in ,

Falece o bailarín e coreógrafo Xián Martínez

Desenvolveu un amplo labor como intérprete e creador escénico no eido da danza contemporánea

Xián Martínez
Xián Martínez. Imaxe de Carlota Mosquera.

O mundo das artes escénicas galegas comezou a tinguirse de loito nas pasadas horas ao darse a coñecer a nova do falecemento do creador escénico, bailarín e coreógrafo vigués Xián Martínez Miguel, aos trinta anos de idade. Foron a súa parella, Àlex Marteen, e diferentes persoas que colaboraron con Xián ao longo dos anos as que informaron onte do suceso, acontecido o pasado xoves en Barcelona, e as redes sociais axiña se encheron de numerosas mensaxes de agarimo, lembrándoo e despedíndose del.

Marteen compartiu que hoxe, domingo 18 de outubro, as persoas achegadas tamén poderán despedirse de Xián no Tanatorio Sancho de Àvila de Barcelona, entre as 17:45 e as 19:00 horas.

O seu legado

Xián Martínez Miguel era creador escénico, bailarín, coreógrafo e director, e o fundador e director do proxecto artístico e compañía de danza iXa. Formado no Real Conservatorio Profesional de Danza Mariemma, posteriormente titulouse tamén en Coreografía e Interpretación no Conservatorio Superior de Danza de Madrid.

Como intérprete, traballou para compañías e institucións como Dantzaz, la ÓperadeLille e a Staatsoper de Berlín, así como para creadoras e creadores como Sol Picó, Marta Pazos,Toni Mira, Martin Harriague ou Àlex Ollé, entre outras e outros.

'Ollos cara adentro' de Elena Castellanos e Xián Martínez, de iXa Danza.
‘Ollos cara adentro’, de Elena Castellanos e Xián Martínez, de iXa Danza. Foto: Blanca Razquin.

Entre as súas producións propias destacan Pioneras/Aitzindariak,Ollos cara adentro, NIK·EU 2.0, 52-BLAU e TACTO, e desenvolveu tamén creacións por encarga para outras entidades nacionais e internacionais, como The Other Half of Love (Black Leaves Dance Company,EE.UU.), Yellow Lemon (École de Danse Contemporaine de Montréal, Canadá / EBB Junior Company, Madrid) ou
XeraciónZ (CDAN,Galicia), entre outras.

'Yellow Lemon' de Xián Martínez Miguel. Fotos: Guillaume Guardia e Máxime Còte.
‘Yellow Lemon’ de Xián Martínez Miguel. Fotos: Guillaume Guardia e Máxime Còte.

As súas obras foron presentadas en teatros e plataformas nacionais e internacionais, recibindo máis de quince premios e diversos recoñecementos, entre os que destaca o premio ao intérprete sobresaliente con perfil de creador no Certamen Coreográfico de Madrid en 2023.

Ademais, tanto Xián como iXa recibiron o apoio de entidades como a Xunta de Galicia, o Goberno de Navarra, Dansa Metropolitana, L’Estruch, LaCaldera, L’Obrador, Centro Coreográfico, BADBilbao ou LaTurbo.

O seu último proxecto estreado foi A espera do baleiro, unha coprodución entre a Companhia de
Dança de Almada (Portugal) e o Centro Coreográfico Galego estreada o pasado 25 de setembro. Ademais, estaba a traballar en Lurrik Gabe, a nova produción propia de iXa, que tiña a súa estrea prevista para abril de 2027.

Xián foi tamén asistente de movemento para diversos proxectos e profesor convidado en entidades de referencia, como o American DanceFestival, o Institut del Teatre ou o Conservatorio Superior de Madrid.

Xián Martínez Miguel.
O bailarín, coreógrafo e creador escénico Xián Martínez.
Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Foto xurado Premios da Cultura Galega 2026

Elefante Elegante gaña o Premio da Cultura Galega na modalidade de Artes Escénicas