in

O Centro Dramático Galego estrea ‘A gaivota, ensaio aberto’

O espectáculo, que conta cunha ampla colaboración internacional, xirará por Europa e América

Presntación A gaivota, ensaio aberto
Imaxe da presentación do espectáculo 'A gaivota, ensaio aberto', esta semana, no Salón Teatro. Fonte: Xunta de Galicia.

Hoxe, xoves, 1 de outubro, ás 18:00 horas, o Salón Teatro, en Santiago de Compostela, acolle a estrea da coprodución internacional A gaivota, ensaio aberto. A montaxe parte do clásico de Antón Chejov para construír unha proposta contemporánea que sitúa as mulleres e as súas experiencias vitais e profesionais no centro da acción.

O espectáculo forma parte da temporada 2026-2027 da compañía pública da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e está enmarcado, así mesmo, nas actividades do Xacobeo 2027. A súa realización é froito dunha colaboración internacional liderada polo Centro Dramático Galego coa implicación do Complejo Teatral de Buenos Aires – Teatro San Martín, Teatro El Galpón de Montevideo e INAE de Uruguai, Teatro Nacional Kven de Noruega, Teatro Nacional de Bautzen de Alemaña, Colectivo 84, Cena Lusófona, Cía Bonifrates e Centro Dramático de Évora de Portugal, Raiz di Polón de Cabo Verde, Institut Valencià de Cultura e a produtora galega Crémilo, entre outras entidades escénicas.

Un innovador modelo de colaboración

A Xunta de Galicia busca con este proxecto darlle un novo pulo á proxección exterior das artes escénicas galegas, a través dunha iniciativa que establece, ademais, un modelo de colaboración que vai máis alá da circulación internacional. A proposta está concibida para incorporar actrices dos territorios que visite, de maneira que os papeis principais poidan ser asumidos por intérpretes locais e as súas propias experiencias pasen a formar parte da dramaturxia. Este formato permite que, partindo da súa concepción en Galicia, a montaxe se transforme en cada país e favoreza, ao tempo, o intercambio de experiencias artísticas e vitais entre profesionais de diferentes procedencias.

O espectáculo propón unha revisión da obra de Antón Chejov a partir dunha situación teatral: na véspera da estrea, as dúas actrices protagonistas deben ser substituídas. Este imprevisto dá lugar a un ensaio aberto que acaba por converterse no propio espectáculo, no que os fragmentos do texto orixinal se entrelazan coas experiencias persoais das intérpretes e no que a realidade e a ficción se confunden diante do público.

A dirección e a dramaturxia corren a cargo do galego Santiago Cortegoso e do portugués Neto Portela, mentres que o elenco desta primeira versión está integrado por Déborah Vukušić, Mercedes Castro e Uxía Suevos. As tres intérpretes dan vida a Nina, Arkádina e a personaxe que Chejov identifica como a Moza, nunha proposta que aborda a posición das actrices dentro do teatro e das mulleres na sociedade, así como o paso do tempo, o amor e a creación artística.

A montaxe foi creada no marco das residencias ArtisTEA do Concello de Ponteareas e DescArtes da Cidade da Cultura de Galicia, e conta tamén coa colaboración do Padroado da Cultura de Narón e do Ministerio de Cultura de Cabo Verde.

Periplo dentro e fóra de Galicia

Hai catro funcións previstas no Salón Teatro de Santiago, dende hoxe, que se estrea, ao 4 de outubro (xoves, venres, sábado e domingo, ás 18.00 horas). Despois, A gaivota, ensaio aberto iniciará a súa xira internacional no Uruguai, onde estará do 11 ao 15 de outubro no marco do Festival Internacional de Artes Escénicas (FIDAE) e da colaboración co Teatro del Galpón. A seguinte parada será na Arxentina, do 23 ao 25 de outubro, en colaboración co Complejo Teatral de Buenos Aires-Teatro San Martín.

Ademais de visitar os teatros das entidades coprodutoras, a montaxe poderá verse tamén Romanía, Serbia como parte dun periplo ao que se están adherindo novos espazos e que, no primeiro trimestre de 2027, fará así mesmo escala en diferentes escenarios galegos.

Ficha artística da estrea

Dirección e dramaturxia: Santiago Cortegoso e Neto Portela
Elenco: Déborah Vukusic, Mercedes Castro,
Uxía Suevos
Vestiario: Saturna
Movemento: Rosy Timas
Espazo sonoro e composición musical: Jeff Hesney e Xosé Lois Romero
Espazo escénico e iluminación: Centro Dramático Galego
Asistencia técnica: Amelia Poyato
Asistencia de produción: Santi Romay

Redacción

Redacción

Redacción

Somos a erregueté | Revista Galega de Teatro.
A única publicación periódica que ten como obxecto as artes escénicas galegas dende 1983.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *

Companhia Certa na peza A instalação do medo

Tratando o medo con humor no 17º Festival Internacional de Teatro É-aqui-in-Ócio