in

Secuestrado polo teatro

Cando o xogo teatral, nun proceso de creación, é quen pensa e nos revela

'Less Drag Queens and More ChuNorris' de ALÓproducións/Alberte Bello. Foto: Diego Seixo.
'Less Drag Queens and More ChuNorris' de ALÓproducións/Alberte Bello. Foto: Diego Seixo.

Avanza o verán de praia e verbenas, mentres os teatros dormen eclipsados polo afán turístico e viaxeiro. Fican aínda algúns espectáculos de rúa en espazos exteriores, amenizando festas. Nos interiores algunhas compañías ensaian as estreas que se aveciñan para o inicio de temporada, que adoita coincidir co do curso escolar en setembro.

A sección de opinión da erregueté tamén sucumbiu á enchente teatral de comezos do verán que, no meu caso, veu servida pola estrea, o 20 de xuño no Teatro Ensalle, de Domitila de Amparo Martínez Paz, a quen acompañei desde a dramaturxia e a dirección escénica, xunto ao dúo prodixioso das Macarenas, Macarena Montesinos na música e no espazo sonoro, e Macarena Palacios na luz e no espazo escénico, e polos festivais de xullo: a Mostra de Cangas, parcialmente, porque me coincidiu cos traballos académicos do fin de ano lectivo, e o Festival de Almada case completo. En Almada foron quince días de felicidade e de intensidade, en simultáneo cun curso de portugués, indo e vindo case todos os días a Lisboa, máis a escrita e publicación de 18 artigos sobre os 18 espectáculos que alí vin.

Todas estas semanas sen escribir artigos de reflexión sobre artes escénicas débense tamén a unha especie de loito moi estraño e difícil de explicar: o final de Artezblai. El Periódico de las Artes Escénicas y Visuales, dirixido polo amigo Carlos Gil, que parou en xaneiro deste ano. Desde o 18 de febreiro de 2013 até o 12 de xaneiro de 2026, publicando un texto semanal, incluíndo períodos de nadal e verán, foron uns 660 artigos, alén das críticas de espectáculos. Así que, a partir de xaneiro, ese oco xeroume unha sensación estraña.

Non obstante, a reflexión sobre artes escénicas non cesou, porque continuou aquí, se cadra un pouco máis espaciada no tempo e, inevitablemente, nas aulas de dramaturxia, onde a crítica e a análise de procesos de creación e de espectáculos forma parte da disciplina.

Despois dos 18 artigos publicados entre o 8 e o 21 de xullo sobre os espectáculos vistos en Almada, a miña reflexión sobre artes escénicas foi secuestrada polo proceso de creación de Less Drag Queens and More ChuNorris, unha coprodución entre ALÓproducións/Alberte Bello e o Centro Dramático Galego/Xunta de Galicia, que se vai estrear no Teatro Rosalía de Castro da Coruña o domingo 20 de setembro.

Unha dramaturxia de proceso implica ter un mapa de ruta previo, cunha investigación sobre algúns dos aspectos e das imaxes en acción que xorden na súa ideación, aberto á escoita e ao xogo co equipo artístico. Unha ideación que xa comezou coa propia escolla do equipo, porque se trata de traer á sala de ensaios a complexidade singular das subxectividades de suxeitos, de persoas, e de maneiras de entender e de vivir o feito escénico, ademais do que eu considero máis importante, tanto na vida como nas artes vivas: a química que se dá entre as persoas, esas sinerxías, contrastes e complementariedades que non se poden aprender, deseñar, planear, nin impoñer e que forman parte da maxia do teatro.

Ese traballo, na primeira fase, xunto a Dani Blanco e a Alberte Bello, foi e está a ser unha marabilla, porque, como a min máis me gusta, o xogo teatral, a partir daquel primeiro mapa de ruta (estrutura dramatúrxica) e daquelas investigacións previas, estanos levando a unha peza divertida, con zonas esteticamente inéditas e reveladoras.

O xogo teatral, neste proceso de entrega e de escoita da inter-acción, fixo abrollar unha peza da que estamos moi contentos. Aí súmase a ollada de artistas que admiramos e que nos son próximos, como Diego Seixo (imaxe, vídeo), Estefanía Gómez Cascudo (movemento), Noa Iriarte (luz) e Sergio B. Carpintero (vestiario), ademais doutras colaboracións, unhas xa previstas e outras que van xurdindo polo camiño.

En conclusión, a miña capacidade para reflexionar sobre artes escénicas, e para producir pensamento nese sentido, está secuestrada por un proceso de creación que me acompaña case as vinte catro horas do día, alén da vixilia, porque incluso xorde por entre os soños. E o máis fascinante é como – con toda a mochila de formación académica, lecturas, espectáculos vistos e analizados, artigos escritos, conversas,  experiencia previa na creación teatral, e todo o que un vive e respira – é o propio teatro, finalmente, no exercicio investigador de ir alén dos moldes e das receitas que xa sabemos que funcionan, desde a escoita integral, o que nos vai guiando e levando a descubertas, nalgunhas ocasións, catárticas.

O proceso de creación, ao final, é como un camiño de (re)coñecemento e de luz que te absorbe. Se tes a posibilidade de encontrar persoas que te acompañen nesa comuñón alegre e feliz, entón vas poder asistir a como se aliñan os astros e abrolla esa flor inimaxinable, impensable e inédita, para dar un froito que quere ser unha pequena luz no mundo, unha area na praia dun mar inmenso. Ese mar que baña e reconforta unha humanidade menos depredadora e destrutiva, máis consciente e emancipada, máis empática e sensible.

Ao final, pensar o teatro é pensar co corpo, atreverse a xogar e a escoitar, e pensar a vida, para unha vida mellor.

Afonso Becerra
Latest posts by Afonso Becerra (see all)

Afonso Becerra

Afonso Becerra

Director da erregueté | Revista Galega de Teatro. Pertence ao seu Consello de Redacción desde o 2006. Doutor en Artes Escénicas pola Universitat Autònoma de Barcelona. Titulado Superior en Dirección escénica e dramaturxia polo Institut del Teatre de Barcelona. Titulado en Interpretación polo ITAE de Asturies. Dramaturgo e director de escena. Exerce a docencia en dramaturxia e escrita dramática na ESAD de Galiza desde o ano 2005. É colaborador, entre outras publicacións, de revistas de cultura e artes performativas como 'ARTEZBLAI', 'Primer Acto', 'Danza en escena', 'Tempos Novos', 'Grial'. Entre setembro de 2019 e xuño de 2021 foi colaborador especialista en artes escénicas da CRTVG, no programa 'ZIGZAG' da TVG. Desde setembro de 2022 é colaborador semanal sobre artes escénicas do 'DIARIO CULTURAL' da RADIO GALEGA.
Premio Álvaro Cunqueiro da Xunta de Galicia en 2001. Premio María Casares á Mellor Adaptación teatral en 2016. Premio de Honra do Festival de Teatro Galego, FETEGA, do Carballiño (Ourense) en 2020. Premio Internacional de Xornalismo Carlos Porto en 2024 e 2026, de prensa especializada, do Festival de Almada, organizado pola Câmara Municipal de Almada, do que tamén recibira unha Mención Honrosa en 2020.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

A festa dos Títeres, no festival Titiriberia

Titiriberia celebra a súa undécima edición