéticas.
Pola súa banda, na terceira parte, Fridman deconstrúe e vai ao fondo, á esencia, e toca o miolo. Nesta secuencia a repetición e a acumulación, na variación da velocidade, xeran unha intensificación impresionante. O efecto da luz, case traspasando o corpo e o movemento, así como a proxección ampliada da súa silueta en sombra na parede, funcionan como un medio para internarnos e entrar dentro do propio cerne desa danza, onde casa o arcaico co actual e onde as palabras son incapaces de nomear ou describir.
Para rematar, Jon regálanos o primeiro baile que aprendeu con 6 anos, o cerimonial “aurresku”. Unha ofrenda que impresiona polo ímpeto explosivo e contido dos saltos e por esa severidade da vertical que nunca perde o eixo. Unha danza que é como unha árbore marabillosa, rexa e flexible, con raíces profundas.
Con NIRE TXOKOTIK e co obradoiro de “Creación coreográfica desde a tradición” descubrimos as posibilidades da danza para ser fogar, para ser filosofía: “danzo, logo existo”, que nos axude a coñecernos e a recoñecernos. Pero tamén para emprender a necesaria viaxe cara ao outro, cara ao descoñecido, cara á diversidade e a complexidade do ser en comunidade. E todo isto, desde o gusto da conexión, desde a implicación e o compromiso de quen pon o corpo.

- Jon Maya na SGAE en Compostela - 24/11/2026
- O teatro que vén - 28/10/2026
- A danza contemporánea galega voa - 31/08/2026


